Xuvenco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Xuvenco
Juvenkus.JPG
Nacementoséculo IV
Falecementoséculo IV
NacionalidadeRoma Antiga
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónpoeta e escritor
editar datos en Wikidata ]

Gaio Vetio Aquilino Xuvenco (en latín Gaius Vettius Aquilinus Iuvencus), poeta hispanolatino do século IV, fundador xunto a Sedulio da épica cristiá.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Viviu en tempo do emperador Constantino o Grande e foi de nobre ascendencia. De confesión católica, foi ademais presbítero e cara ao ano 330 publicou o primeiro poema épico latino cristián, Evangeliorum libri quattuor, unha versificación bastante literal dos evanxeos, sobre todo do de San Mateo, composta de 3219 hexámetros e repartida en catro libros. No prólogo da súa obra afirma a súa intención de cantar as fazañas salvadoras de Cristo, don de Deus aos homes. No primeiro libro narra a vinda de Xoan o Bautista, o nacemento de Xesús e a súa actividade até o comezo da súa vida pública; no segundo, os milagres e as parábolas; no terceiro, continúa coa narración de milagres e parábolas e no cuarto termina coa paixón e resurrección de Cristo.

O estilo deste texto debe bastante a Virxilio e hai resabios de Lucrecio, Horacio, Ovidio, Lucano e Estacio que demostran que Xuvenco posuía unha extensa cultura poética. Con todo, a característica máis acusada do poema é unha sinxeleza que contrasta coa ampulosidade pagá, quizais polo afán de cinguirse escrupulosamente ao texto sacro. Permítese con todo o poeta deliciosas descricións da Natureza; outras veces arríscase a comedidas interpretacións de carácter alegórico, e utiliza unha adxectivación profusa para amplificar o texto mediante procedementos parafrásticos e abusa da aliteración. Xuvenco foi moi celebrado na Idade Media, na que mereceu o cualificativo de "Virxilio cristián". Tras o Concilio de Nicea era necesario un poeta cristián que contrapor na educación cristiá ao poeta latino Virxilio e o poeta hispanolatino encheu ese oco satisfactoriamente, como demostran os numerosos códices da súa obra que chegaron até nós. Xerome de Estridon menciona outras obras súas, algunha sobre o tema dos sacramentos, que non chegaron até nós[1]. As noticias que transmite son as seguintes:

No tempo de Constantino, o presbítero Xuvenco puxo en verso a historia do noso Señor e Salvador e non a minguou nin sequera ao versificar as maxestuosas frases do evanxeo. (Xerome, Epístola a Magnum)
Xuvenco, hispano de nobre ascendencia, presbítero, compuxo catro libros, traspoñendo os catro evanxeos case á letra, en versos hexámetros, e algunhas outras cousas no mesmo metro, relativas á orde dos sacramentos. Viviu en tempos do emperador Constantino. (Serome, De viris ilustribus)

O humanista e xesuíta estremeño Faustino Arévalo, expulsado de España cos demais da súa orde ao empezar o último terzo do século XVIII, fixo unha edición crítica do texto en Boloña e en Roma.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Jerónimo, De Viris Illustribus, cap. 84; Chron., ad an. 2345; Epist. lxx, 5; In Matt., I, ii, 11.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Edición do texto latino
  • Iohannes Huemer. Gai Vetti Aquilini Juvenci Evangeliorum libri quattuor. New/Jork /London: Johnson Reprint Corporation. 
Edición en castelán
Bibliografía analítica
  • Cornel Heinsdorff. Christus, Nikodemus und die Samaritanerin bei Juvencus. Mit einem Anhang zur lateinischen Evangelienvorlage, Untersuchungen zur antiken Literatur und Geschichte 67. Berlin/New York: De Gruyter. ISBN 3-11-017851-6. 
  • Esperanza Borrell Vidal. Las palabras de Virgilio en Juvenco. Barcelona: Publicacions de la Universitat de Barcelona. ISBN 84-7875-560-8. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]