Vieiros (libro)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Vieiros
Ricardo Carballo Calero, Vieiros, Editorial Nós, A Cruña 1931.jpg
Autor/aRicardo Carballo Calero
OrixeA Coruña
LinguaGalega
Xénero(s)Poesía
EditorialEditorial Nós
Data de pub.1931
editar datos en Wikidata ]

Veiros é un libro de poemas de Ricardo Carballo Calero publicado en 1931 pola Editorial Nós.[1] Foi reeditado en parte en 1980.[2]

Características[editar | editar a fonte]

Nos 30 poemas hai unha temática diversa, con temas superpostos. Hai lirismo, saudade, poemas animistas e neotrobadorescos. Tamén poemas de amor e outros existencialistas nos que se pregunta polo sentido da vida. Hai versos á moda tradicional e versos vangardistas.[3] Tamén esta moi presente Rubén Darío, a dialéctia do mundo real e o ideal, do ser e o deber ser.[4]

Xunto á permanencia de elementos modernistas ou románticos, no conxunto do libro predomina a pegada das tendencias poéticas máis novidosas, como o hilozoísmo ou o neotrobadorismo.[5]

Carballo Calero confésalle a Carmen Blanco:

A época de Vieiros e a época de O silencio axionllado é a época da miña mocidade, son versos escritos entre os 20 e os 24 e 26 anos. Hai unha suma de leituras que faciamos todos, os que pretendiamos escalar os cumes do Parnaso por entón. Eu tiven unha formación romántica que se reflexa no meu primeiro libriño de versos en castellano, pero xa mui mesturado de modernismo. Estes libros Vieiros e O silencio axionllado coido que supoñen a liberación desa formación, dou un paso máis alá... A metáfora de tipo criacionista ou ultraísta está presente nalgúns textos deses libros, polo menos no segundo deses libros, é posíbel que non no primeiro ou non tan claramente. A miña poesía daquela época era máis construtiva, menos arbitraria, cunha estrutura conceptual máis sólida, máis firme, que a da maioría dos meus compañeiros, non todos, pero en fin, Álvaro Cunqueiro escribía unha poesía arbitraria, menos motivada desde o punto de vista conceptual, unha poesía máis aérea[6].

E engade:

Realmente é un livro de transizón. Vieiros publicou-se no ano 1931. Eu sempre teño dúvidas se é no ano 30 ou no 31... Hai, si, evidentes relazóns coa vangarda, ainda que é un vangardismo bastante moderado o deste livro. Efectivamente, xa conectara coas liñas fundamentais de desenrolo da poesia galega naqueles tempos. E hai, ainda que mui escasamente rexistáveis, certas conexóns coas tendenzas neotrovadorescas ou hilozoístas. Si, recordo que hai un poema escrito con arreglo aos critérios da poética trovadoresca, versos escritos con paralelismo, con leixaprén.[7]

Contido[editar | editar a fonte]

O autor explica na edición de 1980:

Ja escolar en Compostela, escrebin a Ángel Casal, que entón tiña estabelecida a sua editorial na Cruña, oferecendo-lle materiais para un libro. Casal, asi, tirou-me do prelo Vieiros, en 1930. Este volume contiña poemas escritos entre 1927 e o próprio ano da edición. Deles traslado à presente colección os que me pareceron capaces e resistir hoje unha leitura indulgente, ao menos por parte do próprio autor[8]

E escolma os seguintes poemas nesta edición de 1980:

  • Profecia na noite amargurada
...

A noite será estronício de meigas
A noite será fiandeira enloitada
que irá fiando o manelo dos desacougos
para facer un mantel à miña desesperanza

... [9]
  • Evocazón da infáncia perdida
...
Mais a entrada desa via está fechada,
fechada por un valo de teas de araña:
a tea de araña do esquecimento,
a tea de araña da lonjania,
a tea de araña do sofrimento:
triple valo inexorábel e rejo.
[10]
  • Esculca
¿Ollos do corazón, a esculcar, roxos,
horizontes lonjanos!
¡Esculcas insones no trinquete da esperanza,
vangarda dos anseios capitáns dos degaros!
... [11]
  • Aperta
...
O ser e o deber ser,
o real e o ideal:
Hegel na nosa aperta[12]
.
  • Parque (Lugo)
...
Cheias de doces chios,
as árbores son as gaiolas voluntárias
da paxariada ceibe
...[13]
.
  • Mañá
...
E as nosas vidas caíran no serán,
mainamente, sostidas
polo paracaídas
na noncuranza do tempo.[14]
  • Bibliófilo
...
Abres un libro novo latejando,
coa emozón do que chega
ao corpo encoiro e branco dunha virge[15]
.
  • Fiestra ao mar e à cidade
...
No estúdio de alto teiro
do horizonte visíbel,
escultor de si mesmo
...[16]
  • Abisag
...
Cando o rei vello a bicou nas fazulas,
soou sen ninguén a arpa de David[14]

O autor contáballe a Carmen Blanco sobre este último poema:

...Cando me sirvo do contido da historia bíblica de David e Abisag trato de profundar na transcendencia desta relación entre a sulamita e o anciano rei de Israel; paréceme que en realidade neste motivo está presente algo muito máis transcendente que simple relación amorosa entre un vello e unha moza, que é un tema literario ordinariamente tratado de forma satírica e humorística... Neste sentido interésame muito este tema porque representa, ao meu xuízo, o esforzo do que se atopa próximo a deixar a vida por aferrarse a ela. Por esta razón ten unha transcendencia existencial, que excede con muito a anécdota que parece frívola, que parece mesmo cómica ou ridícula, do vello verde...[17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Carballo Calero, Ricardo (1931). Vieiros. Nós. 
  2. Carballo Calero, Ricardo (1980). Pretérito imperfeito (1927-1961). Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-047-7. 
  3. Iglesias, Xabier (1/6/2016). "Os libros de Ánxel Casal". 
  4. Rabuñal, Henrique (2020). Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra. Galaxia. p. 128. ISBN 978-84-9151-436-7. 
  5. Villamayor, Sindo (1996). Historia da Literatura Galega. 33. O silencio interior (1940-1950). Ed. A Nosa Terra. p. 1036. ISBN 84-89679-05-3. 
  6. Blanco, Carmen (1989). Conversas con Carballo Calero. Galaxia. p. 203. ISBN 84-7154-654-X. 
  7. Fernán-Vello, M.A.; Pillado Mayor, F. (1986). Conversas en Compostela con Carballo Calero. Sotelo Blanco. p. 74. ISBN 84-86021-32-4. 
  8. Carballo Calero 1980, p. 9-10.
  9. Carballo Calero 1980, p. 16.
  10. Carballo Calero 1980, p. 18.
  11. Carballo Calero 1980, p. 19.
  12. Carballo Calero 1980, p. 20.
  13. Carballo Calero 1980, p. 21.
  14. 14,0 14,1 Carballo Calero 1980, p. 24.
  15. Carballo Calero 1980, p. 26.
  16. Carballo Calero 1980, p. 27.
  17. Blanco 1989, p. 235.