Óscar Fernández Mel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaÓscar Fernández Mel
Biografía
Nacemento24 de marzo de 1931 Editar o valor em Wikidata
Colón (Cuba) (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte23 de xuño de 2019 Editar o valor em Wikidata (88 anos)
A Habana, Cuba Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeCuba Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade da Habana Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmédico , revolucionario Editar o valor em Wikidata

Óscar Fernández Mel, ás veces escrito Óscar Fernández Mell, nado o 24 de marzo de 1931 en Colón, e finado o 23 de xuño de 2019 na Habana[1] foi un médico, guerrilleiro e político cubano, de orixe galega.

Gran amigo do Che Guevara, combateu xunto a el en Sierra Maestra e no Congo. Foi alcalde da Habana durante dez anos e embaixador cubano en Londres e Helsinqui.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixe e xuventude[editar | editar a fonte]

Fillo de José Fernández Penelas e María Mel Castro, naturais do lugar de Currás, no concello da Pastoriza. O seu pai emigrou a Cuba de moi novo, onde vendeu carbón pola rúa e traballou nunha farmacia do municipio de Perico, na provincia de Matanzas, até que regresou para casar con María en Bretoña. Logo marcharon a Cuba e instaláronse en Colón, onde tiveron cinco fillos, o último deles Óscar, que naceu o 24 de marzo de 1931. Pouco despois a familia volveu a Galicia.[2]

Despois dun tempo en Bretoña, foron vivir a Mondoñedo, á casa dunhas irmás de José.[2] A finais de 1937, no transcurso da guerra civil, a familia volveuse embarcar cara Cuba.

Alí, Oscar rematou os seus estudos primarios e secundarios en Colón e sacou a carreira de medicina na Universidade da Habana. Na universidade comezou a militar no movemento estudantil e a vincularse co Directorio Revolucionario e co Movemento do 26 de Xullo.[3]

Loita contra Batista[editar | editar a fonte]

En 1958, en plena ditadura do xeneral Fulgencio Batista, Óscar Fernández Mel deixouno todo para unirse como médico á guerrilla de Fidel Castro en Sierra Maestra, tras coñecer que precisaban médicos.[4] Neses montes coñeceu ao Che Guevara, co que comezou unha amizade que durou ata o final dos seus días.

O 31 de agosto de 1958, saíu de Sierra Maestra integrado na columna Ciro Redondo, comandada polo Che, en dirección aos montes Escambray, na provincia de Las Villas. A idea de Fidel era levar a guerra ao centro e oeste da illa, para o que ademais da columna do Che, enviou á provincia de Pinar del Río a columna Antonio Maceo comandada por Camilo Cienfuegos. En decembro, en Cabaiguán, tivo que colocarlle unha férula e escaiolarlle un brazo ao Che, que fracturou un cóbado ao caer dun muro. Tamén tivo que operar sen anestesia ao guerrilleiro galego Manuel Díaz González, gravemente ferido nun pulmón por culpa dun morteiro.[5]

Mel, ou "Oscarcito" como o chamaba o Che, prticipou como axudante daquel na decisiva batalla de Santa Clara e tras o triunfo, o 3 de xaneiro de 1959 dirixíronse á Habana para tomar o cuartel La Cabaña. Os 3.000 soldados que alí se atopaba xa se renderan fronte aos milicianos do 26 de Xullo e Mel entrou xunto ao Che e Aleida March no cuartel, onde as tropas esperaban en formación para recibir ao novo comandante da gornición.[3]

Revolución Cubana[editar | editar a fonte]

A partir daquel momento, Mel viviu case sempre co Che e a súa familia, primeiro en La Cabaña e máis tarde nos barrios habaneiros de Ciudad Libertad, Miramar e Nuevo Vedado. Ademais foi designado xefe dos servizos médicos do novo exército,[6] presidente do Colexio Médico de Cuba e director do Hospital Frank País.

En maio de 1960, tras o terremoto de Valdivia, o máis potente rexistrado nunca, dirixiuse a Chile encabezando unha delegación internacionalista de solidariedade, xesto que logo agradeceu o entón senador Salvador Allende.

Foi tamén nomeado Xefe do Estado Maior do exército occidental de Cuba.[7]

Guerrilla do Congo[editar | editar a fonte]

En 1965, mentres estaba de vacacións en Varadero, recibiu unha chamada da Habana invitándoo a acompañar ao Che Guevara que estaba en África loitando nas guerrilla congolesa. Mel era un dos poucos que xa sabía que o Che marchara para "exportar a revolución", pois tomáralle el uns moldes dentais para fabricarlle unha dentadura postiza como parte do disfrace co que saíu do país, pero pensaba que estaría en América do Sur, pois sabía que o seu soño era levar a revolución á súa terra natal. Non obstante, cando soubo que o destino era África aceptou sen dubidar e partiu cara Tanzania con Emilio Aragonés entre outros.[7]

En Dar es Salaam, coñeceu a Laurent-Desiré Kabila, quen para o seu desgusto, paseábase pola cidade nun Mercedes-Benz.[7] En Kigoma, non lles deixaron cruzar o lago Tanganica na lancha de Kabila, un potente bote, recente doazón cubano-soviética, e tiveron que facelo nun barco máis lento. En Kibamba recibiunos Harry Villegas "Pombo" quen lles explicou as enormes dificultades que estaban sufrindo.[8]

A misión resultou nun desastre absoluto e en novembro a delegación cubana tivo que emprender a retirada. O Che Guevara quedou na embaixada cubana en Dar es Salaam, mentres o resto de cubanos foron levados polos soviéticos a Moscova e posteriormente á Habana. Pero Óscar Fernández Mel permaneceu en Kigoma, coa misión de atopar a dous cubanos desaparecidos e evacuar aos milicianos congoleses.[9] Tardou catro meses en completar o traballo con éxito e antes de marchar foi visitar o Che que seguía na embaixada. Este ensinoulle as súas memorias do Congo, nas que o criticaba e Mel replicoulle que as críticas eran para si mesmo pois el só seguía as súas ordes.[10]

Política[editar | editar a fonte]

Volveu a Cuba levando os manuscritos do Che sobre a loita de guerrillas no Congo.

En 1965 creouse o Partido Comunista de Cuba e no seu primeiro congreso en 1975, Fernández Mel foi elixido membro do Comité Central. En 1976 foi elixido presidente do Poder Popular da Cidade da Habana (alcalde), cargo que ocupou ata 1986. Logo exerceu como embaixador cubano en Londres e Helsinqui.[4]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Durante os seus días de estudante coñeceu á famosa modelo e actriz cubana Odalys Fuentes coa que casou en 1963, co Che Guevara como padriño.[4] Tiveron tres fillos: Oscar, María Karla e Oscar Ernesto. A través de Odalys fixo amizado co tamén famoso artista Benny Moré.

Oscar Fernández Mel volveu a Galicia en 2008, cando foi nomeado fillo ilustre da Pastoriza.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Morre Óscar Fernández Mel, o galego que loitou co Che en Cuba e no Congo". Sermos Galiza. 26 de xuño de 2019. Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2019. Consultado o 27 de xuño de 2019.  Arquivado 27 de xuño de 2019 en Wayback Machine.
  2. 2,0 2,1 "Óscar F. Mel, médico de Mondoñedo, amigo del Ché Guevara y alcalde en La Habana". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de maio de 2016. Consultado o 1 de marzo de 2019. 
  3. 3,0 3,1 "Crónicas de la revolución cubana: Oscar Fernández Mel". www.tercerainformacion.es (en castelán). Consultado o 1 de marzo de 2019. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "O galego que loitou co Ché". Galicia Confidencial. Consultado o 1 de marzo de 2019. 
  5. Pérez Leira, Lois. "Crónicas de la Revolución Cubana: MANUEL DíAZ". Consultado o 17 de setembro de 2019. 
  6. Anderson 2006, p. 426.
  7. 7,0 7,1 7,2 Anderson 2006, p. 615.
  8. Anderson 2006, p. 616.
  9. Anderson 2006, p. 628.
  10. Anderson 2006, p. 633.
  11. ""Me está sorprendiendo Galicia, está más desarrollada de lo que pensaba"". El País (en castelán). 22 de agosto de 2008. Consultado o 1 de marzo de 2009. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]