Uintatherium

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Uintatherium
Rango fósil: Ypresiense - Bartoniense

Esqueleto no Museo Nacional Francés de Historia Natural, en París.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Infraclase: Eutheria
Orde: Dinocerata
Familia: Uintatheriidae
Subfamilia: Uintatheriidae
Xénero: Uintatherium
Leidy, 1872
Especie: Uintatherium anceps
Estados dos Estados Unidos nos que se recolleron fósiles de Uintatherium.
Estados dos Estados Unidos nos que se recolleron fósiles de Uintatherium.

Estados dos Estados Unidos nos que se recolleron fósiles de Uintatherium.
Sinonimia
Dinoceras
(Marsh, 1872)

Os uintaterios (Uintatherium) son un xénero extinto de mamíferos da orde Dinocerata que viviron durante o Eoceno, concretamente entre o Ypresiense e o Bartoniense, e inclúe unha soa especie coñecida, U. anceps. Estes animais eran parecidos ós rinocerontes actuais, tanto no tamaño como na forma, malia non estar relacionados.

Os primeiros restos fósiles foron descubertos en Fort Bridger, en Wyoming (Estados Unidos). Os seus fósiles son os máis grandes e impresionantes dos que se descubriron nese xacemento, e foron un dos puntos centrais da «Guerra dos Ósos» entre Othniel Charles Marsh e Edward Drinker Cope.[1] Atopáronse fósiles tanto en Wyoming como en Utah, preto dos montes Uinta, de onde toma o seu nome o xénero —de feito, Uintatherium significa "besta dos montes Uinta"— así como en Asia.[1][2]

Estes animais apareceron a principios e mediados do Eoceno, e viviron na rexión que actualmente é o oeste de América.[2] A diferenza do que poden facer pensar os seus longos dentes cairos superiores, semellantes ós dos dentes de sabre, tratábase dun animal herbívoro que se alimentaba de follas, arbustos e herba.[3] Os uintaterios extinguíronse hai aproximadamente uns 37 millóns de anos sen deixar descendencia, a causa do cambio climático e da competencia de perisodáctilos como os brontoterios e os rinocerontes.

Anatomía[editar | editar a fonte]

Un cabeiro con algunhas moas e anacos de mandíbula de Uintatherium robustum.

A característica máis salientable de Uintatherium era o seu cranio, grande e robusto, e de forma plana e cóncava —un trazo que non se atopa en ningún outro mamífero, coa posible excepción dalgúns brontoterios—. A súa cavidade cranial era excepcionalmente pequena a causa do grosor das paredes do cranio. Como consecuencia, o seu cerebro era relativamente pequeno e só ocupaba o 10% do espazo cranial. De feito, os uintaterios eran uns dos mamíferos cun cerebro máis pequeno en relación ó seu peso corporal. O peso do cranio era mitigado por numerosos seos nasais situados nas paredes do cranio, do mesmo xeito que nos elefantes.

Os cranios dos machos presentaban seis osiconos, probablemente cubertos de pel, que saían da rexión frontal do cranio. A función destes osiconos descoñécese, pero é posible que fosen usados para defenderse ou para atraer ás femias durante o cortexo.[1]

Un macho (adiante) e unha femia (atrás) de Uintatherium.

O esmalte dental de Uintatherium é particular; a maioría dos grandes euterios actuais reforzan o seu esmalte grazas a bandas transversais de Hunter-Schreger, pero Uintatherium, do mesmo xeito que outros herbívoros do Paleóxeno, tiña bandas verticais e irregulares, proporcionándolle un esmalte en forma de zig-zag.[4] A morfoloxía dos seus molares estaba adaptada para mastigar vexetais.[5] Doutra banda, os seus cairos medían uns vinte e cinco centímetros de lonxitude e estaban protexidos polo bordo robusto do maxilar inferior.[3] É posible que estes cabeiros fosen unha forma de dimorfismo sexual. En troques, Uintatherium perdera os incisivos superiores, e para compensar a perda destes posiblemente posuía un beizo superior moi móbil ou mesmo unha pequena probóscide. Othniel Charles Marsh non estaba de acordo con esta última teoría.[6]

As súas proporcións corporais eran semellantes ás do rinoceronte da India: de entre 3 e 5 metros de lonxitude, 1,60 metros de altura e o seu peso podía acadar os 4.500 kg.[3] As súas patas eran robustas para soportar o peso do animal e estaban dotadas de pezuños.[5] Doutra banda, e a diferenza dos actuais rinocerontes, que son perisodáctilos, o esterno de Uintatherium estaba composto de segmentos planos horizontais e non de segmentos comprimidos e verticais.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Uintatherium robustum 1872". The Academy of Natural Sciences. Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2008. Consultado o 20 de febreiro de 2019. 
  2. 2,0 2,1 "Uintatherium". Britannica Online Encyclopedia. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Pantodonts, uintatheres and xenungulates: The first large herbivorous mammals". 
  4. Von Koenigswald, Wighart; Rose, Kenneth D. "The Enamel Microstructure of the Early Eocene Pantodont Coryphodon and the Nature of the Zigzag Enamel" (PDF). Vol. 12 (3/4). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de xaneiro de 2007. Consultado o 20 de febreiro de 2019. 
  5. 5,0 5,1 Leidy, Joseph. "Contribution to the extinct vertebrate fauna of the Western Territories" 1. 
  6. 6,0 6,1 "Restoration of Dinoceras mirabile" (PDF). Arquivado dende o orixinal (pdf) o 05 de xaneiro de 2009. Consultado o 20 de febreiro de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cope, E. D. (1882). "On Uintatherium, Bathmodon and Triisodon". U.S. Proceedings of the Academy of Natural Sciences of Philadelphia (en inglés) 34 (3). 
  • Cruz, Robert (1979). Analysis of the masticatory apparatus of Uintatherium anceps. Yale University, Dept. of Geology and Geophysics. 
  • Hutchison, J. Howard (30 de marzo de 1971). "Uintatherium (Mammalia: Dinocerata) from the Uintan (Middle to Late Eocene) of Southern California". PaleoBios (en inglés) (Berkeley: University of California Museum of Paleontology) 12. 
  • Leidy, Joseph (1873). "Contribution to the extinct vertebrate fauna of the Western Territories". U.S. Geological Survey of the Territories (en inglés) (Estados Unidos) 1. 
  • Marsh, Othniel Charles (1886). Dinocerata: A Monograph Of an Extinct Order of Gigantic Mammals. Government Printing Office. 
  • Woods, Horace Elmer (1923). "The Problem of the Uintatherium Molars" (PDF). Bulletin of the American Museum of Natural History (en inglés) (Nova York: American Museum of Natural History) 18 (18): 599–604. Arquivado dende o orixinal (pdf) o 20 de xullo de 2007. Consultado o 20 de febreiro de 2019.