Xosé Manuel Blanco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Xosé Manuel Blanco Suárez»)
Xosé Manuel Blanco
José Manuel Blanco Suárez (en 2009)
Datos persoais
Nacemento7 de xullo de 1952
 Catabois (Serantes, Ferrol)
OrganizaciónANGN
PSG-EG
Unidade por Narón
Terra Galega
ProfesiónPolítico
editar datos en Wikidata ]

José Manuel Blanco Suárez, nado en Catabois (Serantes, Ferrol)[1] o 7 de xullo de 1952, é un político galego que foi alcalde de Narón.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Cando era novo trasladouse a vivir ao concello de Narón. Cursou estudos de bacharel na Escola de Rapariz e no Colexio Tirso de Molina. Posteriormente cursou estudos de secretariado na Academia Cervantes en Ferrol. En 1970 estivo traballando durante uns meses en Alemaña.

En maio de 1971 empezou a traballar na compañía auxiliar Uteni (na antiga Astano) e en setembro do mesmo ano é elixido ligazón sindical - no sindicato vertical- pola lista apoiada pola entón ilegal CCOO e como representante na mesa de negociación do convenio colectivo das compañías auxiliares da antiga Astano.

En febreiro de 1972 é despedido pola folga de auxiliares polo seu convenio. A partir desa data e até agosto do 76 traballa en distintos labores, embarca na mariña mercante, volve traballar nalgunhas compañías da antiga Astano e no País Vasco e como administrativo ata que en 1976 entra na empresa Fenosa na que traballaría 36 anos até se prexubilar. Nesta última empresa tamén formou parte do seu comité de empresa.

Entre 1981 e 1983 incorpórase ao movemento asociativo do seu barrio exercendo de secretario na asociación de Veciños da Gándara. En 1983 preséntase nunha lista electoral ás Eleccións Municipais e desde entón non abandonou a política Local. No ano 2009 foi elixido Alcalde de Narón, cargo que ocupou até a súa renuncia por idade en setembro de 2017, cedéndolle a alcaldía a Marián Ferreiro, do seu mesmo partido.[2]

Traxectoria política[editar | editar a fonte]

Foi administrativo da empresa Unión Fenosa, onde forma parte do comité de empresa e na que se prexubila[3] no ano 2009. Logo de presidir a asociación veciñal da Gándara, entra en política nas eleccións municipais de 1983, da man de Antonio Martínez Aneiros, cabeza de lista da Agrupación Nacionalista Galega de Narón, que acada a maioría e goberna en coalición co PSdeG-PSOE.

Nas sucesivas eleccións municipais continúa sendo elixido nas candidaturas de PSG-EG (1987 e 1991), Unidade por Narón (1995, 1999 e 2003) e Terra Galega (2007) ocupando durante este tempo diferentes delegacións como Cultura, Servizos, Urbanismo, Xestión Orzamentaria así como a 1ª tenencia da alcaldía.

En 2009 é elixido alcalde logo da renuncia de Xoán Gato ó presentarse como cabeza de lista de Terra Galega nas Eleccións ao Parlamento de Galicia 2009[4]. Nas eleccións municipais de 2011 gaña os comicios con oito concelleiros superando por 200 votos ó PPdeG. Goberna en coalición co BNG e PSdeG-PSOE[5]. Nas municipais de 2015 sube ata 10 concelleiros e continúa o goberno cos socialistas e nacionalistas.

  • De 1983-1987 é concelleiro pola Agrupación Nacionalista Galega de Narón.
  • De 1987-1991 Segundo tenente de alcalde polo Partido Socialista Galego Esquerda Galega na Delegación de Cultura e Ensino.
  • De 1991-1995 Primeiro Tenente de Alcalde polo Partido Socialista Galego- Esquerda Galega, na Delegación de Mantemento  e Xestión dos Servizos Municipais.
  • De 1995-2003 Primeiro Tenente de alcalde por Unidade por Narón na Delegación de Urbanismo.
  • De 2003-2007 Primeiro Tenente de Alcalde por Unidade por Narón. Na delegación de Urbanismo e Obras Públicas
  • De 2007-2009 Primeiro Tenente de Alcalde. Delegación de Urbanismo, Obras Públicas e Xestión Orzamentaria.
  • O 20 de xaneiro do 2009 é nomeado Alcalde de Narón.
  • En 2011 e 2015 volve ser elixido alcalde, cargo que ocupou até setembro de 2017.

Resultado electorais[editar | editar a fonte]

  • O 20 de xaneiro de 2009 é nomeado Alcalde de Narón, tras a renuncia de Xoán Gato Díaz que deixa a alcaldía para presentarse ás eleccións autonómicas.
  • En maio de 2010 é elixido, candidato á alcaldía de Narón para as eleccións municipais pola Asemblea Xeral de Terra Galega. José Manuel Blanco foi elixido alcalde de Narón nas devanditas eleccións nas que Terra Galega obtén 5713 votos (33,59%) e 8 concelleiros.
  • En setembro do ano 2013 a asemblea de TERRA GALEGA elixe de novo a José Manuel Blanco Suárez como candidato á alcaldía de Narón de cara ás eleccións municipais do ano 2015, nas que revalidou a vitoria e incrementou o seu apoio ata os 6408 votos (38,51%) e 10 concelleiros.


Predecesor:
Xoán Gato
 
Alcalde de Narón
 
2009 - 2017
Sucesor:
Marián Ferreiro Díaz

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "«Non son un líder carismático; o pobo entendeu a mensaxe do noso equipo»", entrevista en La Voz de Galicia, 23 de xuño de 2011.
  2. "Marián Ferreiro, primera alcaldesa de Narón". lavozdegalicia.es. Consultado o 24-09-2017. 
  3. "«O que máis me molesta son as beirarrúas soltas»", entrevista en La Voz de Galicia, 13 de maio de 2011.
  4. "Xosé Manuel Blanco é nomeado novo alcalde de Narón, en substitución de Xoán Gato" Arquivado 24 de setembro de 2019 en Wayback Machine., artigo na web do concello de Narón, 20 de xaneiro de 2009.
  5. "TEGA, PSOE e BNG asinan o pacto para gobernar Narón", artigo en La Voz de Galicia, 17 de setembro de 2011.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]