Tresquiornítidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Threskiornithidae
O cullereiro Platalea regia
O cullereiro Platalea regia
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Ciconiiformes
Familia: Threskiornithidae
Richmond, 1917
Subfamilias

Os tresquiornítidos (Threskiornithidae) constitúen unha familia que comprende 34 especies de aves pernaltas. A familia foi tradicionalmente dividida en dúas subfamilias, a dos ibis e a dos cullereiros, aínda que recentes estudos xenéticos fan dubidar da corrección desa clasificación, e revelan que os cullereiros están aniñados dentro do grupo dos ibis do Vello Mundo, mentres que os ibis do Novo Mundo son unha ramificación temperá.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A familia Threskiornithidae chamábase antes Plataleidae. Antes pensábase que os cullereiros e ibis estaban relacionados con outros grupos de aves pernaltas da orde Ciconiiformes. Un estudo recente atopou que son membros da orde Pelecaniformes.[2] En resposta a estes descubrimentos, o International Ornithological Congress (IOC, Congreso Ornitolóxico Internacional) reclasificou recentemente a familia Threskiornithidae e o seu taxon irmán Ardeidae na orde Pelecaniformes, quitándoos da orde Ciconiiformes.[3] Unha cuestión que queda aberta é se as dúas familias son reciprocamente monofiléticas. A entrada para Threskiornithidade do South American Checklist Committee inclúe o seguinte comentario: "Recoñécense tradicionalmente dúas subfamilias (por exemplo, Matheu & del Hoyo 1992): Threskiornitidae para os ibis e Plateinae para os cullereiros; como a principal distinción ten que ver coa forma do peteiro, cómpre información adicional, especialmente xenética, para recoñecer unha maior división profunda da familia".[4]

Un estudo do ADN mitocondrial dos cullereiros e dos ibis escarlata (Eudocimus ruber) e sagrado (Threskiornis aethiopicus) encontrou que os cullereiros formaban un clado co xénero do Vello Mundo Threskiornis, mentres que Nipponia nippon e Eudocimus son ramificacións progresivamente temperás e parentes máis distantes, o que pon en dúbida a división taxonómica desta familia nas dúas subfamilias de ibis e cullereiros.[5]

Descrición[editar | editar a fonte]

Os membros desta familia teñen ás longas e largas con 11 plumas primarias e unhas 20 secundarias. Son boas voadoras e, sorprendentemente tendo en conta o seu peso e tamaño, teñen gran capacidade de planar. O seu corpo adoita a ser alongado, o pescozo tamén, e teñen patas longas. O peteiro é tamén longo, curvado no caso dos ibis, e recto e caracteristicamente aplanado no caso dos cullereiros. Son aves grandes, pero dentro do que é común na súa orde son de tamaño medio, que vai desde o máis pequeno, Bostrychia bocagei, de 45 cm e 450 g, ao máis grande, Thaumatibis gigantea, de 100 cm e 4,2 kg.

Distribución e ecoloxía[editar | editar a fonte]

Están distribuídos case por todo o mundo, e viven en zonas de auga doce corrente ou estancada ou en eugas salobres. Os ibis poden encontrarse tamén en áreas máis secas, inluíndo os vertedoiros de lixo. Na Lista de aves de Galicia figuran o mazarico negro ou mouro (Plegadis falcinellus), o ibis pelado (Geronticus eremita), o cullereiro (Platalea leucorodia) e o cullereiro africano (Platalea alba).

A rexión venezolana de Los Llanos de chairas húmidas é salientable porque nela viven sete especies de ibis.[6]

Todos os ibis son diúrnos, e pasan o día alimentándose dunha ampla variedade de invertebrados e pequenos vertebrados: para procurar comida os ibis sondan a terra branda ou lama e os cullereiros moven o peteiro de lado a lado na auga pouco profunda. Pola noite, soben ás árbores próximas á auga. Son gregarios, e aliméntanse, descansan nas árbores e voan xuntas, a miúdo en formación.

A nidación é colonial nos ibis, xeralmente en pequenos grupos ou por separado nos cullereiros, case sempre en árbores con pólas que colgan das árbores, pero ás veces en illas ou pequenas illas dos pantanos. Xeralmente, a femia constrúe unha grande estrutura con xuncos e paus que trae o macho. O tamaño de posta típico é de dous a cinco ovos, e a eclosión é asincrónica. Ambos os sexos chocan os ovos por quendas, e cando nacen os pitiños aliméntanos por regurxitación parcial. Dúas ou tres semanas despois de eclosionaren, as crías xa non precisan coidados continuos e poden abandonar o niño, a miúdo formando garderías pero retornando ao niño para seren alimentadas polos pais.

Especies[editar | editar a fonte]

O cullereiro eurasiático (Platalea leucorodia) en India.

FAMILIA: THRESKIORNITHIDAE

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Myers, P. R.; C. S. Parr; T. Jones; G. S. Hammond; T. A. Dewey. "Family Threskiornithidae (ibises and spoonbills)". Animal Diversity Web. University of Michigan. Consultado o 2009-09-09. 
  2. Hackett, Shannon J.; Kimball, Rebecca T.; Reddy, Sushma; Bowie, Rauri C. K.; Braun, Edward L.; Braun, Michael J.; Chojnowski, Jena L.; Cox, W. Andrew; Han, Kin-Lan; Harshman, John; Huddleston, Christopher J.; Marks, Ben D.; Miglia, Kathleen J.; Moore, William S.; Sheldon, Frederick H.; Steadman, David W.; Witt, Christopher C.; Yuri, Tamaki (June 2008). "A Phylogenomic Study of Birds Reveals Their Evolutionary History". Science 320 (5884): 1763–1768. PMID 18583609. doi:10.1126/science.1157704. 
  3. "Gill, F. & D. Donsker (Eds). 2010. IOC World Bird Names (version 2.4). Available at http://www.worldbirdnames.org/ [Accesso o 29 de maio de 2010].
  4. "Two subfamilies are traditionally (e.g., Matheu & del Hoyo 1992) recognized: Threskiornithinae for ibises and Plataleinae for spoonbills; because the main distinction has to do with bill shape, additional information, especially genetic, is required to recognize a major, deep split in the family." "A classification of the bird species of South America". South American Classification Committee. American Ornithologists' Union. Consultado o 24 September 2015. 
  5. Chesser, R.Terry; Yeung, Carol K.L.; Yao, Cheng-Te; Tians, Xiu-Hua; Li Shou-Hsien (2010). "Molecular phylogeny of the spoonbills (Aves: Threskiornithidae) based on mitochondrial DNA". Zootaxa (2603): 53–60. ISSN 1175-5326. 
  6. Frederick, Peter C.; Bildstein, Keith L. "Foraging Ecology of Seven Species of Neotropical Ibises (Threskiornithidae) during the Dry Season in the Llanos of Venezuela". The Wilson Bulletin 104 (1): 1–21. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]