Saltar ao contido

The Satanic Temple

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


The Satanic Temple ("O Templo Satánico") é unha organización de activistas políticos con base en Nova York, que utiliza imaxes pretendidamente satánicas para promover o igualitarismo, a xustiza social e a separación entre Igrexa e Estado. Esta organización abertamente atea e humanista declara que "buscamos estimular a benevolencia e a empatía entre todos os pobos". O grupo foi cofundado por Lucien Greaves, portavoz da organización, e Malcolm Jarry. O templo divídese en varios grupos de capítulo, o maior dos cales se atopa en Detroit (Michigan). A organización participa activamente nos asuntos públicos que se manifestaron en varias accións e esforzos de políticas públicas de lobbystas, cun foco sobre a separación de Igrexa e Estado e usando a sátira contra organizacións relixiosas que interfiren coa liberdade relixiosa persoal. A organización foi foco de controversia debido a varios retos relixiosos, facendo que algúns críticos cuestionasen se é unha broma ou unha organización satánica xenuína. O Templo Satánico non cre nun Satanás sobrenatural, eles cren que iso anima á superstición; pola contra, usa a Satanás como un símbolo literario que representa "o rebelde eterno" contra a autoridade arbitraria e as normas sociais. O grupo realizou cultos que inclúen música de baile, salas de pornografía, imaxes fálicas e nudez.

O Templo Satánico describe a súa misión da seguinte forma:

"A misión do Templo Satánico é fomentar a benevolencia e empatía entre todos os pobos rexeitando a autoridade tiránica, defender o bo sentido práctico e a xustiza. O Templo Satánico colaborou nunha serie de boas obras, incluíndo a toma de posición contra a controvertida e extremista Igrexa Baptista de Westboro, traballando en nome dos nenos na escola pública que foron sometidos ao castigo corporal".

Principios

[editar | editar a fonte]

O Templo Satánico segue sete principios:

  • "Un debe esforzarse por actuar con compaixón e empatía cara todas as criaturas, conforme a razón."
  • "A loita pola xustiza é unha procura constante e necesaria que debe prevalecer sobre as leis e institucións".
  • "O corpo da persoa é inviolable, suxeito só á súa propia vontade."
  • "As liberdades dos demais deben ser respectadas, incluíndo a liberdade de ofender. Invadir voluntariamente e inxustamente as liberdades doutros é renunciar á propia."
  • "As crenzas deben estar de acordo coa nosa mellor comprensión científica do mundo. Debemos ter coidado de non distorsionar os feitos científicos para que se axusten ás nosas crenzas."
  • "As persoas son falíbeis. Se cometemos un erro, temos que facer todo o posíbel para rectificalo e resolver calquera dano que poida ser causado."
  • "Cada principio é un principio orientador deseñado para inspirar nobreza en acción e pensamento. O espírito de compaixón, sabedoría e xustiza debe prevalecer sempre sobre a palabra escrita ou falada."

Actividades

[editar | editar a fonte]

A organización obtivo atención dos medios de comunicación en xaneiro de 2013 cando un grupo de "satanistas" se reuniron no Capitolio do estado de Florida para amosar a súa aprobación sobre un proxecto de lei do gobernador Rick Scott que permitía a oración en reunións escolares dirixidas por un alumno (o grupo afirmou que, como o proxecto de lei non especificaba unha relixión, as oracións podía facelas un estudante de calquera relixión incluíndo o satanismo).

  • Misa rosa: En xullo de 2013 reuníronse no cemiterio onde estaba soterrada a nai do fundador da igrexa baptista de Westboro e celebraron unha "misa rosa" (parodia das misas negras do cinema de Hollywood dos 80) con dous homes bicándose enriba da tumba e un "sacerdote" facendo un conxuro para que a persoa soterrada cambiase de orientación sexual. Esta performance provocadora fixérona debido ós ataques do fundador da igrexa baptista radical Westboro Fred Phelps.
  • Estatua de Bafomet: No ano 2014 coa intención de presentar a estatua de Bafomet con dous nenos no Capitolio de Oklahoma, en resposta ó monumento na honra aos Dez Mandamentos instalado polo Estado de Oklahoma en 2012. Ao ano seguinte, en 2015, este monumento satánico ergueuse na loxa de Detroit do Templo Satánico en medio de protestas de organizacións relixiosas.
  • Proxecto de Protexer aos nenos: O Templo Satánico pediu a través da conmemoración dun día especial a protección dos nenos tanto de abusos físicos coma psicolóxicos a través de certos castigos moi comúns en colexios privados de institucións relixiosas.
  • Protestas de Planned Parenthood: Tratouse dun acto de defensa dunha campaña dos centros de saúde sexual que estaban sendo fortemente atacados por grupos fundamentalistas cristiáns que rexeitaban o dereito ao aborto en agosto de 2015.
  • Activismo contra a canonización de Frei Junipero Serra: En agosto de 2015 o Papa Francisco canonizou este frade que estendeu o catolicismo polo suroeste dos Estados Unidos, o Templo Satánico realizou unha cerimonia onde "demonizou" o misioneiro cristián, dicindo que Serra axudou a escravizar miles de nativos americanos e que "tamén levou a inquisición española aos seus territorios, tratando os veciños das Misións como criminais de feiticería, bruxería e adoración ao diaño. "
  • Activismo a favor dos refuxiados musulmáns: No ano 2015 o Templo Satánico amosouse a favor de recibir refuxiados da guerra de Siria e Oriente Medio a pesar das reservas que había contra deles tralos atentados de París.