Saltar ao contido

SS Nomadic

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
SS Nomadic
 Nome oficial
    SS Nomadic (mul)   Editar o valor en Wikidata
 Alcume
    Ingénieur Minard (fr) dende 1934 ata 1974 Editar o valor en Wikidata
Imaxe
 Uso
Características
 Tipo de embarcación
sen valor Editar o valor en Wikidata
Implicados
 Propietario/a
 Operador/a
 Fabricante
Datas
 Entrada en servizo
1911 Editar o valor en Wikidata
Historia
 Acontecementos importantes
Localización
 Situado en
 Lugar de creación
 Porto de orixe
 Porto de rexistro
 OpenStreetMap
Mapa
 Coordenadas
Cifras e dimensións
 Lonxitude
   67 m Editar o valor en Wikidata
 Tonelaxe bruto
   1.273 Editar o valor en Wikidata
 Capacidade
   1.000 Editar o valor en Wikidata
 Velocidade máxima
   12 kn Editar o valor en Wikidata
 Manga
   11 m Editar o valor en Wikidata
 Calado
   2,4 m Editar o valor en Wikidata
Códigos e identificadores
Código postalBT3 9DT Editar o valor en Wikidata
Freebase/m/07594_ Editar o valor en Wikidata
Número de casco422 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
 Páxina WEB
Wikidata C:Commons

O SS Nomadic é un barco de vapor da White Star Line, construído no ano 1911 nos estaleiros de Harland and Wolff na cidade de Belfast, Irlanda do Norte. Foi construído como transbordador para o RMS Olympic e o RMS Titanic. Foi deseñado por Alexander Carlisle e Thomas Andrews, enxeñeiros deseñadores dos buques clase Olympic.

En 1927 a White Star Line vendeuno á Société Cherbourgeoise de Transbordement, que o utilizou co mesmo nome. En 1934 foi vendido de novo, esta vez á Société Cherbourgeoise de Remorquage et de Sauvetage, que o renomeou como "Ingénieur Minard".

O barco estivo en servizo durante 57 anos, sobrevivindo ás dúas guerras mundiais. Após ser dado de baixa en novembro de 1968, foi comprado por Yvon Vincent en 1974, sendo trasladado até París, onde foi reconvertido nun restaurante boiante preto da torre Eiffel. Tras o peche do restaurante en 1999, o barco estivo inactivo durante varios anos, até que foi adquirido en 2006 polo Departamento de Desenvolvemento Social de Irlanda do Norte para a súa restauración, sendo trasladado de regreso a Belfast en xullo dese mesmo ano.

O Nomadic é o único barco da frota da desaparecida White Star que aínda existe, sendo actualmente usado como un barco museo.

Concepción e construción

[editar | editar a fonte]
O Nomadic en 1911.

En 1907, Joseph Bruce Ismay e William Pirrie, respectivamente presidentes da White Star Line e dos estaleiros Harland and Wolff de Belfast, decidiron construír tres buques xigantes, coñecidos como a clase Olympic. Este trío de buques estaba composto polo Olympic, o Titanic e o Britannic. Estes barcos eran demasiado grandes para o porto francés de Cherburgo, así que necesitábase un transbordador para trasladar aos pasaxeiros dende o peirao até os buques. A White Star xa posuía o SS Gallic, construído en 1894 e adquirido pola empresa en 1907.[1] Porén, este barco non era axeitado para o seu uso cos novos transatlánticos.

O 25 de xuño de 1910, Ismay e Pirrie reuníronse con Thomas Andrews e Alexander Carlisle, os deseñadores dos novos buques,[2] quen aproveitaron a oportunidade para propoñer á White Star a construción de dous novos transbordadores, o SS Nomadic e o SS Traffic. O Nomadic foi equipado cun luxoso interior e foi, polo tanto, destinado para o uso dos pasaxeiros de primeira e segunda clase, namentres que o Traffic serviu aos pasaxeiros de terceira clase.

A construción do Nomadic estivo a cargo dos estaleiros Harland and Wolff, sendo iniciada o 22 de decembro de 1910 (co número de construción 422),[3] e foi botado o 25 de abril de 1911. O barco realizou as súas probas de mar o 16 de maio de 1911 e, once días máis tarde, foi entregado á White Star Line.[4]

Anos en servizo (1911-1968)

[editar | editar a fonte]

O Nomadic comezou o seu servizo co motivo da viaxe inaugural do Olympic, o 14 de xuño de 1911, durante a escala do transatlántico en Cherburgo.[5] O 13 de novembro dese mesmo ano, o Nomadic golpeou ao buque SS Philadelphia da American Line, que estaba sendo cargado; a colisión danou lixeiramente a súa proa.[6]

O 10 de abril de 1912, o Titanic zarpou dende Southampton para realizar a súa primeira e única viaxe. Chegou a Cherburgo ás 18:30, e o Nomadic transportou os pasaxeiros procedentes de Francia para que embarcasen no Titanic, entre os cales se atopaban millonarios famosos como John Jacob Astor IV e Benjamin Guggenheim, así como Margaret Brown.

Durante a primeira guerra mundial o Nomadic usouse para o transporte das tropas dos Estados Unidos en Brest, Francia.

En 1927 foi vendido á Compagnie Cherbourgeoise de Transboerdement, que o usou co mesmo nome. O 29 de novembro de 1931 colisionou co Minnewaska, un barco que tamén chocou co Traffic dous anos iñantes.[6] En 1934 foi vendido á Société Cherbourgeoise de Remorquage et de Sauvetage (SCSR), que o rebautizou como Ingenieur Minard[7] para honrar ao enxeñeiro que creou o porto moderno de Cherburgo.[8] En 1939, durante a segunda guerra mundial, o Ingenieur Minard foi utilizado para evacuar tropas dende Francia ata o Reino Unido.[3] A partir de 1940, serviu á Royal Navy como barco patrulleiro.[9][3]

Ó rematar a guerra continuou co transbordo de pasaxeiros a barcos da Cunard White Star Line (as dúas navieiras fusionadas en 1934), ata o 4 de novembro de 1968, cando serviu ao RMS Queen Elizabeth por derradeira vez. Ese mesmo ano, o transbordador foi vendido á empresa de despece Somairec, localizada en Le Havre.[7] Porén, o barco non foi despezado.

Uso como restaurante e posterior inactividade

[editar | editar a fonte]
O SS Nomadic atracado no río Sena en París no ano 2000.

No ano 1974 foi adquirido por Yvon Vincent, quen converteu o barco nun restaurante boiante sobre o río Sena en París e o rebautizou co seu nome orixinal.[3] O restaurante abriu as súas portas o 25 de xuño de 1977,[3] e tivo unha longa carreira con tres nomes diferentes: Le Shogun, Le Colonial e Le Transbordeur du Titanic.[10] Tamén foi utilizado como local de oficinas, como sala de recepcións e como sala de cinema.[10] 22 anos máis tarde, en 1999 o restaurante foi pechado por mor de que o buque non cumpría os novos regulamentos que esixían que as embarcacións do río Sena fosen inspeccionadas de forma periódica. Ademais, a súa superestrutura impedíalle pasar por debaixo das pontes parisienses. Tras o peche do restaurante, o barco permaneceu en estado de abandono nos peiraos do Sena.[3]

En 1999, decidiuse examinar o casco do Nomadic no dique seco iñantes dunha posíbel reabertura ao público. O 17 de setembro de 2002, o porto autónomo de París comezou os traballos de recorte da superestrutura, co fin de que o barco puidese pasar baixo as pontes. O 1 de abril de 2003, o Nomadic abandonou París, sendo enviado a Le Havre e entrou ao dique seco entre xaneiro e febreiro do ano seguinte.[10] O barco permaneceu en Le Havre até xullo de 2006 cando, após ser adquirido polo Departamento de Desenvolvemento Social de Irlanda do Norte en xaneiro dese ano, foi enviado a Belfast para ser restaurado e conservado como barco museo.

Conservación do Nomadic

[editar | editar a fonte]
O SS Nomadic en Belfast sendo restaurado, en marzo de 2012.

O 26 de xaneiro de 2006, o Nomadic foi adquirido polo Department of Social Development of Northern Ireland polo prezo de 171 320 £.

O concello de Belfast investiu 7 millóns de libras esterlinas para a conservación e restauración do Nomadic.

O Belfast Industrial Heritage levou a cabo a campaña de financiamento e a colaboración do 'White Star Memories' e outros apaixonados pola preservación do Nomadic contribuíron na restauración do navío.

Situación actual

[editar | editar a fonte]

Tras o seu regreso a Belfast, o Nomadic foi amarrado no peirao de Queen xusto as aforas do centro Odyssey Arena de Belfast e aberto en exposición temporal. A finais do 2008, o barco foi pechado ao público e trasladado ao porto de Barnett para o mantemento do interior.

En xaneiro do 2009, a empresa Frazer-Nash foi nomeada administradora do Plan de Xestión da Conservación. O nivel da restauración estaba planificado que a restauración completa do Nomadic estivera completada a tempo para o 100 aniversario do afundimento do RMS Titanic no ano 2012. En 2009 entrou en dique seco para a súa completa restauración.[11]

En 2013 completouse a nova superestrutura e a restauración do interior, e dende ese ano o barco é usado como museo.

Algunhas características

[editar | editar a fonte]

O barco posúe unha eslora de 67 m, unha manga de 11 m e un calado de 2,4 m. Cando era novo, o Nomadic pesaba 1.273 toneladas e era propulsado por dous motores de dobre expansión con 550 cabalos de potencia que impulsaban dúas hélices de tripla pá, que lle permitían acadar unha velocidade de 12 nós.

O barco estaba tripulado por 14 homes e podía transportar un total de 1000 pasaxeiros. Para casos de emerxencia, tiña dous botes salvavidas.

  1. «Gallic» I of the White Star Line Arquivado 08 de xuño de 2012 en Wayback Machine. (en inglés). Titanic-Titanic.com. Consultado o 5 de novembro de 2009.
  2. Gérard Piouffre 2009, Larousse, p. 49.
  3. 1 2 3 4 5 6 «Nomadic» of the White Star Line Arquivado 16 de xullo de 2011 en Wayback Machine. (en inglés). Titanic-Titanic.com. Consultado o 23 de decembro de 2009.
  4. The Early Years Arquivado 12 de setembro de 2013 en Wayback Machine. (en inglés). Nomadic Preservation Society. Consultado o 1-9-2013.
  5. Mark Chirnside 2004, Tempus, p. 47.
  6. 1 2 «Nomadic» & «Traffic» Arquivado 27 de febreiro de 2017 en Wayback Machine. (en inglés). The Great Ocean Liners.com. Consultado o 23 de decembro de 2009.
  7. 1 2 Mark Chirnside 2004, Tempus, p. 306.
  8. The World Wars Arquivado 14 de setembro de 2013 en Wayback Machine. (en inglés). Nomadic Preservation Society. Consultado o 1-9-2013.
  9. The White Star Line Passenger Tender, «Nomadic» Arquivado 26 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine. (en inglés). White Star Ships. Consultado o 23 de decembro de 2009.
  10. 1 2 3 Le «Nomadic» et le «Traffic» (en francés). Le Site du Titanic. Consultado o 24 de decembro de 2009.
  11. "Belfast Telegraph: "Titanic's Nomadic wanders down the quayside"". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2009. Consultado o 21 de abril de 2010.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]