Seaxe, Sorribas, Rois

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura


Seaxe
ParroquiaSorribas
ConcelloRois
Poboación133 hab. (2013)

Seaxe é un lugar da parroquia de Sorribas no concello coruñés de Rois, na comarca do Sar. Segundo o padrón municipal (INE 2013) ten 133 habitantes (55 homes e 78 mulleres).

Xiaxe é unha aldea da parroquia de Sorribas, no concello de Rois. O seu nome derivou de Seaxe en Xiaxe.

A aldea consta de 38 casas con 74 veciños en total. Antigamente, arredor do ano 1940, a aldea posuía 36 casas. Agora, 12 desas casas estan pechadas ou abandonadas.

A aldea estaba dividida en dous rueiros, o Rueiro de Arriba e o Rueiro de abaixo. O Rueiro de Arriba estaba menos habitado, constaba de arredor de 10 casas, o Rueiro de abaixo posuía preto de 26 vivendas.

Historia[editar | editar a fonte]

Hai 100 anos, nas eiras, os mozos e mozas ían tocar a pandeireta e tamén se facía a xunta. Anos máis tarde esa mesma eira usábase para mallar o millo e o centeo. Cada ano viña unha máquina para moer e os veciños levaban todas as súas colleitas. Agora esa eira é un pequeno taller de pedra. A aldea tiña unha máquina de moer o centeo; eran varios socios os posuidores.

Hai moitos anos había unha taberna “A de Mirazo”. Tamén había unha panadería e unha barbería. Á panadería viña un panadeiro de Oín facer o pan unha vez á semana. O barbeiro viña os sábados para que os homes cortasen o pelo. Xa non queda resto de ningún destes lugares. En todas as casas había un forno para facer o pan cada semana.

Durante un tempo tamén houbo uns pozos para mallar o liño e depois facer as sabas. Estaban situados nunhas toxeiras nas que había auga.

Na aldea podemos atopar pozos, arredor de 10 cavados polos veciños ata que chegaban á auga e a sacaban cunha roldana.

No medio de Xiaxe atopamos un pozo, o pozo da Rufa. Conta a lenda que antigamente, cando facían o camiño de Santiago deixaban alí os camelos para que bebesen. A día de hoxe o pozo está tapado por unha morea de cemento e non se ve a simple vista.

Entrando polo lado de arriba (Rueiro de Arriba) había unha Santa “Nosa Señora das Angustias” que a roubaron hai anos e non volveu a aparecer.

Esta aldea tamén contaba con varios muíños: O do Piñeiro, A Rapadiña e do Pontello. Actualmente só está en funcionamento o do Piñeiro; os outros dous cubríronos as silvas ao non darlles uso.

Durante algún tempo a xente pobre roubaba a fariña que facían os muíños e tiñan que facer garda polas noites. Sucedía o mesmo cos hórreos.

Anos atrás había 3 fontes; a día de hoxe só queda unha. A Fonte da Viña tapárona e a Fonte do Nal levárona os veciños da Meana, é dicir, algunhas persoas conectaron a fonte coa súa aldea, xa que na Meana non tiñan e esta botaba unha auga moi boa.

Na zona de Xiaxe había un cruceiro, no camiño sacramental da Meana, por onde os defuntos paseaban. A parte de arriba do Cruceiro tamén a roubaron, agora só quedan as escaleiras. No medio da aldea tamén atopamos outro cruceiro, do camiño sacramental de Xiaxe.

No inverno os veciños facían as reunións da aldea nos cubertos, No inverno, tamén, as mulleres ían lavar a roupa á pía pero no verán íana lavar ao río porque na pía non había auga. O Souto é o centro da aldea. Colocaron unha pedra grande e os homes o domingo ían xogar ás cartas, porque non tiñan cartos para ir á taberna.

Había unha eira moi grande que lle chamaban “A Praza de Castelao” e os rapaces ían xogar alí. Pouco a pouco os veciños foron collendo un pedazo de eira para facer desaparecer a praza. Antigamente os veciños levaban nun “Andi” aos defuntos pola aldea.

Os canteiros facían cestos de cores artesáns. A técnica era moi peculiar, consistía en cortar un anaco de carballo que se quentaba no lume e se fendía. A muller do canteiro ía vendelos a Vilagarcía. Levaba os cestos na cabeza ata a Escravitude e despois ía e volvía no tren.

Polo medio da aldea, cando eran as festas parroquiais, a banda de música comezaba no Souto e terminaba coa alborada.

Había moita xente pobre que lle ía traballar aos ricos da mesma aldea para poder conseguir un pedazo de pan.

Lendas e tradicións[editar | editar a fonte]

Cando casaban dous vellos facían unha regueifa meténdose con eles e bailaban cun molete de pan na cabeza para despois repartilo entre os convidados.

Cando era época de seca levaban o San Roque ao río para que chovera ata que veu un home de fóra e lle deu un estacazo e o rompeu.

As mulleres para ir á misa levaban un mantón cuberto e para os días festivos tiñan uns refaixos novos.

A lenda do paxariño deu moito de que falar naqueles tempos. Sobre os anos 40 na Pascua había a sorte do paxariño e custaba 1 peseta. Consistía en botar a peseta, o paxaro ía coller un papel co bico e abríao.

Hai 200 anos a unha muller, na sorte do paxariño saíulle que ía morrer afogada, ela riuse e dixo que afogada non morría. Un día foi facer unha visita a uns familiares, para volver, choveu tanto que non era capaz de pasar o regato entón tirou o pano a unha árbore para poder agarrarse e saltar e caeu no regato. Apareceu morta no río de Carrais.

Lugares de Sorribas[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Sorribas no concello de Rois (A Coruña)

A Meana | Reibó | Seaxe | Sorribas | Tourís | Vilar de Abade

Parroquias de Rois[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Rois

Augasantas (San Vicente) | Buxán (San Xoán) | Costa (San Miguel) | Ermedelo (San Martiño) | Herbogo (San Pedro) | Leroño (Santa María) | Oín (Santa María) | Ribasar (Santa Mariña) | Rois (San Mamede) | Seira (San Lourenzo) | Sorribas (San Tomé) | Urdilde (Santa María)

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]