Sofía Novoa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaSofía Novoa
Biografía
Nacemento16 de maio de 1902 Editar o valor em Wikidata
Vigo, España Editar o valor em Wikidata
Morte3 de xaneiro de 1987 Editar o valor em Wikidata (84 anos)
Lugar de sepulturaCangas Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade Complutense de Madrid - Doutoramento
École Normale de Musique Editar o valor em Wikidata
Director de teseRafael Lapesa Editar o valor em Wikidata
Actividade
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata


Sofía Novoa Ortiz, nada en Vigo o 16 de maio de 1902 e finada en Madrid o 3 de xaneiro de 1987, foi unha musicóloga e mestra galega.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Filla de Joaquín Novoa Barros, republicano socialista e anticlerical, mais ante todo un amante da música e membro fundador da "Sociedad Filarmónica de Vigo" da que foi presidente. Estudou o bacharelato en Vigo onde tamén iniciou os estudos musicais en 1912, primeiro con José Capell i Martí, despois con Mónico García de la Parra e posteriormente coa pianista viguesa e amiga e veciña da familia María Luisa Sanjurjo de Oza.[2] A súa infancia estivo marcada por esa actividade do seu pai e pola súa casa pasaron músicos como José Iturbe, Alfred Cortot, Enrique Arbós ou Wanda Landowska.

Trala primeira guerra mundial marchou a Madrid para continuar cos seus estudos seguindo o exemplo de María Sanjurjo. Asistiu a clases particulares de piano con Pilar de la Mora e de harmonía con Benito García de la Parra, irmán de Mónico, examinándose por libre no Real Conservatorio de Madrid. Durante a súa estadía de cinco anos en Madrid aloxouse na Residencia de Señoritas,[3] o primeiro centro oficial de España de educación universitaria para mulleres, onde fixo amizade con Olimpia Valencia.[4] e gozou do favor da súa directora, María de Maeztu. Durante a súa estadía na residencia coñece ao compositor Jesús Bal y Gay co que comparte o seu interese polo folclore musical galego, interese que xa partía da amizade do seu pai con Casto Sampedro Folgar. En 1925 titulouse en Solfexo, Harmonía e Piano con premio extraordinario. Ampliou estudos en Lisboa, e logo en París na École Normale de Musique coa compositora Nadia Boulanger, piano con Alfred Cortot e tamén estudou a ximnasia rítmica Dalcroze. Alí frecuentou a casa de Andrés Gaos e Joaquín Nin compartindo veladas con Enrique Arbós, Joaquín Rodrigo, Óscar Esplá e o propio Alfred Cortot e moitos outros músicos.

En 1930 María de Maetzu ofrécelle o posto de profesora no Instituto-Escuela da Residencia de Señoritas, traballo que completou co de profesora no Instituto Internacional de Madrid onde puxo en práctica o método Dalcroze grazas á formación recibida en París.

O golpe de Estado de 1936 colleuna en Vigo e truncou a súa marcha a Suíza para estudar con Boulanger e Dalcroze cunha bolsa de estudos. Por medio dos seus contactos portugueses preparou a súa fuxida do país. En 1937, durante a guerra civil española, marchou aos Estados Unidos de América á Universidade de Columbia. Nas súas viaxes a España rematou a súa licenciatura e doutoramento da Universidade Complutense de Madrid con Rafael Lapesa en 1949. Despois marchou ao Vassar College onde exercería como profesora de español até a súa xubilación e onde coincidiu con outras exiliadas como Pilar de Madariaga,[5][6] Carmen de Zulueta, Margarita Mallo e Isabel García Lorca. O seu grupo de amigas máis íntimas confórmano Marina Romero, que coñece desde que estudaba piano en Madrid, a súa alumna Manola Sánchez Escamilla, sobriña de Gloria Giner de los Ríos, e Pilar de Madariaga.

Trala súa xubilación en 1967, volve a España e vive en Madrid no mesmo edificio que Manola e Marina pasando os veráns en Vigo. Con problemas de mobilidade e neurolóxicos, a súa saúde se vai resentindo e morre en Madrid aos 85 anos de idade. As súas cinzas están no cemiterio de Cangas.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Na súa honra crearonse os Premios Sofía Novoa, que pretenden fomentar, consolidar e dar a coñecer a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de máster e fin de grao realizados na Universidade de Vigo nos campus de Vigo e de Pontevedra.[7][8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Sofía Novoa, a galega que puxo música á Xeración do 27". GCiencia. 6 de marzo de 2018. 
  2. Losada Gallego, Carmen (2015). "Mujeres pianistas en Vigo. Del salón aristocrático a a la edad de plata (1857-1936). Sofía Novoa". Tese doutoral (Universidade de Santiago de Compostela). 
  3. Ramil, Raquel Vázquez (2012). "Mulleres galegas na Residencia de Señoritas de Madrid, «cando van, van como rosas…»". Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación 16: 101–120. ISSN 2659-9589. doi:10.17979/srgphe.2012.16.0.4097. 
  4. Atlántico (2019-12-15). "Olimpia y Sofía: amistad de dos pioneras". Atlántico (en castelán). Consultado o 2020-12-27. 
  5. López Souto, África. (2019). Mulleres que (nos) dan que pensar. Vigo: Galaxia. p. 302. ISBN 978-84-9151-429-9. OCLC 1150790464. 
  6. Losada (2017)
  7. "Premios Sofía Novoa". www.depo.gal (en castelán). Consultado o 2020-12-27. 
  8. Pontevedra (2016-10-07). "Nacen los premios Sofía Novoa dedicados a la perspectiva de género en la Universidad". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2020-12-27. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • LOSADA, CARMEN (2017). "Sofía Novoa Ortiz: una pianista de la Edad de Plata". En Adelaida Sagarra Gamazo. Liberales, cultivadas y activas: redes culturales, lazos de amistad. pp. 141–169. ISBN 978-84-9012-838-1. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]