Saltar ao contido

RMS Majestic (1914)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «SS Bismarck»)
SS Bismarck
RMS Majestic
HMS Caledonia

O RMS Majestic, c.1922
Historial
Estaleiro Blohm & Voss, Hamburgo Alemaña
Clase Imperator
Tipo Transatlántico
Operador White Star Line
Posta en grella 1913
Botado 20 de xuño de 1914
Viaxe inaugural 12 de maio de 1922
Baixa 29 de setembro de 1939
Características xerais
Desprazamento 56.551 t
Eslora 291.3 m
Manga 30.5 m
Potencia 100.000 cv
Capacidade 2.145 pasaxeiros:
  • 750 primeira clase
  • 545 segunda clase
  • 850 terceira clase

O SS Bismarck foi orixinalmente un transatlántico alemán encargado pola navieira Hamburg America Line (HAPAG) e construído nos estaleiros Blohm & Voss entre 1913 e 1914. Foi o terceiro da clase Imperator e tivo como buques irmáns ao SS Vaterland e ao SS Imperator.

Unha vez botado en 1914, non chegou a ser completado totalmente debido á entrada de Alemaña na primeira guerra mundial, permanecendo inacabado. Como consecuencia do Tratado de Versalles foi entregado ao Reino Unido en compensación polo afundimento do buque hospital HMHS Britannic. Remodelado, completado e renomeado como RMS Majestic a partir de 1922 foi catalogado como o buque máis grande do mundo. O Majestic serviu para a empresa White Star Line.

Máis tarde, no 1936, a White Star vendeu o buque á Royal Navy que o renomeou como HMS Caledonia destinándoo a buque de adestramento de novos cadetes, ata que un incendio o destruíu parcialmente en setembro de 1939, afundindo preto das costas de Escocia. Finalmente, os seus restos foron desmantelados en 1943.

Botadura do SS Bismarck en 1914. (A roda está chafranada nun sector para colocar a aguia imperial como mascarón)

Durante a chamada época dourada dos buques de liña, a HAPAG ordenou a construción de tres transatlánticos da chamada clase Imperator en resposta aos buques RMS Lusitania e RMS Mauretania da Cunard Line en Inglaterra. Foron deseñados para ser moito máis grandes e luxosos pero non tan veloces como os ingleses.

O SS Bismarck foi botado o 20 de xuño de 1914 e bautizado pola condesa Hanna von Bismarck e o Káiser Guillerme II de Alemaña.

O inicio das hostilidades da primeira guerra mundial ralentizou a finalización do buque, o cal xa estaba bastante avanzado pero non completamente equipado. Tampouco foi dotado da famosa aguia imperial de bronce característica da HAPAG no Segundo Reich. A HAPAG tiña plans de efectuar o cruceiro da vitoria coa familia imperial alemá en dito buque se Alemaña gañaba a guerra.[1]

Porén, debido a que a guerra foi desfavorable a Alemaña, o Tratado de Versalles imposto polos vencedores obrigou aos xermanos a completar e entregar os buques de liña sobreviventes como compensación de guerra. Os traballos de terminación foron realizados de mala gana, deliberadamente ralentizados e incluso sabotados pola Blohm & Voss en Hamburgo ata 1922, ano en que foi transferido á White Star Line. Chegou a porto coas cores orixinais da HAPAG nas súas chemineas e o seu nome como Bismarck nos seus costados como un desafío para os ingleses. A hotelería estaba semirrematada e ademais deliberadamente en malas condicións de salubridade.

RMS Majestic

[editar | editar a fonte]
O RMS Majestic nun dique flotante de Southampton, 1932.

A White Star Line tomouno como compensación pola perda do HMHS Britannic, afundido por unha mina na canle de Kea en augas gregas, e reacondicionouno coas cores e o luxo característico renomeándoo como RMS Majestic. Realizou a súa viaxe inaugural o 12 de maio de 1922 na ruta Southampton-Cherburgo-Nova York.

Sala de piscina do Majestic.

O Majestic gozou de gran popularidade por ser o buque de liña máis longo do mundo (ata a aparición do SS Normandie en 1935) e polo seu luxo. Foi coñecido co sobrenome Magic Stick (variña máxica).[2]

O gran salón do Majestic. As súas luxosas instalacións aseguraron a súa gran popularidade nos anos vinte.

HMS Caledonia

[editar | editar a fonte]

En 1937, a White Star -fusionada xa coa Curnard Line- decidiu vender para desarme ao Majestic debido a varios problemas eléctricos e estruturais; porén a firma Ward & Co. encargada do desarme vendeuno ao Ministerio da Mariña inglés, quen o reacondicionou como buque para adestramento de cadetes (cunha capacidade para 1500 persoas) e o renomeou como HMS Caledonia. Rebaixáronse as chemineas, elimináronse os botes salvavidas e engadíuselle unha cuarta ponte.

Comezada a segunda guerra mundial, os cadetes do Caledonia foron redestinados e o buque pasou á reserva á espera dunha decisión por parte do Almirantado. Permaneceu ata o 29 de setembro de 1939, día en que se incendiou debido a un fallo eléctrico nun peirao de Rosyth, en Escocia, afundindo naquelas augas. Permaneceu nese lugar ata que a Shipbreaker Ward & Co o comprou e desmantelou en 1943.

  1. "Bismarck/Majestic en Ocean Liners". Arquivado dende o orixinal o 09 de novembro de 2014. Consultado o 07 de maio de 2010. 
  2. "Buques da WSL". Arquivado dende o orixinal o 12 de agosto de 2010. Consultado o 07 de maio de 2010. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]