Aleister Crowley

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aleister Crowley en 1929.

Aleister Crowley, nado co nome de Edward Alexander Crowley en Leamington o 12 de outubro de 1875 e finado en Hastings o 1 de decembro de 1947, foi un ocultista, escritor, místico e hedonista británico. Coñecido polos seus escritos ocultistas, especialmente The Book of the Law, o texto sagrado central do Thelema.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dun millonario cervexeiro galés, pronto quedou orfo e herdou unha gran fortuna. Foi criado por dúas tías solteiras que pertencían ós Irmáns de Plymouth, unha igrexa protestante moi puritana, estudou en Cambridge, onde por primeira vez empezou a sentirse libre lonxe da súa familia: desa época datan os seus primeiros ensaios, novelas e poesías eróticas. Como ocultista adoptou, a modo de un dos seus nomes máxicos, o de Baphomet, para o que deseñou un símbolo, baseándose nun deseño orixinal tallado en pedra.

Ingresou no Templo de Isis-Urania da Orde Hermética da Aurora Dourada de carácter rosacruciana: enfrontado con outros membros da orde como William Butler Yeats e S. L. McGregor Mathers, deixou a orde e creou a organización ocultista Astrum Argentum (A:.A:.), chegando tamén a ser cabeza visible da OTO (Ordo Templi Orientis), tamén foi membro honorífico doutras sociedades secretas e loxias masónicas.

Retirouse a Escocia, preto da localidade de Foyers onde mercou unha casa a beiras do famoso Lago Ness á que chamou Pazo de Boleskine. Alí, de acordo co antigo costume escocés de chamar "Laird" a un terratenente, fíxose chamar Laird de Boleskine e Abertarff.

Crowley chamou Iluminismo Científico ó seu sistema para a A:. A:. e para divulgar os ensinos do mesmo escribiu, xunto con varios colaboradores, a serie de revistas chamadas "O Equinoccio" (The Equinox). O lema do Iluminismo Científico é "O método da Ciencia, o obxectivo da Relixión", lema no que, conforme aclara o propio Aleister Crowley, "está expresado todo".