A segunda guerra de Nagorno-Karabakh foi un conflito de 2020 armado entre as forzas armadas de Azerbaidján e a autoproclamada República de Artsakh, xunto con Armenia, na rexión de Nagorno-Karabakh, sendo a máis recente escalada de hostilidades no conflito sen resolver de Nagorno-Karabakh.
Numerosos países e as Nacións Unidas expresaron a súa forte condena do conflito e pediron a ámbolos dous bandos unha desescalada nas tensións e o comezo inmediato de negociacións significativas,[6] mentres que Afganistán, Paquistán, Israel e Turquía expresaron o seu apoio a Azerbaidján. Turquía proporcionou apoio militar a Azerbaidján, aínda que o alcance deste apoio non está claro.[7]Francia expresou o seu apoio a Armenia, e Irán foi acusado de apoiar a Armenia a pesar das súas peticións de paz na rexión.[8][9] Crese que Arabia Saudita e os Emiratos Árabes Unidos tamén apoiaron a Armenia neste conflito.[9]
Os analistas internacionais consideran que o conflito foi iniciado por Azerbaidján,[7][10] e os principais obxectivos desta ofensiva serían capturar distritos do sur Nagorno-Karabakh, que son menos montañosos e máis doados de tomar que a rexión do interior fortemente fortificada.[11][12] O apoio de Turquía a Azerbaidján crese que é un intento por estender a súa área de influencia ao aumentar as posicións de Azerbaidján no conflito ao tempo que marxina a influencia de Rusia na rexión.[7][13]