Saltar ao contido

Sidhe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Sidhe, Sidh ou Síd era un mundo subterráneo localizado baixo un montículo artificial de terra ou túmulo megalítico en Irlanda, segundo o Lebor Gabála Érenn os Tuatha Dé Danann foron obrigados polos fillos de Mil[1] a viviren baixo terra nestes lugares, igual que os mouros da mitoloxía galega, onde seguen vivindo unha vida paralela á dos humanos, por iso os irlandeses non deixan que o gando paza neles e o goberno fai pasar as estradas por outro lado.

A tradición oral afirma que nestes lugares atópanse vivindo as fadas ou que son tumbas de heroes e reis famosos[2] sendo considerados tamén un lugar sagrado e mesmo de paso ao Outro Mundo que se abren o día de Samain. Trala invasión dos netos de Breogán (considerados os actuais celtas goidélicos) aos Tuatha no lles quedou mais remedio que refuxiarse nos sídhe, por toda Irlanda circulan historias sobre Knocks (do irlandés Cnoc, outeiro oco) en cuxo interior viven extensas comunidades feéricas gobernadas por un rei ou raíña, algúns dos Sidhe teñen incluso nome propio. Entre os sídhe mais coñecidos de Irlanda atópanse:

  • Knockma, onde se sitúa o trono de Fínvara, mítico rei das fadas de Connaught.
  • Sidhe do Brugh (Newgrange), vinculado ó mito de Angus Óg.
  • Sidh Nechtain, pazo do deus Nechtan.
  • Sidhe Ercman, onde os Tuatha Dé Danann criaron ós cabalos máxicos de Ema Nemed.
  • Síd de Cruachan, onde teñen lugar as aventuras de Nera, un dos remscéla ou contos previos ao Táin Bó Cuailnge ou Razzia do gando de Cuailnge[3]
  1. Bannerman, John, Studies in the History of Dalriada. Scottish Academic Press, Edinburgh, 1974. ISBN 0-7011-2040-1
  2. McCaffrey, Carmel. In Search of Ireland's Heroes. 2006.p 233
  3. Alberro Manuel "Táin Bó Cuailgne (a razzia de gando de Cuailnge)" ed Toxosoutos 2005. ISBN 84-96259-63-3