Saltar ao contido

Vigo Stick C.H.

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vigo Stick C.H.
CidadeVigo, Galicia Galicia
Historia2001
Fundado2001
PavillónPavillón de Bouzas (1.500)
AdestradorEnrique Urdiales
CompeticiónPrimeira División Galega (Masculino)
OK Liga (Feminino)
Cores          Celeste e azul mariño

O Vigo Stick Club de Hóckey ou Toshiba Vigo Stick C.H. por motivos de patrocinio é un equipo de hóckey a patíns da cidade de Vigo. O club naceu en 2001 froito das boas relacións entre o Traviesas e o F.C. Barcelona.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

O club fundouse en 2001 trala cesión dunha praza para xogar na Primeira División por parte do FC Barcelona a un equipo vigués polas boas relacións entre o club catalán e o Traviesas H.C. a raíz da organización do Torneo Cidade de Vigo por parte do club olívico. O club competiu na segunda categoría do hóckey a patíns español entre as tempadas 2001-02 e a 2003-04, cando acadou o ascenso á OK Liga logo de finalizar na 5ª posición.[1] O club olívico permaneceu unha tempada na máxima categoría do hóckey a patíns español, trala que descendería novamente ao finalizar a liga na 14 posición cun rexistro de 8 vitorias, 7 empates e 15 derrotas.[2]

A segunda etapa do club galego na Primeira División foi fugaz, xa que acadou novamente o ascenso á OK Liga a finais da tempada 2005-06 finalizando cun balance de 21 vitorias, 1 empate e 8 derrotas, polo que esta etapa tan só durou un ano. Logo deste ascenso o Vigo Stick permaneceu novamente un ano na máxima categoría do hóckey a patíns español, aínda que o seu novo paso pola máxima categoría foi igual de fugaz que a súa anterior etapa da Primeira División, xa que finalizaba a liga na 15ª posición, o que levou os vigueses á perda da categoría.

O 2 de febreiro de 2009, o exfutbolista do Celta de Vigo Míchel Salgado presentouse como novo presidente da entidade co propósito de asumir a débeda do club e coa intención de que Vigo recuperara un posto na elite do hóckey a patíns estatal. Porén, a situación do equipo non mellorou, o que motivou a saída de numerosos xogadores, que acusaron ao presidente de non exercer como tal e de mentir en reiteradas ocasións.[3] En decembro dese mesmo ano, o Vigo Stick era duramente sancionado logo de non comparecer no partido de Primeira División que o enfrontaría ao C.H. Mataró en terras catalás, a Comité Nacional de Competición e Disciplina Deportiva da Real Federación Española de Patinaxe (FEP) sancionaba ao club olívico cunha multa de 3001 , co pago ao equipo de Mataró dos gastos motivados pola apertura da pista, así como os gastos da arbitraxe, o que agravou a xa feble situación económica do club e que xa motivara a saída do equipo do coruñés Josama Alén por falta de pagamentos.[4]

  1. "Spain - Primera Division 2003/04" (en inglés). rinkhockey.net. Consultado o 20 de xaneiro de 2016. 
  2. "Spain 2004/2005 OK Liga" (PDF) (en inglés). rinkhockey.net. Consultado o 20 de xaneiro de 2016. 
  3. "La plantilla del Vigo Stick se siente traicionada por Míchel Salgado". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de outubro de 2009. Consultado o 20 de xaneiro de 2016. 
  4. "El Vigo Stick, abocado al adiós". DeporSport (en castelán). 10 de decembro de 2009. Consultado o 20 de xaneiro de 2016. [Ligazón morta]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]