Andy Selva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Andy Selva
Información persoal
Nome Andy Selva
Nacemento 23 de maio de 1976
Lugar de nacemento Roma
Altura 1,75 m.
Posición Dianteiro
Información de club
Club actual Tre Fiori (ad.)
Carreira xuvenil
–1994 Endas Monti
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1994–1995 Latina 26 (5)
1995–1996 Civita Castellana 31 (10)
1996–1998 Fano 32 (1)
1998–1999 Catanzaro 40 (6)
1999–2000 Tívoli 21 (15)
2000–2001 San Marino 29 (4)
2001–2002 Maceratese 5 (1)
2002 Grosseto 15 (2)
2002–2003 Bellaria 30 (21)
2003–2005 SPAL 51 (22)
2005–2006 Calcio Padova 20 (2)
2006–2009 Sassuolo 59 (23)
2009–2011 Hellas Verona 29 (8)
2011–2013 Fidene 26 (6)
2013 La Fiorita 3 (2)
2013–2014 Anziolavinio 6 (1)
2014–2018 La Fiorita 68 (36)
Selección nacional
1997 San Marino sub-21 1 (1)
1998–2016 San Marino 73 (8)
Adestrador
2018–2019 San Marino sub-17
2020–2022 Pennarossa
2022– Tre Fiori
Na rede
FIFA: 180563 UEFA: 41252 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Andy Selva, nado en Roma o 23 de maio de 1976, é un adestrador e exfutbolista sanmarinés, que dende 2022 adestra o Tre Fiori. Considerado o mellor futbolista sanmarinés da historia, xogaba como dianteiro e foi 73 veces internacional coa selección de San Marino, sendo o segundo xogador con máis partidos do combinado e o seu máximo goleador histórico, con 8 goles.[1][2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Como futbolista[editar | editar a fonte]

Formouse como futbolista nas categorías inferiores do Endas Monti e na tempada 1994/95, debutou na Serie D co Latina, co que marcou 5 goles en 26 partidos na súa tempada de debut. Na seguinte campaña xogou no Civita Castellana, tamén da Serie D, co que marcou 10 goles en 31 partidos, antes de pasar ao Fano, da Serie C2, onde permaneceu ata marzo de 1998, xogando 32 partidos cun só gol. Ata outubro de 1999 xogou no Catanzaro, de novo na Serie C2, onde disputou 40 partidos en total, marcando 6 goles.

Na campaña 1999/00 volveu á Serie D, nas filas do Tívoli, onde marcou 15 goles en 21 partidos, mentres que para a tempada seguinte fichou polo San Marino, onde marcou 4 goles en 26 partidos na Serie C2. Na tempada 2001/02 xogou en tres equipos diferentes, todos da Serie D: o San Marino, o Maceratese e o Grosseto.

A continuación militou no SPAL e no Padova, da Serie C1, ata que en 2006 fichou polo Sassuolo. Na súa segunda tempada coa camisola do equipo emiliano, conseguiu un histórico ascenso á Serie B, contribuíndo de forma decisiva con 11 goles a se proclamaren campións do grupo A. É o sétimo máximo goleador da historia do Sassuolo con 29 goles. En xullo de 2009 foi traspasado ao Hellas Verona,[3] onde, tras un bo inicio positivo culminado cun triplete contra o Andria BAT, unha lesión afectou o seu rendemento durante varios meses.

Nos seus últimos anos como futbolista militou no Fidene,[4] no La Fiorita de Montegiardino, e no Anziolavinio. O 2 de agosto de 2018, despois dun partido da Europa League contra o Spartaks Jūrmala, anunciou a súa retirada do fútbol.[5]

Selección sanmarinesa[editar | editar a fonte]

Posuídor de dobre nacionalidade, italiana por parte de pai e sanmarinesa por parte nai, optou por xogar na selección sanmarinesa, da que chegou a ser histórico capitán. É o segundo xogador con máis partidos na historia da selección (73) e o seu máximo goleador, con 8 tantos.

O 14 de outubro de 1998, contra Austria, marcou o seu primeiro gol coa selección nacional dende o punto de penalti. Foi tamén o único gol de San Marino na fase de clasificación para a Eurocopa de 2000. En 2001 anotou dous dos tres goles da súa selección na fase de clasificación para o Mundial de 2002. O 28 de abril de 2004, grazas ao seu gol a balón parado, San Marino logrou a primeiro e única vitoria da súa historia, derrotando a Liechtenstein por 1-0 nun partido amigable. Ao ano seguinte, contra Bélxica e Bosnia e Hercegovina, asinou os dous únicos goles da selección na clasificación para o Mundial de 2006. Marcou dous goles máis, contra Gales e Eslovaquia, en 2007 e 2008 respectivamente.

O 13 de outubro de 2015, anunciou que a derrota por 0-2 ante Eslovenia sería a última na que portou o brazalete de capitán.[6] Deixou o campo nos últimos minutos dun Noruega-San Marino (4-1) o 11 de outubro de 2016, case un ano despois, facendo a súa 73ª e última aparición coa selección nacional.[7] No momento da súa retirada era o futbolista que máis veces vestira a camisola de San Marino, ata que foi igualado e superado en 2022 por Matteo Vitaioli.[8]

Como adestrador[editar | editar a fonte]

Comezou a súa carreira como adestrador dirixindo a selección sub-17 de San Marino entre 2018 e 2019. Posteriormente pasou polo banco do Pennarossa e en 2022 fichou polo Tre Fiori. Debutou co equipo de Fiorentino na primeira rolda de clasificación para a Conference League contra o Fola Esch de Luxemburgo e fixo historia ao converter ao club no primeiro de San Marino en gañar os dous partidos dunha mesma eliminatoria europea.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "All’ombra del Titano" (en italiano). 8 de xaneiro de 2016. Consultado o 26 de xullo de 2022. 
  2. "San Marino, aspettando una vittoria da 15 anni. Ma con un record nel palmares" (en italiano). 8 de setembro de 2019. Consultado o 26 de xullo de 2022. 
  3. "Hellas, arrivano Selva e Pensalfini" (en italiano). 8 de xullo de 2009. Arquivado dende o orixinal o 5 de abril de 2017. Consultado o 26 de xullo de 2022. 
  4. "Il Fidene tenta la scalata con Andy Selva e Mattia Biso" (en italiano). 13 de outubro de 2011. Consultado o 26 de xullo de 2022. 
  5. Maschio, Tommaso (27 de xuño de 2018). "Andy Selva dice basta. San Marino perde il suo recordman" (en italiano). Consultado o 26 de xullo de 2022. 
  6. "Selva si toglie la fascia" (en italiano). Consultado o 26 de xullo de 2022. 
  7. "Andy Selva, la Leggenda del calcio di San Marino" (en italiano). 26 de marzo de 2018. Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2022. Consultado o 26 de xullo de 2022. 
  8. "Ecco Capoverde! Vitaioli aggancia Selva a quota 73 presenze, Costantini: “Guai a rilassarsi”" (en italiano). 27 de marzo de 2022. Consultado o 26 de xullo de 2022. 
  9. "Tre Fiori ante la historia: un equipo de San Marino nunca ha pasado de segunda ronda en Europa" (en italiano). 21 de xullo de 2022. Consultado o 26 de xullo de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]