Ana de Cleves

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ana de Cleves
AnneCleves.jpg
Reinado 6 de xaneiro 1540 - 9 de xullo de 1540
Sucesora consorte Catarina Howard
Pai Xoán III de Cleves
Nai María de Julich
Nada 22 de setembro de 1515
Morte 16 de xullo de 1557

Ana de Cleves ou Ana de Clèves (alemán: Anna von Jülich-Kleve-Berg) naceu na cidade de Düsseldorf o 22 de setembro de 1515 e morreu en Hever o 16 de xullo de 1557, sendo a segunda dos 4 fillos de Xoán III, duque de Clèves, e de María de Julich, herdeira dos ducados de Julich, Berg e Ravensberg.

Matrimonio con Henrique VIII[editar | editar a fonte]

Dado o oco baleiro de consorte do rei deixado tras a morte de Xoana Seymour, buscouse dentro das grandes familias protestantes unha muller que ocupase o trono. Así os embaixadores do rei e mailo pintor Hans Holbein o Mozo, que tiña encarga de pintar os retratos das damas para os enviar logo a Londres, coñeceron a Cristina de Dinamarca, Luísa de Guisa, Ana de Lorena, Renata de Guisa e Ana de Cleves.

Ao ser o duque de Cleves aliado dos príncipes protestantes, o chanceler Thomas Cromwell decidiu promocionar perante o rei a unión e os beneficios que desta se desprenderían se se realizaba o casamento con súa filla. Encargóuselle ao artista Hans Holbein o Mozo un retrato de Ana, e Henrique amosouse satisfeito co resultado. Hoxe en día sábese que os artistas da corte tiñan abondosos detalles coas persoas importantes ás que retrataban. Por iso, Holbein disimulou as marcas de varíola no retrato de Ana.

Divorcio[editar | editar a fonte]

Retrato de Ana de Cleves ao redor de 1540.

Se cadra por iso, Henrique VIII non se sentiu compracido coa chegada de Ana a Inglaterra aínda que casaron o 6 de xaneiro de 1540 no Palacio de Placentia, en Greenwich, preto de Londres. Henrique arelaba crebar o enlace mais non quería ser violento nin inxusto con Ana, así que decontado atopou un pretexto para o divorcio. Esta maridanza foi o comezo da fin do Chanceler do rei, Thomas Cromwell, por ser el o que propuxera o matrimonio con Ana de Cleves crendo así que reforzaría os lazos con outros aliados luteranos.

Dentro das numerosas damas das que dispuña Ana de Cleves, atopábase unha rapariga duns quince anos, mais non exenta de beleza, chamada Catarina Howard, curmá da antiga raíña Ana Bolena, da que o rei, ao igual que fixera coa súa curmá, namourouse rapidamente, iniciando unha apaixonada relación sentimental case de inmediato.

A maridanza foi anulada ao alegar que a maridaxe non se chegara a consumar, debido en certa forma as ansias que tiña o rei de se desposar con Catarina. Malia todo isto, Ana foi compensada con diversas propiedades, incluíndo o Castelo de Hever, pertencente á familia da segunda muller de Henrique: Ana Bolena que acabara degolada pola orde e gusto do seu marido.

Convertida en princesa de Inglaterra, Henrique outorgoulle o título de Súa Graza A Irmá do Rei. Ana permanecería en Inglaterra durante o resto da súa vida.

Foi a derradeira das seis esposas de Henrique VIII en morrer, ocorrendo o seu deceso nas súas terras de Chelsea, o 16 de xullo de 1557, sendo sepultada na abadía de Westminster. Ao remate dos seus días reconverteuse ao catolicismo seguindo os consellos da que foi súa fillastra, María Tudor.

Predecesor:
Xoana Seymour
Raíña Consorte de Inglaterra
1540
Sucesor:
Catarina Howard

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Ana de Cleves