Segway

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
FlorenceSegwayTour.jpg

O Segway Personal Transporter (Segway PT - transportador persoal) é un vehículo de transporte lixeiro xiroscópico eléctrico de dúas rodas, con autobalanceo controlado por ordenador, inventado por Dean Kamen e presentado en decembro de 2001. Prodúceo a compañía Segway Inc., con sede en Bedford, New Hampshire. A principios do ano 2010 a empresa foi comprada por un grupo dirixido polo millonario británico Jimi Heselden, presidente de Hesco Bastion. Nove meses máis tarde falecería mentres probaba un destes Segway.

O Segway é o primeiro dispositivo de transporte con autobalanceo. O ordenador e os motores situados na base manteñen o Segway sempre horizontal. O usuario debe inclinarse cara á dirección que queira tomar (diante, atrás, dereita ou esquerda). O motor é eléctrico e silencioso, e acada os 20 km/h (15 km/h nos P-series).

Anteriormente á súa demostración pública o 3 de decembro de 2001, varios informes e rumores dun invento revolucionario podíanse encontrar nos medios, pero non había detalles dispoñibles. O recibimento inicial foi entusiasta: o director xeral de Apple, Steve Jobs, suxeriu que as cidades construiríanse a partir deste novo método de transporte, e John Doerr predixo vendas que chegarían aos 1.000 millóns de dólares moito antes que calquera outro produto anterior. Para afrontar a demanda esperada, a fábrica de Bedford foi deseñada orixinalmente para construír ata 40.000 unidades mensuais. Pouco despois da demostración, tres Segway PT vendéronse nunha poxa en Amazon.com por máis de 100.000 dólares cada un. Despois dalgúns meses, Amazon e o sitio oficial comezaron as vendas regulares.

A compañía esperara vender 50.000 unidades no primeiro ano, pero despois de 21 meses só se venderan 6.000. A cifra revelouse durante a retirada voluntaria de todos os Segway PT en setembro de 2003. A condición que levou á retirada foi descrita nunha nota de prensa como "Perigo: Baixo certas condicións operativas, particularmente cando as baterías están preto do final da carga, algúns Segway PT poden non dar a suficiente potencia, ocasionando que o condutor caia. Isto pode suceder se o condutor acelera de xeito brusco, encontra un obstáculo ou continúa conducindo despois de recibir un aviso de batería baixa".

A pesar de sufrir a compañía moitos contratempos, en 2005 Segway Inc. estaba a traballar para incrementar a súa cota de mercado e recuperar os investimentos en I+D e produción. Aínda que algunhas publicacións son escépticas, é posible que Segway aínda sexa un éxito comercial unha vez que se cubran os investimentos (como sucedeu con Iridium). Segway actualmente ten máis de 100 concesionarios e distribuidores internacionais.

O alto prezo do dispositivo (entre US$4.000 e US$5.500, dependendo do modelo) considérase o principal factor responsable da baixa demanda. Os seguidores desta tecnoloxía tamén afirman que a presentación do Segway foi en parte arruinada cando os detalles vertidos nun libro manuscrito -cuxa publicación se supoñía que debía coincidir coa presentación do vehículo- levantaron expectativas prematuras. Os entusiastas deste afirman que o público en xeral está asustado pola natureza revolucionaria do produto, aínda que estas afirmacións non teñen unha base aparente en ningún estudo de mercado. Para eliminar posibles malentendidos, e para eliminar a mala imaxe asociada co vehículo, Segway Inc. abriu concesionarios nos Estados Unidos nos que a xente pode examinar e probar os Segway PT. Aínda así non hai indicacións de que o mercado vaia considerar proximamente o PT como un vehículo práctico para uso diario en lugar de como un xoguete caro. A finais do 2004, Segway Inc. asinou contratos de distribución en varios países, incluíndo Italia e Corea do Sur. A compañía recibiu respostas positivas dos lexisladores franceses e italianos sobre a situación legal en ambos os dous países.

A pesar de que os seus creadores cren que o PT é ideal para as áreas urbanas densas, moitos suburbios e grandes cidades (como Atlanta ou Os Ánxeles) foron deseñados para ser percorridos principalmente por automóbiles mediante autoestradas e estradas interestatais. As comunidades nas que o Segway podería ter máis éxito parece que serían aquelas cunhas distancias menores entre o fogar, o traballo e as áreas de recreo, polo que o éxito do PT no mercado do transporte persoal (ao contrario que o seu uso actual como dispositivo de recreo) depende en boa medida do estilo de desenvolvemento urbano ou a habilidade de producir futuros modelos seguros con velocidades maiores.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Segway