Santuario da Nosa Señora do Corpiño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Santuario da Nosa Señora do Corpiño
Santuario do Corpiño
PaísEspaña
LocalizaciónO Corpiño (Losón, Lalín)
Coordenadas42°44′43″N 8°12′55″O / 42.745277777778, -8.2152777777778Coordenadas: 42°44′43″N 8°12′55″O / 42.745277777778, -8.2152777777778
Diocesediocese de Lugo
Páxina webhttp://www.santuario-corpino.es/
editar datos en Wikidata ]

O santuario da Nosa Señora do Corpiño, máis coñecido simplemente coma O Corpiño, é un santuario situado no lugar do Corpiño, na parroquia de Santa Baia de Losón pertencente o concello de Lalín, nun pequeno outeiro situado no alto do val do río Deza, a medio camiño na estrada que vai de Silleda a Vila de Cruces.

Historia[editar | editar a fonte]

A arquitectura actual do inmoble data de finais do século XIX. Porén, a localización do actual santuario foi escollida arredor do século XII, pois di a lenda que preto de alí, nunha pequena ermida ofrecida a Santo Hadrián, vivía un personaxe que presentaba unha gran devoción pola figura da Virxe, á que lle dedicaba numerosos sermóns que eran recibidos de grado polos veciños da zona. A lenda di que co paso do tempo o home apareceu morto mais co seu corpo incorrupto, o que se interpretou como un milagre que a Virxe obrara. En resposta a tal suceso, os veciños levantaron unha capela na súa honra, onde agora se atopa o templo actual. A lenda tamén conta que Almanzor destruíu o templo, feito nunca probado historicamente, e que dende aquela a ermida caeu no esquecemento, ata que unha parella de pastoriños, mentres se refuxiaban dunha tormenta presenciaron a aparición da Virxe co neno no colo. Dende entón o lugar retomaría o culto.

A romaría[editar | editar a fonte]

As peregrinacións de crentes sucédense todo o ano, aínda que alcanzan o seu punto álxido na romaría celebrada arredor do 23-24 de xuño. Estas congregan a centos de romeiros que buscan un remedio para as súas doenzas, particularmente a xente afectadas de doenzas relacionadas co máis alá, como feitizos, meigallos, tolemias ou posesións demoníacas, quizais unha forma de denominar enfermidades mentais ou nerviosas pouco coñecidas. O Corpiño é tamén un dos poucos lugares da península onde aínda se practican exorcismos para sacar o demo ou o meigallo fóra do corpo de fieis “posuídos”. Deste xeito relixión e bruxería confúndense nun único espazo coma únicos culpables ou remedios daquelas doenzas ás que a medicina supostamente non foi capaz de dar solución ou explicación.

Durante estas datas do mes de xuño centos de fieis chegan durante a mañá co fin de presentarlle as súas ofrendas á Virxe en forma de exvotos de cera, cirios, nun intento por deixar un sinal da súa relixiosidade e devoción. Trala misa das doce, os peregrinos arrexúntanse formando unha fila ao redor do templo, para que a figura da Virxe en procesión sexa levada por riba das súas cabezas. Nese momento os crentes fregan panos contra os pés da Virxe co fin de cargalos dalgún tipo de poder curativo ou apotropaico, para levalos á casa e protexer aqueles enfermos que polas súas doenzas non puideron acudir á romaría.

O santuario do Corpiño constitúe xunto con Santo André de Teixido e os Milagres de Amil un dos sitios máis populares deste tipo de crenzas relixiosas.

Ano Santo Xubilar Mariano[editar | editar a fonte]

O 24 de xuño do 2017, na misa solemne, á cal asistiron Alfonso Carrasco Rouco, bispo da diocese de Lugo, e o vicario Mario Vázquez Carballo, fíxose público a concesión do Ano Santo Xubilar Mariano, o cal rematou o 24 de xuño do 2018 coa Coroación Pontificia concedida pola Penitenciaría Apostólica, por mandato do papa Francisco. Esta concesión carrexa poder conseguir a Indulxencia Plenaria de todos os fieis cristiáns que acudan o Santuario e ante a venerada imaxe participen nalgún acto sagrado ou exercicio de piedade mariana, oren e mediten por un tempo ante dita imaxe ao longo de todo o Ano Santo.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes do Corpiño.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]