Teatro Popular Galego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Constituído en xullo de 1957 no seo da Agrupación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas de Buenos Aires (AGUEA), o Teatro Popular Galego nacía como unha continuación do Conservatorio Nacional da Arte Galega das Irmandades da Fala (1919). O seu fundador foi Eduardo Blanco Amor coa posta en escena de Estadeíña de Manuel Lugrís Freire, e O Cantar dos Cantares.

Historia[editar | editar a fonte]

O teatro sufriu aínda máis que os outros xéneros narrativos as consecuencias da guerra e a posterior ditadura, ao ser impensábel un espectáculo público teatral en galego e a súa pervivencia é posíbel grazas ao labor do exilio. Na época dos anos 50-70, o teatro é pouco máis que un ensaio literario, máis destinado á lectura que á representación.

A maior parte da actividade literaria estaba concentrada en México e Buenos Aires. Nesta última cidade os exiliados entraron en contacto cos que emigraron antes da sublevación militar, como é o caso de Eduardo Blanco Amor. Comezaron a impulsar revistas, libros e reimpresións para estabelecer a continuidade dunha cultura ameazada. Polo tanto, condicionamentos como a extraterritorialidade, as dificultades editoriais e a carencia de público lector, van caracterizar a literatura galega do exilio mediante o compromiso político galeguista e republicano.

A partir das Irmandades da Fala, o teatro dá mostras de certa madurez con autores como Ramón Cabanillas ou Armando Cotarelo Valledor, e xa sen interrupción, Ramón Otero Pedrayo e Álvaro Cunqueiro, por exemplo, fixeron achegas fundamentais á nosa dramaturxia; nesta segunda liña, na que predominan os valores plásticos, haberá que incluír as farsas e autos de Blanco Amor.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O Teatro Popular Galego é o segundo ou terceiro intento, porque houbo unha tentativa seria na Coruña na época das Irmandades da Fala, e houbo teatro nacido para representar unha obra, para logo morrer con ela, o teatro das choqueiradas, o dos apropósitos do carnaval etc.

O ideario das Irmandades, que privilexia o teatro como medio de galeguización social, adáptase á acción cultural entre os galegos da diáspora subliñando a pugna pola superación do rebaixamento folclorista e a dignificación da identidade partindo estratexicamente da mentalidade dos emigrantes, xente de extracción popular.

Para lograr a dignificación e o prestixio da lingua a través do teatro, este debería estar centrado en personaxes pertencentes ás clases medias ou altas e que fosen obras de temática universal. Era a oportunidade de que o público puidese ouvir un galego culto en personaxes refinadas.

Outro antecedente foi Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, quen intentou a estilización dun posíbel teatro popular galego a través da súa obra Os vellos non deben de namorarse. Foi un proceso que se prolongou durante varios anos até o súa estrea en Buenos Aires en 1941. O político e escritor, no seu intento dramático, garda paralelismo coas iniciativas de revisión da tradición popular promovidas por Federico García Lorca.

Obxectivos[editar | editar a fonte]

  1. Resposta ao chamamento dos Intelectuais Antifascistas para a creación dun teatro de loita.
  2. Non quere ser “teatro experimental” ou de “ensaio”, senón de continuidade co popular, sen que isto signifique choqueirada, nin teatro de “gheada e mocos” como dixo o propio Eduardo Blanco Amor (fundador e director do Teatro Popular Galego)
  3. Busca a elevación artística do teatro cunha clara intención didáctica e sen renunciar á dignidade temática e lingüística.
  4. A renovación estética e ideolóxica da concepción dramática predominante entre a colectividade.
  5. Pretendían formar intérpretes e interesar ao público no teatro galego popular, sen deformacións do idioma nin das personaxes.

Actividade[editar | editar a fonte]

O Teatro Popular Galego (1957) foi fundado por Eduardo Blanco Amor, un dos máis prestixiosos autores estabelecido en Buenos Aires, nace como froito da amizade con Tacholas. Lévao ao taboado no Centro Lucense de Buenos Aires coa posta en escena de Estadeíña de Manuel Lugrís Freire, e O Cantar dos Cantares, a obra da súa propia autoría que había de seres unha das pezas máis socorridas dos grupos teatrais galegos a mediados dos anos 70.  Esta tiña como función principal manter a conciencia nacional entre os emigrados, misión á que se sacrificara moitos valores estéticos.

Organízase no Centro Lucense en réxime de Cooperativa e cun Regulamento de Organización ben detallado no que xunto cos socios fundadores contémplase a existencia de socios protectores e socios de honra. Eduardo Blanco Amor manifestou varias veces que a iniciativa do Teatro Popular Galego así como o maior pulo e o entusiasmo brindado ó proxecto débeselle a Fernando Iglesias “Tacholas” xunto coa actriz Pepita Arias.

Procura un punto de encontro entre o teatro de liña realista e a evolución estética da escena.  Segundo declara Eduardo Blanco Amor, a posta en escena perseguía un teatro anovador, “con escenas reducidas a unha cámara negra, poucas luces e utilería esencial”. Como apunta Gonzalo Allegue,[1] o fundador traballa duro co Grupo porque sabe que ten que crear unha sensibilidade, unha recepción, e até uns novos padróns culturais. Para iso, conta con actores de longa aprendizaxe como Fernando Iglesias Tacholas -o primeiro actor-, Alfonso Costela, Antonio Cubelas, Faustino Blanco, Antonio Fernández, Alejandro Varandela, Xerminal Filgueira, Nacha del Río, Pepita Arias, María do Carne Pose e, actuando de apuntador, Xeneroso Manzano. Era o ano 1975 e, na Sala teatral do Centro Lucense, estrean Estadeíña, de Luís Freire e Cantar dos Cantares de E. Blanco Amor, espectáculo que se ofrece durante tres meses. O Teatro Popular Galego foi o derradeiro esforzo por construír un grupo teatral estábel en Buenos Aires.

Outra figura moi participativa e moi relacionada con esta agrupación é Luís Seoane, xa que está intimamente identificado co modelo ideolóxico e lingüístico polo que aposta o Teatro Popular Galego (sobre as propias formulacións teóricas, poéticas e escenográficas de L. Seoane acerca do paradigma ético-estético renovador do teatro popular)

A Escola de Teatro nunca chegou a funcionar. Non obstante, Blanco Amor nunha entrevista realizada na emisión radial de Galicia Emigrante, deixou suxestivas indicacións acerca de como concibía o proxecto. Priorizaba o ensino da foniatría, da coreografía, da plástica, do ritmo e da dramaturxia.

Os problemas económicos acabaron co grupo, mais non co interese de Blanco Amor polo teatro, xa que en 1964 está dirixindo o “Ateneo Curros Enríquez”. Polo tanto, o seu período de actividade tivo unha curta vida pois non durou máis alá do seu ano de creación.

Fundador[editar | editar a fonte]

E. Blanco Amor busca a elevación artística do teatro adaptándose el, de entrada, á realidade dese público emigrante, mais cunha clara intención didáctica e sen renunciar á dignidade temática e lingüística. Tamén consegue escapar do costumismo en uso, para deseñar a situación social de Galiza na posguerra, xa que inicia as súas actividades como dramaturgo durante a Guerra Civil.

Blanco Amor distingue entre dous tipos de público para a literatura galega: por unha banda, o lector, posuidor dunha competencia lingüística e unha formación cultural que lle permiten o desfrute da obra de arte como tal, a el vén dirixida tanto as obras narrativas como as farsas; e por outra, “a xente do común”, é dicir, o pobo no senso máis amplo da palabra. Esta xente ten un déficit cultural inmenso acumulado “das nosas diversas xeiras culturais e das súas carencias programáticas”. Até esa época, o público emigrante estaba afeito a tres tipos de oferta de teatro: o do folclorismo paiofoquista, o do naturalismo costumista e do realismo social.

Finalmente deu a coñecer Teatro pra a xente (1974) que recollía diversas pezas escritas en Buenos Aires durante os anos sesenta. Das sete pezas, a máis ampla e interesante é a primeira. Foi escrita expresamente para a inauguración do Teatro Popular Galego que tivo lugar en Buenos Aires en 1962. O mundo rural galego é visto a través dunha familia de labregos, e na que as relacións amorosas entre as parellas se ven turbadas pola lectura casual dos eróticos versos de O cantar dos cantares. A crítica á igrexa faise a través da personaxe de don Marcial, o crego. É unha peza costumista, chea dun humor fino e non exento de ironía.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Eduardo Blanco Amor e o teatro. Teatros libres de preguerra. Proces a Jacobusland. Editorial Universitat de Barcelona. Col.lecció ACTES UNIVERSITARIS. ISBN 84-475-1060-3.
  • O teatro galego de Manuel Lourenzo Pillado Mayor. Ediciós do Castro (1979). ISBN 84-7492-013-1978.
  • Literatura galega do século XX de Rosário Fernández Velho e Xesús Sambade Soneira. Editorial A Nosa Terra. ISBN 84-8341-056-7
  • Historia do teatro galego. Das orixes a 1936. De Laura Tato Fontaíña. Edicións A Nosa Terra. ISBN 84-89976-98-8.
  • Tato Fontaíña, Laura. “O teatro de Eduardo Blanco-Amor”, en Cadernos da Escola Dramática Galega, 99, xaneiro 1993, pp. 1-16
  • Nº 90 Luis Pérez Rodríguez. “Historia do teatro galego na Arxentina. Un actor: Tacholas”, en Cadernos da Escola Dramática Galega, maio 1991.
  • Nº 99 Tato Fontaíña, Laura. “O teatro de Eduardo Blanco-Amor”, en Cadernos da Escola Dramática Galega, 99, xaneiro 1993.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]