The Sex Pistols

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
The Sex Pistols
OrixeLondres, Reino Unido
Período1975 - 1978; 1996; 2002 - 2003
Xénero(s)Punk
Selo(s) discográfico(s)EMI, A&M Records, Virgin Records; Warner Bros. Records
MembrosJohnny Rotten
Steve Jones
Glen Matlock
Paul Cook
Sid Vicious
Na rede
www.sex-pistols.net
IMDB: nm1797465 Facebook: sexpistolsofficial Twitter: pistolsofficial Instagram: sexpistols MySpace: sexpistolsofficial Youtube: UCcjWoLUPOkEVhevjI8DB5vQ Spotify: 1u7kkVrr14iBvrpYnZILJR iTunes: 3184277 Last fm: Sex+Pistols Musicbrainz: e5db18cb-4b1f-496d-a308-548b611090d3 Songkick: 264775 Discogs: 31753 Allmusic: mn0000418740 Deezer: 3299 Editar o valor em Wikidata

The Sex Pistols foi unha emblemática e influente banda de punk rock activa durante a primeira onda do punk británico. Durante a súa fugaz existencia, desde 1975 ata 1978 na que emitiron tan só catro sinxelos e un álbum, converteuse na espiña dorsal do xénero en Inglaterra e a súa existencia motivou a formación de centos doutros grupos. Os Pistols son considerados frecuentemente como os iniciadores do movemento punk no Reino Unido e os creadores da primeira fenda xeracional co rock and roll. A banda estivo formada por John Lydon (Johnny Rotten) na voz, Steve Jones na guitarra, Paul Cook na batería e Glen Matlock no baixo (logo substituído por Sid Vicious).

Sex Pistols emerxeu como resposta ó rock progresivo dos anos 70, considerado por unha parte da xuventude inglesa como comercial e excesivamente elaborado. A banda viuse implicada en numerosas controversias durante a súa carreira, feito que fomentou a súa popularidade pero eclipsou a súa música. De feito, os seus concertos e xiras remataban con violentos disturbios e o seu sinxelo "God Save the Queen" de 1977 foi cualificado como un ataque á Coroa e ó nacionalismo británicos.

Rotten deixou o grupo en 1978 logo dunha desastrosa xira polos Estados Unidos. Os tres membros restantes continuaron brevemente con Edward Tudor-Pole e Ronnie Biggs como vocalistas pero separáronse en 1979. O grupo volveu a xuntarse en 1996 (xa sen o finado Sid Vicious) para a "Filthy Lucre Tour" (en galego "xira da ganancia noxenta") e reuníronse novamente en 2002 e 2003. O 24 de febreiro de 2006 os Sex Pistols foron oficialmente incluídos no Salón da Fama do Rock pero rexeitaron a invitación á cerimonia e insultaron o museo.

Historia[editar | editar a fonte]

O inicio[editar | editar a fonte]

O núcleo inicial dos Sex Pistols xurdiu a partir da banda The Strands, formada en 1972 con Steve Jones como vocalista, Paul Cook na batería e Wally Nightingale na guitarra. Durante 1973, os tres pasaban moito tempo en Kings Road, na zona de Chelsea, Londres. Un local que visitaban decote era a tenda de roupa "Let It Rock" (logo coñecida como SEX), cuxos donos eran Malcom McLaren e Vivienne Westwood. Durante eses anos, o trío actuaba con diversos nomes e tocaba un rock elemental moi influenciado polos New York Dolls. Pouco despois, Steve e Paul acudiron a McLaren para que lles recomendase un baixista, ante o cal Malcolm no dubidou en presentarlles o seu empregado Glenn Matlock. Ó pouco tempo, estaban practicando Steve, Paul, Wally e Glenn. En varias oportunidades Steve e Paul pedíronlle a Malcom que fixese ás veces de representante pero el insistiu en que xamais o faría mentres Wally Nightingale permanecese no grupo.

En 1975, McLaren abandonou Inglaterra e viaxou ós Estados Unidos, onde fixo o traballo de representante dos New York Dolls durante dúas semanas antes de que estes se separasen. Durante a súa estadía no país viu a The Ramones en vivo pero o que máis lle impactou foi Richard Hell (nese momento baixista e vocalista de Television), pola súa roupa esnaquizada e o pelo curto e revolto. McLaren atopou na súa imaxe caótica e desaliñada exactamente o que estivera buscando e suxeriulle a Richard que viaxase con el de volta a Inglaterra para formar unha banda alí, pero el non aceptou a súa oferta. Ó separase os New York Dolls Malcom volveu a repetir unha oferta similar, esta vez ó guitarrista Sylvain Sylvain. Basicamente na conversa díxolle que "coñecía uns rapaces que rondaban pola súa tenda e estarían moi interesados en formar unha banda con el". Unha vez máis, a súa oferta foi rexeitada. McLaren volveu entón a Inglaterra levando consigo a guitarra de Sylvain (a famosa Gibson co debuxo dunha rapaza seminúa) e cunha idea. Á súa volta aseguroulles a Paul, Steve e Glenn que sería o seu representante se se desfacían dunha vez por todas de Wally, e así o fixeron. O grupo trocou entón o seu nome a The Swankers.

A chegada de Johnny Rotten[editar | editar a fonte]

Pouco despois, Malcom McLaren trocou o nome da súa tenda de roupa de "Let it Rock" a "SEX" e comezou a incluír novos deseños en parte baseados na imaxe de Richard Hell pero máis aínda usando estilos revolucionarios e orixinais ideados pola súa esposa Vivienne, que incluían o coiro e os accesorios sadomasoquistas á súa colección. Durante eses anos, John Lydon, que logo sería coñecido como Johnny Rotten, adoitaba roldar por Kings Road co seu amigo Sid Vicious, usando o pelo tinguido de verde e unha camiseta de Pink Floyd sobre a cal escribira as palabras "I Hate" (en galego "eu odio"). Crendo que a súa imaxe e a súa actitude eran as indicadas para a banda, McLaren, Jones e Cook acercáronse a Johnny e ofrecéronlle ser vocalista do seu novo grupo. Máis tarde regresaron á tenda SEX e pedíronlle que cantase xunto á jukebox e Johnny cantou a canción "I'm Eighteen" de Alice Cooper co estilo arrogante e psicótico que sempre o caracterizou. Porén, anos despois no documental Blood on the turntable da BBC, McLaren contou unha versión un pouco diferente. Segundo a súa versión foi Vivienne Westwood a que lle dixo que "debía conseguir aquel rapaz, John, que rondaba pola tenda" e unha vez recrutado Johnny Rotten díxolle que se equivocara de persoa xa que ela se refería ó outro John, o amigo de Rotten. Aqueloutro John ó que se refería era John Simon Ritchie, mellor coñecido como Sid Vicious. Segundo esta teoría Sid sempre estivo na mente de Vivienne para formar parte da banda e só foi esta confusión o que atrasou o feito de que se unise.

Pouco despois, a banda trocou o seu nome a Sex Pistols e comezaron a buscar outro guitarrista para que se sumase a Steve. Tal era a influencia dos New York Dolls neles que publicaron un aviso no fanzine Melody Maker que dicía "Búscase guitarrista non maior de 20 anos, que non se vexa peor que Johnny Thunders". Non obstante, non conseguiron ningún guitarrista que os satisfixese e continuaron tocando como un cuarteto.

EMI e a polémica[editar | editar a fonte]

A fama dos Sex Pistols aumentou en 1976. Nun show mítico ante 42 persoas no Lesser Free Trade Hall en Manchester (Inglaterra) atopábanse entre o público futuros membros de Buzzcocks, Anthony H. Wilson (fundador de Factory Records, primeiro selo rave), Bernard Sumner, Ian Curtis e Peter Hook (formarían Joy Division), Adam Ant, Morrissey (formaría The Smiths), e Mick Hucknall (formaría Simply Red).

En outubro dese ano, a editora EMI contratounos por 40 000 libras, a cifra máis alta pagada ata entón a un grupo descoñecido. O primeiro sinxelo do grupo, "Anarchy in the UK", entrou nas listas de éxitos, pero o grupo foi expulsado da discográfica pola polémica creada tras facer declaracións provocativas en linguaxe obscena durante o programa de televisión de Bill Grundy, o que finalmente aumentou a súa sona polo exceso de atención dos xornais nunha sociedade doada de ofender.

A&M e "God Save the Queen"[editar | editar a fonte]

Cun pago de 50 000 libras o grupo fichou por A&M Records; asinaron o contrato nun estaribel instalado fronte a Buckingham Palace, xa que o seu novo tema se chamaba "God Save the Queen" ("Deus salve á raíña"). Ante as protestas, posto que a canción inxuriaba a monarquía británica, foron despedidos e indemnizados outra vez.

Un dato curioso é que ese ano o posto número 1 da clasificación quedou baleiro, xa que ningunha radio quería poñer o tema por medo ás protestas da xente. Ademais o disco non podía ser editado por boicot e protestas dos fabricantes de discos que se negaban a tomar parte en "semellante signo de decadencia da sociedade".

A chegada de Sid Vicious[editar | editar a fonte]

Glen Matlock foi botado dos Sex Pistols e substituído por Sid Vicious, antigo amigo de Johnny Rotten, fan da banda e, con anterioridade, batería de Siouxsie & the Banshees e The Flowers of Romance.

Virgin Records e a censura[editar | editar a fonte]

Xa era 1977 e a Virgin Records contratounos para lanzar definitivamente "God Save the Queen". Durante os seguintes meses o grupo foi noticia polos seus constantes altercados.

"Pretty Vacant", o terceiro sinxelo, foi número seis nas listas.

O Anarchy Tour foi programado coa participación de The Damned, The Clash e The Heartbreakers (con Johnny Thunders, ex-New York Dolls). Debido ás censuras e ó medo á represión, case tódolos clubs lles prohibiron tocar, realizándose aproximadamente 6 concertos dos 30 programados orixinalmente.

Durante a súa primeira xira europea, os Sex Pistols tiveron que troca-lo nome a miúdo para evitar a violencia que se producía ó seu paso (escolleron como nome The SPOTS, acrónimo de Sex Pistols On Tour Secretly). Filmacións en Suíza desta xira pódense ver no sitio web Youtube.

Outra gran fonte de polémica foi que ó atoparse coa prohibición de tocar en chan británico decidiran tocar na auga. O feito foi programado na semana do Jubilee da raíña, e os Pistols alugaron un bote e tocaron en vivo seguindo a festa polo río Támese.

Never Mind the Bollocks[editar | editar a fonte]

A finais de 1977 apareceu "Holidays in the sun", que chegou ó número oito, e o decisivo LP Never Mind the Bollocks, Here's the Sex Pistols (Impórtanos un collón, aquí están os Sex Pistols). A pesar de que Sid Vicious chegou a tocar no disco, posteriores regravacións por Steve Jones fan imposible distingui-lo que sexa que tocase Sid. O disco foi censurado e as autoridades obrigaron a tacha-la palabra "bollocks" ("collóns") da portada. Accións legais foron emprendidas en contra dos Sex Pistols polo uso ofensivo desta palabra pero os Pistols saíron victoriosos. A pesar de todo, acadou o número dous das listas.

A xira polos Estados Unidos e a separación[editar | editar a fonte]

A continuación iniciaron unha xira polos Estados Unidos, aínda que nunca tocaron no CBGB e especializáronse máis ben en clubs de xente que puidese verse máis ofendida polo seu contido. Esta xira desembocou na separación do grupo nunha última data en San Francisco, California. Johnny Rotten rematou o show dicíndolle ó público "Teño a sensación de que foron enganados".

Johnny Rotten foise do grupo e máis tarde foi visto no CBGB cunha camiseta que eles vendían e dicía "Eu sobrevivín ó Tour dos Sex Pistols" baixo o cal escribiu, con rotulador, "Pero o grupo non".

McLaren decidiu que non necesitaba a Rotten para seguir co grupo e posteriormente editáronse "No one is innocent/Mi way" (1978), "Something else/Friggin in the riggin", "Silly thing/Who killed Bambi", "C'mon everybody", "The great rock and roll swindle/Rock around the clock" (1979) e "(I'm not your) Stepping stone" (1980), así como o dobre álbum The great rock and roll swindle, que corresponde á banda sonora da película do mesmo título que se rodou sobre eles. Sucedéronse álbums de recompilación como "Some product" (1979), "Flogging a dead horse" (1979) e "The great rock and roll swindle", máis un LP co traballo individual de Sid Vicious.

Despois dos Sex Pistols[editar | editar a fonte]

Trala disolución, Johnny Rotten formou o grupo Public Image Limited e Sid Vicious foise a Nova York onde intentou facer unha carreira solista aínda que levou unha vida demasiado caótica, entre o uso de drogas e o descontrol emocional. En outubro de 1978, a súa noiva Nancy Spungen foi atopada morta no hotel Chelsea e Sid foi detido, acusado do crime. Morreu mentres estaba en liberdade condicional, a causa dunha sobredose accidental de heroína o 2 de febreiro de 1979.

O regreso[editar | editar a fonte]

En 1996, en pleno rexurdimento comercial do punk con grupos como The Offspring e Green Day, os Sex Pistols volvéronse a reunir para realizar unha xira e posterior disco. A xira, bautizada como "Filthy Lucre Live" (Xira polo lucro noxento), buscaba só sacar cartos: "se inventamos isto fai case vinte anos e agora hai tantas bandas gañando cartos á nosa conta, o mínimo é que pasemos a gorra".

En 2004 Rotten participou nun reality show en Australia.

En 2006 foron elevados o Salón da Fama do Rock and Roll xunto a Blondie, Black Sabbath e Miles Davis, aínda que eles desprezaron a invitación.

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbums de estudio[editar | editar a fonte]

Álbum Ano Selo
Never Mind the Bollocks, Here's the Sex Pistols 1977 Virgin Records

Outros álbums[editar | editar a fonte]

  • The Great Rock 'n' Roll Swindle - 1978 Banda sonora da película; póstumo
  • Filthy Lucre Live - 1996 Rexistro en vivo da xira de regreso
  • Kiss this - 1992 Recompilación
  • The Filth and the Fury - 2000 Banda sonora da película
  • Jubilee - 2002
  • Boxset - 2002
  • Spunk Remastered - 2006

Sinxelos[editar | editar a fonte]

Filmografía[editar | editar a fonte]

  • The Great Rock'n'Roll Swindle - Julien Temple, 1979. (A versión da historia de McLaren)
  • Sid and Nancy - Alex Cox, 1986.
  • The Filth and the Fury - Julien Temple, 2000. (Documental; a versión da historia dos Pistols)