Sociedade Filharmónica Ferrolá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Sociedade Filharmónica Ferrolá é unha asociación cultural galega da cidade de Ferrol que ten como obxectivo a divulgación e a promoción da música clásica. Foi fundada en 1949. Dende 2019 está presidida por Flor Castro Rascado.

Historia[editar | editar a fonte]

A Sociedade Filharmónica Ferrolá foi fundada en 1949 por un grupo de 400 persoas co propósito de "promocionar e divulgar a música clásica, mediante a organización de concertos". O primeiro concerto organizado pola institución foi ofrecido no Teatro Jofre pola Orquestra Sinfónica Municipal da Coruña o 7 de outubro dese mesmo ano, e pouco despois adquiriu un piano ¾ cola da fábrica de Steinway & Sons por 80 000 pesetas, que foi presentado ao público nun concerto de José Cubiles, considerado o mellor intérprete español no momento.[1][2]

O momento álgido da institución chegou en 1974, cando o número de persoas asociadas chegou ata as 840.[1] Dende os seus inicios a sociedade estivo moi ligada ao Teatro Jofre, e a súa deterioración na década de 1980 marcou o declive da institución, que sufriu un rápido descenso no número de persoas asociadas. En 1983 a Filharmónica viuse obrigada a procurar novas salas nas que ofrecer os seus concertos debido ao mal estado do Jofre e o elevado custo do alugueiro do teatro por parte do propietario, quedando relegado este a concertos de grandes conxuntos, mentres o resto de concertos se celebraron en salas como o Salón de recepcións do Concello, o salón de actos do entón Instituto Camilo Alonso Vega (hoxe Sofía Casanova), ou o Centro Cultural Municipal.[2]

Once anos despois da súa saída do Jofre, o Concello de Ferrol adquiriu o teatro. Foi entón cando a Sociedade Filharmónica volveu organizar no teatro ferrolán toda a súa programación ata que en xaneiro de 1998 o Jofre pechou as súas portas para someterse a unha profunda restauración, durante a cal as actividades da sociedade pasaron a realizarse no Centro Cultural Municipal «Torrente Ballester«.[2]

O 11 de febreiro de 2006 comezou unha nova etapa de actividades da Filharmónica no Teatro Jofre cun concerto a cargo da Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia.[2] Esta reapertura do restaurado Teatro Jofre, sumada á construción do Auditorio de Ferrol e a súa inauguración en marzo de 2014, motivaron un renacemento da asociación.[2][3]

O 16 de marzo de 2016 o pianista ruso Andreii Gugnin, gañador do Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol protagonizou o concerto número 500 da Sociedade Filharmónica Ferrolá, nunha xornada que se iniciou coa intervención do Grupo de Metais Santa Cecilia dende a terraza do Teatro Jofre antes do concerto,[4] sendo a primeira vez na historia da entidade en que unha agrupación tocou fóra do teatro.[5]

En outubro de 2019 a sociedade celebrou o seu 70º aniversario cun concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia xunto co violinista francés David Grimal.[1] Ese mesmo ano Flor Castro Rascado converteuse na primeira muller da historia en presidir a Sociedade Filharmónica Ferrolá.[6]

Orquestras e artistas[editar | editar a fonte]

Os concretos do Sociedade Filharmónica Ferrolá están en boa parte protagonizados polas dúas principais orquestras galegas, a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia. Tamén teñen participado outras agrupacións como a Orquestra de Cámara Galega, o Grupo de Metais Santa Cecilia, a Orquestra de Cámara de Viena, a Orquestra Sinfónica de Madrid, I Musici, a Orquestra de Cámara de Múnic, entre outras.[2][7][5]

Tamén teñen participado importantes personalidades do mundo da música, entre elas o arpista Nicanor Zabaleta, as cantantes Teresa Berganza, Montserrat Caballé ou María Orán, guitarristas como Andrés Segovia ou Narciso Yepes, os pianistas Joaquín Achúcarro, Paul Badura-Skoda, Pierre Barbizet, Jorge Bolet, Alicia de Larrocha, Nikita Magaloff ou Magda Tagliaferro, os violinistas Christian Ferras, Henryk Szeryng, Ruggiero Ricci ou Salvatore Accardo, ou os violonchelistas Gaspar Cassadó ou Lluis Claret, entre outros.[2]

Administración[editar | editar a fonte]

Presidencia da Ferrolá[editar | editar a fonte]

A actual presidenta da Sociedade Filharmónica Ferrolá é Flor Castro Rascado, que asumiu o cargo en 2019. Ao longo dos seus máis de 70 anos de historia, nove persoas ostentaron a presidenciaa da institución:[2]

  • Cándido Vigo Girbau (1949-1962)
  • Anselmo Seoane Pampín (1962-1970)
  • Plácido Gabeiras López (1970-1977)
  • José Naya Díaz (1977-1979)
  • José Vázquez Deus (1979-1980)
  • Manuel Pérez de Arévalo (1980-1984)
  • Juan José García Pérez (1984-2011)
  • Ángel García Sisto (2011-2019)
  • Flor Castro Rascado (2019-)

Financiamento[editar | editar a fonte]

A maior parte dos ingresos da sociedade prooveñen das cotas das persoas e empresas asociadas. A estas cotas hai que engadir os ingresos procedentes do portelo nos diferentes concertos organizados pola institución. A Sociedade Filharmónica Ferrolá recibe tamén subvencións por parte de distintas administracións públicas.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Carrillo, Julián (8 de maio de 2021). "Crecer tras resistir". El País (en castelán). 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "Un pouco de historia". filarmonicaferrolana.gal. Consultado o 8 de maio de 2021. 
  3. "Inaugurado el Auditorio de Ferrol después de nueve años de obras". El Correo Gallego (en castelán). 9 de maio de 2021. 
  4. "500 conciertos con la Filarmónica". galiciadigital.com (en castelán). 24 de marzo de 2016. Consultado o 9 de maio de 2021. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "“Nuestra programación es digna de cualquier ciudad del mundo”" (PDF). Diario de Ferrol, suplemento dominical (en castelán). p. 13 de marzo de 2016. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de maio de 2021. Consultado o 9 de maio de 2021. 
  6. "Flor en la Filarmónica". galiciadigital.com (en castelán). 18 de decembro de 2019. Consultado o 9 de maio de 2021. 
  7. "La nueva temporada de la Sinfónica comienza el próximo viernes en el Jofre". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de setembro de 2015. Consultado o 9 de maio de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]