Acordo de Alvor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Agostinho Neto, líder do MPLA e primeiro presidente de Angola, reuníndose co embaixador de Polonia en Luanda, en 1978

O acordo de Alvor, ou tratado de Alvor, asinado o 15 de xaneiro de 1975 na freguesía de Alvor, Portimão, concedeu a independencia de Angola por parte de Portugal, considerada como necesaria polos dirixentes do novo réxime portugués.[1]

A paz foi efectiva desde o 11 de novembro dese ano, finalizando así a Guerra de Independencia de Angola, pero marcando o comezo da Guerra civil angolana.

Entidades participantes[editar | editar a fonte]

O acordo foi asinado pola Unión Nacional para a Independencia Total de Angola (UNITA), a Fronte Nacional para a Liberación de Angola (FNLA), o Movemento Popular de Liberación de Angola (MPLA),[2] e o Goberno de Portugal, excluíndo del á Fronte para a Liberación do Enclave de Cabinda e á Revolta do Leste, formada por forzas de guerrilla localizadas no leste de Angola. A coalición de forzas de liberación que asinou o acordo de Alvor estableceu un goberno que caeu pronto, debido aos sentimentos nacionalistas das distintas faccións, que dubidaban das demais, e intentaban tomar cada unha o control do goberno pola forza, dando lugar á Guerra civil angolana.[3][4]

Negociacións[editar | editar a fonte]

Funcionarios esquerdistas do goberno destituíron ao goberno de Marcelo Caetano en Portugal durante a Revolución dos Caraveis, o 25 de abril de 1974. A UNITA, a FNLA e o MPLA negociaron cada un por separado acordos de paz co goberno provisional de Portugal, e comezaron a loitar uns contra outros para controlar o país e Luanda, a súa capital. Holden Roberto, Agostinho Neto e Jonas Savimbi reuníronse en Bukavu (Zaire, actual República Democrática do Congo) en xullo, e acordaron negociar co Goberno de Portugal como unha única entidade política.

Nunha entrevista á Agência Lusa, o dirixente socialista, António de Almeida Santos, que o 15 de xaneiro de 1975 era ministro da Coordenação Inter-Territorial e integraba a delegación portuguesa que asinou o acordo, refire que, tan pronto come veu o documento, soubo que "aquilo non resultaría".[5] De feito, pouco tempo despois do asinarse o acordo, os tres movementos iniciaron unha loita armada polo control do país, conflito coñecido como a guerra civil angolana.[6]

Termos do tratado, e dificultades[editar | editar a fonte]

Os partidos acordaron celebrar as primeiras eleccións da Asemblea Nacional de Angola en outubro de 1975. Desde o 31 de xaneiro de 1975 até a independencia, un goberno de transición formado polo Alto Comisionado portugués Almirante Rosa Coutinho, e gobernaría un Consello do Primeiro Ministro (PMC). O PMC estaba composto por tres representantes, un de cada partido angolano, e o Primeiro Ministro rotaría entre os tres representantes. Cada decisión requiría o apoio dunha maioría de dous terzos. Os doce ministerios repartíronse a partes iguais entre os partidos angolanos e o goberno portugués, tres por cada un. Witney Wright Schneidman (2004) criticou esta disposición porque aseguraba unha "parálise virtual na autoridade executiva". A Oficina de Intelixencia e Investigación advertiu de que un excesivo desexo de preservar o equilibrio de poder no acordo prexudicaría a capacidade de transición do goberno angolano.[3][4][7]

O obxectivo principal do goberno portugués nas negociacións foi evitar a emigración masiva dos angolanos brancos. Paradoxalmente, o acordo só permitiu ao MPLA, á FNLA e á UNITA nomear candidatos ás primeiras eleccións da asemblea, desconsiderando deliberadamente aos bakongo, os cabindeses e os brancos. Os portugueses razoaron que os brancos angolanos terían que unirse aos movementos separatistas, e os separatistas terían que moderar as súas plataformas para ampliar a súa base política.[7]

O acordo pedía a integración das ramas militantes dos partidos angolanos nun novo exército, as Forzas de Defensa angolanas. Estas contarían con 48 000 efectivos, formados por 24 000 loitadores portugueses e 8 000 combatentes do MPLA, a FNLA e a UNITA, respectivamente. Cada parte mantivo cuarteis e postos separados. Cada decisión militar requiría o consentimento unánime de cada partido e do mando militar conxunto. As forzas portuguesas carecían de equipamento e compromiso coa causa, mentres que os nacionalistas angolanos eran antagónicos entre si e carecían de adestramento.[3][7]

Edward Mulcahy, Secretario de Estado adxunto para os asuntos africanos no Departamento de Estado dos Estados Unidos, lle dixo a Tom Killoran, o Cónsul Xeral dos Estados Unidos en Angola, que felicitara ao PMC en lugar da FNLA e a UNITA, e a Coutinho polo "incansable e prolongado esforzo de Portugal no acordo de paz".[8][7] O secretario de Estado, Henry Kissinger, considerou inaceptábel calquera goberno que implicase ao MPLA comunista pro soviético, e o presidente Gerald Ford ordenou unha axuda máis elevada á FNLA.[9]

En xullo, o MPLA obrigou violentamente a FNLA a saír de Luanda e a UNITA retirouse voluntariamente ao seu bastión no sur. Alí, as forzas do MPLA rexitaon á UNITA, e esta declarou a guerra. En agosto, o MPLA tiña o control de 11 das daquela 15 capitais de provincia, incluíndo Cabina e Luanda. Suráfrica interveu o 23 de outubro, enviando de 1 500 a 2 000 efectivos de Namibia ao sur de Angola. As forzas da coalición FNLA-UNITA-Suráfrica tomaron cinco capitais de provincia, entre elas Novo Redondo e Benguela en tres semanas. O 10 de novembro os portugueses abandonaron Angola. As forzas cubanas aliadas co MPLA derrotaron ás forzas sueafricanas e ás da FNLA, mantendo o control sobre Luanda. O 11 de novembro Agostinho Neto declarou a independencia da República Popular de Angola.[3] A FNLA e a UNITA responderon proclamando o seu propio goberno con sede en Huambo.[10] A mediados de novembro, o goberno de Huambo tiña o control sobre o sur de Angola e comezou a empuxar cara ao norte.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]