Vítimas da guerra civil en Navarra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
No Parque da Memoria de Sartaguda tense erixido varias obras en homenaxe ás vítimas da guerra civil en Navarra. Na imaxe, a de Néstor Basterretxea.

As vítimas da guerra civil en Navarra producíronse na súa maioría debido á represión directa exercida polos sublevados contra a Segunda República española, nun territorio que foi rapidamente controlado polo autonomeado bando nacional, sen producirse fronte de guerra no mesmo.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

A conspiración que deu orixe á guerra civil española tivo en Navarra un dos seus piares. Fomentada principalmente na rexión polos carlistas e os partidos monárquicos "afonsinos", configurouse decisivamente coa chegada a comezos de 1936 do novo gobernador militar, o xeneral Emilio Mola, quen convertería a Navarra nunha peza chave da sublevación militar que tería lugar o 18 de xullo de 1936.[2]

A diferenza do sucedido noutros puntos de España, nos que os sublevados tiveron que facer fronte á resistencia das autoridades republicanas ou das forzas esquerdistas, o levantamento en Navarra foi un éxito rotundo, non atopando case resistencia.[1][3] Porén, esta falta de oposición non impediu que se desencadeara unha dura represión contra os partidarios e simpatizantes das esquerdas que sería finalmente a causante da maior parte das mortes. A violencia afectou principalmente aos militantes da Federación de Traballadores da Terra da Unión Xeral de Traballadores que, con gran predominio na rexión da Ribeira de Navarra, representaban maioritariamente aos campesiños sen terra. A meirande parte de ditas mortes produciuse nos primeiros meses da guerra, un período de "terror quente" caracterizado polas execucións extraxudiciais, paseos e sacas de presos dos lugares de reclusión.[4][5] Un elemento adicional que contribuíu a incrementar o seu número foi a presenza, na proximidade de Pamplona, do Forte San Cristovo, lugar de reclusión de varios centos de presos do bando republicano durante toda a guerra. As condicións estremas de cativerio e a célebre fuga que tivo lugar en maio de 1938, saldada con decenas de mortes e a captura da práctica totalidade dos fuxidos, contribuíron tamén a engrosar o número de finados.[6] Á represión hai que engadir as mortes producidas como consecuencia dos ataques aéreos republicanos.[7]

A violencia política desencadeada en Navarra logo do triunfo da sublevación afunde as súas raíces na situación política e social de Navarra, evidenciada durante a República. Nesta época Navarra caracterizábase polo carácter católico e conservador da súa sociedade[8] e polo seu atraso económico, que levaba a unha das taxas de emigración mais altas de España.[9] O problema social de mais relevancia era o agrario, protagonizado polos campesiños sen terra, que trataron durante todo o período republicano de acceder ás tradicionais terras comunais ou "corralizas", fundamentalmente no sur da provincia, daquela en mans dos grandes terratenentes. As tensións políticas, manifestadas en ocasións de xeito violento, confrontaron o poder político, ostentado durante todo o período polos partidos de dereitas, coa pobreza estrema dos campesiños.[10] Porén, outros asuntos políticos de gran relevancia durante o período republicano, como o estatuto de autonomía vasco-navarro, non tiveron un reflexo importante na represión que tivo lugar durante o período bélico, por mor de que o sentimento de pertenza vasca era común e foron as diferenzas ideolóxicas as que evitaron o estatuto conxunto, fundamentalmente a confesionalidade católica do mesmo.[11]

Hoxe sábese que se saldou con máis de 3.000 mortos. Ao remate da guerra, o réxime franquista impuxo o silencio sobre estes feitos que adquiriron na opinión pública a consideración de tabú mentres os escasos estudos realizados tenderon a minimizar a súa dimensión. Trala reinstauración da democracia, diversas investigacións teñen conseguido reconstruír con detalle o fenómeno represivo grazas ao impulso das asociacións de familiares das vítimas. Este proceso culminou coa publicación da extensa obra Navarra 1936. De la Esperanza al Terror que se foi ampliando ao longo dos anos até chegar á súa derradeira edición en 2008. Froito do coñecemento destes estudos se realizaron diversas homenaxes, cuxa manifestación máis importante tivo lugar en 2003 cunha Declaración oficial do Parlamento de Navarra en favor do recoñecemento e reparación moral de tódolos navarros fusilados.[12]

Os anos trinta en Navarra[editar | editar a fonte]

Situación social[editar | editar a fonte]

Escudo republicano da cidade de Pamplona na praza de Touros. Obsérvese a coroa mural timbrando o escudo.

Navarra contaba en 1930 cunha poboación, predominantemente rural, de 345.883 persoas, que correspondía a unha densidade de 33,19 habitantes por quilómetro cadrado. As cidades máis poboadas, Pamplona e Tudela, tiñan 42.259 e 11.248 habitantes respectivamente. O medre demográfico era pequeno, cun 0,15% anual.[13]

Por sectores, a agricultura ocupaba a un 64% da poboación activa. Porén, aínda que as propiedades agrarias en Navarra estaban formadas por minifundios, estes pertencían nun 56,4% a unha minoría de grandes terratenentes, sendo un 30,6% os que pertencían aos medianos propietarios e só un 13% era dos pequenos propietarios. Deste xeito, case o 50% da poboación activa agraria non era propietaria. A burguesía preferiu investir en terras e apenas na industria moderna. O fame e a miseria que se apoderaron do campesiñado proporcionaron man de obra resignada e barata. A diferenza entre o pequeno propietario e o campesiño sen terra radicaba en que o primeiro era pobre e o segundo mísero. As corralizas (extensos terreos que existían ao sur de Navarra, antigas terras comunais de propiedade municipal, vendidas polos povos no século XIX como consecuencia das difíciles situacións económicas que atravesaban, froito das guerras, especialmente a primeira guerra carlista, ou obrigados polas desamortizacións civís) eran propiedade dunhas poucas familias.[14] Dende 1841 até 1960, Navarra foi de xeito ininterrompido a segunda provincia de España con maior índice de emigración, por enriba de Galicia e Estremadura.[9] Os sectores industrial e de servizos concentrábanse fundamentalmente en Pamplona, Tudela, Altsasu, Olazagutia, Vera, Villava, Marcilla, Cortes, Castejón (importante nudo ferroviario) e Esa. Estas localidades mantiñan unha estreita relación coa produción agrícola, agás as do norte que tiñan un carácter máis industrial, relacionado con cementeiras e fundicións.

A sociedade navarra, ademais de fundamentalmente agrícola, era predominantemente conservadora e católica. Isto último foi determinante na evolución política deste territorio. Existía unha maior densidade de cregos por número de habitantes que noutras partes de España.[15]

O nivel cultural non era moi elevado, por mor da falta de escolas. A taxa de analfabetismo rondaba o 30% para Navarra.[16] Aínda que era inferior á do resto de provincias españolas, a súa distribución era desigual segundo as merindades, sendo superior na de Tudela (concretamente, no sur de Navarra a taxa de analfabetismo roldaba o 50% da poboación), así como nas zonas rurais respecto das urbanas e en mulleres respecto a homes.[17]

Organizacións laborais e políticas[editar | editar a fonte]

Escudo de Navarra durante a Segunda República Española[18]
Sindicatos

A UGT e a Confederación Nacional de Traballadores (CNT) eran os sindicatos que agrupaban á maioría dos xornaleiros e obreiros. Dada a débil industrialización navarra, eran sindicatos fundamentalmente agrarios. A UGT, único sindicato legal durante a Ditadura de Primo de Rivera,[19] era forte na Ribera, por mor dos problemas dos campesiños sen terra, a través da Federación Nacional de Trabajadores de la Tierra, creada en 1930, que era a organización mais importante e con maior capacidade de mobilización. O seu líder en Navarra, o caballerista Ricardo Zabalza, sería posteriormente secretario xeral da FNTT en toda España. Outras zonas con significativa implantación sindical eran a comarca de La Barranca, zona industrial e ferroviaria, e Pamplona, a máis numerosa ao proclamarse a República. A afiliación á UGT pasou duns cinco mil traballadores en 1931 a mais de dez mil en 1934.[20] O seu auxe estaba relacionado, polo menos aos comezos da República, coa presenza no Ministerio de Traballo de Francisco Largo Caballero, quen pretendía levar a cabo o programa do PSOE sobre a cuestión agraria.

A CNT tiña o seu principal feudo na Ribera Alta.[21] En 1936 chegou a contar con 1.600 afiliados en toda a provincia.[22] Este sindicato tivo un activismo mais amplo que o que se puidese desprender da súa exigua afiliación. A súa ideoloxía anarquista con conviccións anticlericais e críticos co autoritarismo e o Estado, non violenta en Navarra senón eminentemente cultural e social, rexeitando ademais as convencións familiares e sexuais, promovendo un gran número de iniciativas culturais, como é o caso do Ateneo Libre Acuerdo de Allo promovido por Aurelio Íñigo.[23]

En 1932 estabeleceuse en Navarra o sindicato nacionalista vasco ELA-Solidaridad de Obreros Vascos (dende 1933 ELA-Solidaridad de Trabajadores Vascos). Durante o período republicano a súa afiliación incrementouse até acadar o seu cénit en 1936, cuns 4.200 afiliados. Tiña un carácter menos agrario que os sindicatos de esquerdas.[24]

Especial relevancia tiveron tamén os sindicatos católicos agrarios que, porén, perderon importancia tralo seu fracaso ante a cuestión agraria e a implantación dos sindicatos de esquerdas. Existiron tamén sindicatos católicos mixtos (que incluían obreiros e patróns), como "La Conciliación", e os nomeados sindicatos católico-libres.[25]

Patronais

As organizacións patronais agrarias estaban representadas pola Federación Agro-Social de Navarra (FASN) (a antiga Federación Católica Social Navarra), que agrupaba a pequenos propietarios, e a Asociación de Propietarios e Terratenentes de Navarra (APTN) que agrupaba aos grandes. Ambas colaboraron estreitamente durante a República.[26]

Partidos obreiros
  • O Partido Socialista era o partido de esquerdas mais importante e mellor organizado ao inicio da República, con cinco agrupacións e 400 afiliados en 1931, en parte debido á actitude conciliadora que mantivo durante a maior parte da ditadura de Primo de Rivera.[19] A Federación Socialista de Navarra formaba parte da federación rexional vasco-navarra do PSOE. Entre os seus líderes estaba o presidente en Navarra Gregorio Ángulo, o xa citado sindicalista Ricardo Zabalza, o médico Constantino Salinas ou Julia Álvarez (que até 1932 foi vicepresidenta do Partido Republicano Radical Socialista).
  • O Partido Comunista, cuxa federación navarra formaba parte da Federación Comunista Vasco-Navarra,[27] tivo escaso desenvolvemento nos primeiros anos da República en Navarra, inferior incluso á súa minoritaria implantación no resto de España, onde só tiña núcleos significativos en Madrid, Sevilla e Biscaia. A partir de 1934, baixo a dirección de Jesús Monzón, o Partido Comunista pretendeu chegar á unidade de acción cos socialistas, época que coincidiu coa medrante radicalización do PSOE. Nesta aproximación produciuse a unificación da Xuventude Socialista e da Xuventude Comunista nunha soa organización, as Juventudes Socialistas Unificadas (JSU), o 1 de abril de 1936.[28]
Partidos republicanos

O republicanismo contaba con organización fundamentalmente en Pamplona, pero non foi até a proclamación da República que os diversos partidos republicanos comezaron a contar con estruturas en toda Navarra:

  • O Partido Radical (PRR) de Alejandro Lerroux era o partido republicano mais importante e constituíu 33 comités locais entre 1931 a 1936. A súa evolución foi parella á do partido a nivel nacional. Nas eleccións de 1931 presentouse ás eleccións dentro da Conjunción Republicano-Socialista. En 1933, constatouse o seu afastamento das esquerdas: ás eleccións de 1936 presentouse en solitario e colaborou coas dereitas na xestora da Deputación Provincial, formando xa parte do Bloque de Derechas .
  • Acción Republicana (AR), cuxo líder nacional era Manuel Azaña e en Navarra Ramón Bengaray.
  • O Partido Republicano Autónomo Navarro (PRAN), foi o partido que máis se expandiu en 1931, trala reorganización impulsada por Serafín Huder. Foi un dos partidos que, en Navarra, se integrou en Izquierda Republicana en 1934. Un membro relevante foi Mariano Ansó, primeiro alcalde republicano de Pamplona, o cal, porén, tralas eleccións constituíntes se uniu a AR, sendo o líder republicano navarro de maior relevancia a nivel nacional e chegando a ser ministro con Negrín durante a Guerra Civil.
  • O Partido Federal, que cobrou novo ímpeto trala proclamación da República. Era federalista e defensor dos foros vasco-navarros, aínda que tivo escaso peso en Navarra. Dous dos fundadores do partido en Navarra, Victoriano Navascués e Pablo Yanguas, integrados posteriormente en Izquierda Republicana (IR), serían fusilados en 1936.
  • O Partido Republicano Radical Socialista (PRRS), que procedía do PRR, e cuxas figuras máis relevantes eran Emilio Azarola, alcalde de Santesteban e Aquiles Cuadra, concelleiro de Tudela.
  • Unión Republicana (UR), xurdido en 1934 agrupando ás faccións máis centristas do republicanismo descontentas coa viraxe á dereita dos radicais. Moi minoritario en Navarra, estaba liderado polo médico Eduardo Martínez de Ubago.
  • En 1934, trala desfeita das eleccións do ano anterior, AR, parte dos PRRS (os Independentes) e o PRAN confluirían o 29 de marzo de 1934 en Izquierda Republicana (IR). Posteriormente se integraron outras agrupacións republicanas, conseguindo, a través deste partido, darlle ao republicanismo de esquerdas importancia. IR logrou 46 agrupacións en Navarra en 1936.
Partidos nacionalistas vascos
  • O Partido Nacionalista Vasco (PNV) mantivo unha postura próxima á Igrexa Católica no social e unha defensa do Estatuto de Autonomía para as provincias vascas entre as que se incluía, loxicamente, a Navarra. Isto último era defendido, ao proclamarse a República, con diferentes enfoques, por case tódolos partidos, agás os alfonsinos co poderoso Diario de Navarra. Porén, o seu peso en Navarra era pequeno, tendo presenza sobre todo en Estella, Pamplona e o norte vascofalante. As súas figuras máis destacadas eran Manuel Aranzadi e Manuel de Irujo.
  • Acción Nacionalista Vasca (ANV) xurdiu en 1930 como escisión do anterior por non compartir a confesionalidade de aquel. Definíase como nacionalista vasco, laico e republicano. O seu líder en Navarra foi Pello Irujo. Tiña escasa forza en Navarra e nas eleccións de 1936 formou parte do Frente Popular.
Partidos de dereitas antirrepublicanos
  • Os diversos grupos carlistas, os "jaimistas" (seguidores de Jaime de Borbón), con Tomás Domínguez Arévalo (conde de Rodezno), os "integristas" (seguidores da defensa integral católica), con José Sánchez Marco, e os "mellistas" (seguidores de Juan Vázquez de Mella), con Víctor Pradera, unificáronse en xaneiro de 1932 na Comunión Tradicionalista, a cal a partir de entón tivo un gran desenvolvemento organizativo até 1934 inclusive. Realizaban unha inequívoca defensa dos postulados católicos con numerosos lazos con organizacións deste carácter, que se desenvolveron enormemente durante o período da República. A consideración pola súa banda de que as accións da República eran antirrelixiosas incrementou a súa base electoral de forma significativa. A súa influencia na Ribeira e na zona da Montaña non sería importante até o comezo da guerra civil. O seu líder máis significado foi o conde de Rodezno.

Por outra banda, existían sectores católicos non relacionados co carlismo, de orientación monárquica "afonsina" (partidarios de Afonso XIII):

Evolución política[editar | editar a fonte]

O Diario de Navarra, de ideoloxía monárquica, foi parte decisiva na sublevación que deu orixe á Guerra Civil. Na fotografía as históricas oficinas do xornal conservador, que aínda é hoxe o máis lido en Navarra.

A proclamación da República levouse a cabo en Pamplona cun grande entusiasmo popular. Na noite do 13 de abril percorreu as rúas de Pamplona unha manifestación republicana. Foi derribado o busto do xeneral Sanjurjo e arrancáronse as placas de Avenida de Alfonso XIII e da Plaza de Primo de Rivera.[29] Ao día seguinte, 14 de abril, o médico pamplonés Serafín Huder izou a bandeira republicana dende o balcón do concello ás sete da tarde (aínda que Pamplona non fora unha das corenta e un capitais de provincia onde os republicano-socialistas triunfaran).

Porén, o mapa electoral de Navarra, xa dende as eleccións municipais do 12 de abril de 1931, reflectiu durante toda a república unha ampla e constante maioría do bloque de dereitas. Esta foi medrando nas diversas convocatorias electorais que se levaron a cabo. Así, o voto de dereitas pasou do 63,2% en 1931 (resultados obtidos pola coalición católico-forista, que agrupaba a toda a dereita navarra, incluíndo ao PNV)[30] ao 71,6,% dos votantes en 1936 (xa sen o PNV).[16] A hexemonía dereitista só veíase alterada na metade sur de Navarra, sobre todo nos pobos da Ribeira. Xa en 1931 a Conxunción Republicano-Socialista estaba ben implantada en toda a Ribeira, Tafalla, Pamplona, Altsasu, Olazagutia, Iesa así como nos vals de Salazar e Roncal, aínda que non sempre con maioría. Só a Ribeira era maioritariamente esquerdista.

Así, por exemplo, as eleccións municipais celebradas o 12 de abril foron impugnadas en Pamplona e a súa repetición o 31 de maio tivo como resultado o triunfo, por escasa marxe, da Conxunción sobre a candidatura "Antirrevolucionaria" (á que beneficiou a retirada da candidatura nacionalista vasca, que sí se presentara o 12 de abril) sobre as dereitas, de tal xeito que o republicano Mariano Ansó foi elixido alcalde. Tudela, a segunda cidade en poboación de Navarra, tamén quedara en mans da conxunción. Porén, as eleccións do 12 de abril supuxeron un rotundo éxito da dereita no conxunto de Navarra, que obtivo 765 concelleiros (77%) fronte aos 134 da esquerda (13%). A instauración da República trouxo tamén a disolución da Deputación Foral, nomeando o goberno unha xestora composta por republicanos e socialistas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 (Vázquez de Prada: 613)
  2. (Navarra 1936. De la esperanza al terror. Oitava edición: 50-51)
  3. (Navarra 1936. De la esperanza al terror: 485)
  4. Diario de Noticias. Reportaxe de J. Iribarren na edición impresa do domingo 2 de decembro de 2007. Páx. 14.
  5. (Casanova: 56)
  6. "Navarra 1936. De la esperanza al terror" 99-104
  7. (Vazquez de Prada: 623)
  8. Segundo datos da Guía Diocesana de Pamplona de 1937, en Navarra había un crego por cada 335 habitantes. Na arquidiocese de Madrid había 1 por cada 3.347 e na de Cádiz 1 por cada 3.169. Citado por Ángel Pascual Bonis. Navarra ante las elecciones del Frente Popular. Langaiak nº 5 IPES. Pamplona 1984. Á súa vez citado en (Navarra 1936. De la esperanza al terror: 28)
  9. 9,0 9,1 Artigo de José María Jimeno Jurío de 1986 titulado Hacer la Paz, introdución na obra de (Navarra 1936. De la esperanza al terror: 23)
  10. Virto Ibáñez, Juan Jesús; Arbeloa Muru, Víctor Manuel (1984). La cuestión agraria navarra (1900-1936) (I), Revista Príncipe de Viana en Dialnet, ISSN 0032-8472, Ano nº 45, Nº 171, páxs. 117-130
  11. (Navarra 1936. De la esperanza al terror: 32)
  12. (Navarra 1936. De la esperanza al terror: 483)
  13. (Navarra 1936. De la esperanza al terror: 26)
  14. Virto Ibáñez, Juan Jesús; Arbeloa Muru, Víctor Manuel (1984). La cuestión agraria navarra (1900-1936) (I), Revista Príncipe de Viana, ISSN 0032-8472, Año nº 45, Nº 171, págs. 117-130
  15. Segundo datos da Guía Diocesana de Pamplona de 1937, en Navarra había un sacerdote por cada 335 habitantes. Na arquidiocese de Madrid había 1 por cada 3.347 e na de Cádiz 1 por cada 3.169. Citado por Ángel Pascual Bonis. Navarra ante las elecciones del Frente Popular. Langaiak nº 5 IPES. Pamplona 1984. Á súa vez citado en (Navarra 1936. De la esperanza al terror: 28)
  16. 16,0 16,1 (García Umbón: 246)
  17. (Serrano Moreno: 688-690)
  18. Símbolos de Navarra en navarra.es
  19. 19,0 19,1 Gran Enciclopedia Larousse (1991). ISBN 84-320-7370-9.
  20. Virto Ibáñez, Juan Jesús (1989). La UGT de Navarra: algunas aportaciones al estudio del socialismo navarro. Revista Príncipe de Viana, ISSN 0032-8472, Año nº 50, Nº 187, pg. 395-430.
  21. La represión en Navarra, en rebelion.org.
  22. La utopía libertaria, segada en Navarra, en Diario de Noticias, 23 de decembro de 2007.
  23. Majuelo, Emilio. Anarquistas: ¿qué anarquistas?, en Diario de Noticias, 23 de decembro de 2007
  24. Martínez-Peñuela Virseda, Araceli (1990). Aportaciones al estudio del sindicalismo navarro: ELA-SOV/STV (1911-1936). Revista Príncipe de Viana, ISSN 0032-8472, Año nº 51, Nº 189, pg. 263-268.
  25. (Serrano Moreno: 688)
  26. (Navarra 1936. De la esperanza al terror: 30)
  27. (Serrano Izko: 260)
  28. Historia del Partido Comunista de España. El desarrollo del partido
  29. Jimeno Jurío, José María (2007). Navarra en la época moderna y contemporánea (en español). Pamplona: Pamiela. ISBN 978-84-7681-457-4.  (pág 264)
  30. (Serrano Moreno: 732)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Salas Larrazábal, Ramón (1983). Los Fusilados en Navarra en la Guerra de 1936. Madrid: Industrias Gráficas España. ISBN 84-398-0024-X. 
  • Serrano Izko, Bixente (2006). Navarra. Las tramas de la história. Pamplona: Euskara Kultur Elkargoa. ISBN 84-932845-9-9. 
  • Varios autores (2004). Navarra 1936. De la esperanza al terror (7ª ed.). Tafalla: Altaffaylla. ISBN 84-930957-9-6. 
  • Vázquez de Prada Tiffe, Mercedes (1993). "La Guerra Civil". Historia Ilustrada de Navarra. Diario de Navarra. ISBN 84-604-7413-5. 
  • Villanueva, Aurora (1998). El carlismo navarro durante el primer franquismo, 1937 - 1951. San Sebastián de los Reyes (Madrid): Actas. ISBN 84-87863-71-X. 
  • Sierra, Félix; Alforja, Iñaki (2006). Fuerte de San Cristóbal, 1938. La gran fuga de las cárceles franquistas (2ª ed.). Pamplona: Pamiela. ISBN 978-84-7681-442-9. 
  • Autobús de la Memoria (2011). Penal de San Cristóbal/Ezkaba: derribos contra la memoria - San Kristobal/Ezkaba: hormak eraitsi oroimena harresitzeko. Pamplona: Pamiela/Autobús de la Memoria. ISBN 978-84-7681-673-8. 
  • Campos Orduña, Josefina (2008). Los fusilados de Peralta, la vuelta a casa (1936-1978) (2ª ed.). Pamplona: Pamiela. ISBN 978-84-7681-566-3. 
  • Vierge, Galo (2006). Los culpables. Pamplona 1936 (2ª ed.). Pamplona: Pamiela. ISBN 978-84-7681-497-0.