Spun
Spun | |
---|---|
Ficha técnica | |
Director | Jonas Åkerlund |
Produtor | Danny Vinik Chris Hanley |
Guión | Will De Los Santos Creighton Vero |
Intérpretes | Jason Schwartzman Brittany Murphy Mena Suvari Mickey Rourke John Leguizamo Patrick Fugit Debbie Harry |
Música | Billy Corgan |
Fotografía | Eric Broms |
Montaxe | Jonas Åkerlund |
Distribuidora | Newmarket Capital Group |
Estrea | 14 de xuño de 2002 |
Duración | 101 minutos |
Orixe | ![]() |
Orzamento | 411.119 dólares |
Na rede | |
http://www.spunthemovie.com | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() |
Spun é unha película estadounidense do ano 2002, dirixida por Jonas Åkerlund con Jason Schwartzman, Brittany Murphy, Mickey Rourke, Mena Suvari, John Leguizamo, Patrick Fugit, Eric Roberts, Chloe Hunter e Debbie Harry como protagonistas. Céntrase na vida de varias persoas relacionadas entre elas a través da metanfetamina. A película inclúe elementos de comedia negra e drama, e o título fai referencia ao termo usado para referirse á sensación acadada logo de varios días seguidos sen durmir por mor da metanfetamina.
É a primeira longametraxe de Åkerlund, que xa acadara sona polos seus videoclips. O filme foi gravado en Super 16 en 22 días, e é a longametraxe con máis cortes de edición (máis de 5.000)[1].
Trama
[editar | editar a fonte]Ross (Jason Schwartzman) é un cliente de Spider Mike (John Leguizamo), un traficante de metanfetamina. Spider Mike e a súa moza Cookie (Mena Suvari) están a discutir decote, e Ross coñece a Frisbee (Patrick Fugit) e Nikki (Brittany Murphy), dous compañeiros de adicción. Nikki leva a Ross a coñecer ao seu mozo, "The Cook" (Mickey Rourke), que subministra a droga a Spider Mike desde un laboratorio doméstico que ten nunha habitación de motel. The Cook dálle a Ross un pouco de meta en agradecemento por levar a Nikki a casa no seu Volvo, e dille que o chamará cando necesite un condutor.
De volta no seu apartamento, Ross escoita as mensaxes no contestador da súa nai desexándolle un feliz aniversario e da súa antiga moza Amy dicíndolle que lle debe 450 dólares. Ross, pensando que ela aínda o quere, chámaa e déixalle unha mensaxe. Despois vai a un local de striptease, onde ten unha intensa alucinación pornográfica. Despois marcha a casa cunha das bailarinas, April (Chloe Hunter), coa que practica o sexo en diversas posturas. A última delas remata con April esposada á cama, e entón The Cook chama a Ross dicíndolle que vaia de forma urxente para recoller a Nikki e levar o can dela ao veterinario. Ross, aínda colocado pola droga, deixa a April esposada e tápalle a boca e mais os ollos con cinta americana e abandónaa na habitación coa música a todo volume. Mentres Ross e Nikki levan o can ao veterinario, a policía e un equipo de reporteiros da televisión toman a caravana onde Frisbee vive coa súa nai, pensando que o laboratorio onde se fai a metanfetamina está aí. Frisbee e a súa nai son levados a comisaría, e el é convencido pola policía para cooperar nunha redada.
O mesmo día, Ross e The Cook paran nunha estación de servizo para mercar soda e cápsulas de efedrina. Despois van a unha tenda de licores a coller cervexa, e alí The Cook dálle unha tunda a un home por non respectar ás dúas dependentas da tenda, logo de que elas foran mercarlle droga a Spider Mike. Logo, Ross e The Cook van a unha tenda de películas porno, onde The Cook fala dos seus gustos persoais respecto ás mulleres, e resalta a importancia da pornografía nos Estados Unidos de América. Ross chama de novo á casa de Amy, pero sen atopar resposta. Leva de volta a The Cook á súa casa e volve ao seu apartamento con April, que está aínda amarrada á cama. No motel de The Cook, el e Nikki discuten na habitación logo de que el chamase a unha prostituta, e ela decide marchar a Las Vegas e rematar coa relación. Antes, chama a Ross para que a leve á estación, e Ross deixa de novo a April esposada á cama. Porén, esta é rescatada pola veciña lesbiana de Ross (Debbie Harry), quen, ao cabo, vai á mesma tenda de licores de antes e dálle outra tunda ao mesmo home polo mesmo motivo.
Mentres Ross e Nikki están fóra, Frisbee vese obrigado a colaborar coa policía levando un micrófono mentres lle merca meta a Spider Mike para poder arrestar a este. Cando entra, Cookie intenta foder con el, en vinganza porque Spider Mike chamou a unha liña de teléfono erótico. Cookie atopa o micrófono e a policía rodea o apartamento. Spider Mike, furioso pola traizón de Frisbee, dispáralle nos testículos, e nese momento entra a policía e arresta a Spider Mike e Cookie. Ao tempo, o laboratorio de The Cook sofre un incendio. Este marcha á tenda de cine erótico, onde é arrestado logo de que o dono da mesma (Rob Halford) chamase á policía. Logo de que The Cook sexa liberado, chama a Ross e pídelle que o leve á cidade á casa do seu provedor. Logo de deixar a Nikki na estación, Ross sabe do arresto dos demais e accede a levar a The Cook á cidade, coa idea de aproveitar a viaxe para visitar a Amy, que tamén vive alá.
O narcotraficante (Eric Roberts) dálle a The Cook cartos, meta e o equipamento para facer un novo laboratorio. Ross chama a Amy de novo, e déixalle unha mensaxe dicíndolle que a agarda en 20 minutos nun parque próximo cos cartos. The Cook promételle a Ross seis meses de doses de meta se o leva a outro lugar, e Ross acepta coa condición de que primeiro visite a Amy. Amy, que atopou traballo e refixo a súa vida na cidade, déixao no parque tras saber que Ross segue a consumir droga. El, que está colocado, dálle 100 dólares e marcha de volta con The Cook. Finalmente, logo de varios días de actividade frenética activada polo uso de drogas, os protagonistas póñense a durmir, agás The Cook. Mentres Ross descansa no coche, The Cook monta un novo lavoratorio nunha vella caravana, pero préndeselle lume e explota con el dentro.
Elenco
[editar | editar a fonte]- Jason Schwartzman (Ross)
- Brittany Murphy (Nikki)
- Mena Suvari (Cookie)
- Mickey Rourke (The Cook)
- John Leguizamo (Spider Mike)
- Patrick Fugit (Frisbee)
- Debbie Harry (A veciña)
- Peter Stormare (Mullet Cop)
- Alexis Arquette (Policía de bigote)
- Chloe Hunter (April Love)
- Eric Roberts (The Man)
- Charlotte Ayanna (Amy)
Aparicións
[editar | editar a fonte]- Larry Drake (Dr. K)
- Billy Corgan (doutor que examina a Frisbee)
- China Chow (prostituta)
- Rob Halford (dependente no sex-shop)
- Tony Kaye (speaker no bar de streaptease)
- Ron Jeremy (dependente do bar)
- Josh Peck (Fat Boy)
Banda sonora
[editar | editar a fonte]A música orixinal da película foi escrita por Billy Corgan. A banda sonora inclúe temas de artistas como Iron Maiden (tocada por The Djali Zwan), Ozzy Osbourne, Mötley Crüe, Blues Traveler, Bathory (na que Åkerlund tocara a batería tempo atrás), Richie Havens, Phantom Planet (coa que Jason Schwartzman tocaba a batería nesa época), Per Gessle (membro de Roxette), Paola, e Satyricon, do que aparece na película o vídeo da peza "Mother North".
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Did You Know?", curiosidades sobre Spun en IMDb (en inglés).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- www.spunthemovie.com (en inglés).