Tesouro de Ryther
Tesouro de Ryther | |
Tipo | 817 moedas medievais |
Data | c. 1480 |
Características | |
Materiais | Prata, cerámica |
Descuberta | |
Localización | Ryther, Yorkshire Norte, Reino Unido |
Descubridor/a | Stephen Pickles |
Data | 4 de abril de 1992 |
O tesouro de Ryther é un tesouro de moedas medievais de prata achado en 1992 en Ryther cum Ossendyke, Yorkshire Norte, Inglaterra.
Descuberta
[editar | editar a fonte]O tesouro foi descuberto na mañá do 4 de abril de 1992 por Stephen Pickles, un afeccionado ás procuras con detector de metais, nunha leira próxima á localidade de Ryther onde xa apareceran varios achados de época romana e posmedieval.[1]
Inicialmente, Pickles descubriu dúas moedas de prata a unha profundidade de entre 46 cm e 51 cm, feito que lle comunicou inmediatamente ao propietario do terreo. Nunhas declaracións posteriores publicadas en The Researcher, Pickels indicou que despois ambos escavaron xuntos a zona e comezaron a aparecer máis moedas, e un pouco máis abaixo os bordos do recipiente, que estaba deitado dun lado e coa parte superior feita anacos.[1][2]
En total acháronse 812 moedas de prata, ademais do recipiente de cerámica que as albergaba, e o conxunto foi levado axiña ao Museo de Yorkshire, en York, para o seu estudo. Nun exame posterior no lugar do depósito acháronse outras cinco moedas máis.[1]
Ao comprobarse que o achado cumpría os requisitos determinados pola Lei do Tesouro de 1996, foi declarado formalmente como "tesouro oculto" polo Tribunal de Primeira Instancia de Harrogate o 9 de outubro de 1992.[1]
Contido
[editar | editar a fonte]Moedas
[editar | editar a fonte]O conxunto consta de 817 moedas atopadas xunto coa xerra de cerámica. Na súa maioría eran moedas inglesas e entre elas había 238 groats, 30 medios groats, 532 peniques e 2 peniques falsos. Tamén había catro groats e dous peniques irlandeses, así como dous peniques escoceses e sete dobre patards dos Países Baixos, que terían circulado en Inglaterra como groats, como testemuña a súa frecuente aparición en achados monetarios desta época en Inglaterra.[1][3][4]
Todas as moedas inglesas datan do período abranguido entre os reinados de Eduardo I (1272-1307) e Henrique VII (1489-1509), polo que o máis probable é que fose depositado cara a finais do século XV.[5] As súas cecas de procedencia son Bristol, Canterbury, Coventry, Durham, Londres, Norwich e York.[6]
Xerra
[editar | editar a fonte]A xerra é un pequeno exemplo da industria da cerámica Humber, característica de Yorkshire Norte, e data do século XV.[7] A tipoloxía desta cerámica adoita ser crúa, sen terminar e en ningún caso vidrada. Ás veces chámaselles "xerras para beber", polo seu tamaño, aínda que a análise de residuos e algunhas ilustracións demostraron que tamén se usaban con frecuencia como penicos masculinos. Trátase dun recipiente moi común durante o século XV, aínda que hai poucas probas da súa fabricación xa a principios do século XVI.[8]
Conservación
[editar | editar a fonte]O tesouro foi adquirido polo Museo de Yorkshire.[4] En xullo de 2021 amosouse nunha exposición sobre o reinado de Ricardo III (1483-1485) da que tamén formou parte un retrato do monarca procedente da Galería Nacional de Retratos.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Craig Barclay (1995). Páxina 135.
- ↑ Pickles, S. (1992). "A silver harvest in the leek field". En The Searcher. Vol. 84. Agosto. Páxina 17.
- ↑ Spufford, P. (1964). "Burgundian double patards in late medieval England". En British Numismatic Journal. 33. British Numismatic Society. Páxinas 110-117.
- ↑ 4,0 4,1 "Ryther Hoard". York Museums Trust.
- ↑ Craig Barclay (1995). Páxinas 135-136.
- ↑ Craig Barclay (1995). Páxinas 140-150.
- ↑ Jennings, S. (1992). Medieval Pottery in the Yorkshire Museum. The Yorkshire Museum, York. Páxinas. 27-29, 51-53. ISBN 978-0905807041
- ↑ Craig Barclay (1995). Páxina 138.
- ↑ "World famous portrait of Richard III to be put on show in York". En YorkMix.com. 7 de maio de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bland, R. (2018). Coin Hoards and Hoarding in Roman Britain AD 43-c.498. British Numismatic Society / Spink. ISBN 9781907427794
- Craig Barclay (1995). "The Ryther Treasure Trove". En British Numismatic Journal. 65. 9. British Numismatic Society. Páxinas 135-150.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Vídeo: "Yorkshire Hoards: The Ryther Hoard" (York Museums Trust)
- Vídeo: "Curator Talk: Uncovering the Ryther Hoard" (York Museums Trust)