Romulea clusiana
Aberiota | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Romulea clusiana | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
'Romulea clusianum' (Lange) Nyman |
A aberiota[1] (Romulea clusiana) é unha planta herbácea da familia das iradáceas, bulbosa de talo curto (arredor de 6 centímetros) e con flores de cor rosa e púrpura, co seu centro en amarelo. Tamén se coñece como aberiota a Romulea bulbocodium.
Descrición
[editar | editar a fonte]Planta perenne, glabra, con bulbo subterráneo asimétrico e talo curto con follas. As dúas follas basais son case redondas con 4 sucos, erectas ou deitadas, de 5 a 30 cm de longo e 0,8–2 mm de groso. O talo ten até catro follas de ata 4 cm x 2 mm, que superan o talo, ascendentes e flexuosas, e cun ápice que xeralmente tende a ser un tanto amarelo[2].
As flores, moi chamativas, son semellantes en cor ás do Crocus ou mesmo ás dos tollemerendas, en xeral máis grandes cás das outras especies do mesmo xénero. Cada planta bota ata 3 flores, que arrincan dunha bráctea de entre 15 e 28 mm. A bráctea é cor verde esvaída, ás veces herbácea ou coa marxe escariosa. A bractéola é longa coma a bráctea, pero tamén pode ser máis curta, e escasiosa.
O perianto ten entre 3 e 4.6 cm, co que resulta entre vez e media e dúas veces e media máis longo cá bráctea, o que é un trazo característico da R. clusiana fronte a outras Romuleae. Os tépalos teñen de 5 a 9 mm de largo, e son de cor amarela ou laranxa na súa base, tirando a brancos na parte media, e morados ou purpúreos na apical. Porén, a coloración dos tépalos adoita variar e hai individuos que non seguen o esquema tricolor e presentan tépalos esbrancuxados por enteiro, ou amarelos na base e esbrancuxados no resto, sen o violeta no remate dos tépalos[3]. O androceo ten estames co filamento pubescente na base e a antera grande, de 7 a 11 mm, amarela. O xineceo ten estigmas máis longos cás anteras[2] e fondamente bífidos[3]. É unha flor temperá, que florece de febreiro a abril.
O froito é un casulo marrón de ata 13 mm, de forma oblonga ou subtetrágona, con sementes globosas e lisas no seu interior, pardas.
Identificación
[editar | editar a fonte]Como xa se dixo, pode ser difícil de diferenciar da Romulea bulbocodium (L.) Sebast. & Mauri, e antigamente se consideraba unha subespecie desta. Ademais, ambas especies poden hibridar con relativa frecuencia (Romulea x variegata Merino), e apaecen individuos que presentan trazos intermedios. As principais diferenzas entre ambas as dúas especies son:
- O perianto de R. clusiana é bastante maior có da R. bulbocodium: 30-45 mm contra 13-30 mm. O perianto da R. clusiana representa 1.5-2.5 veces a lonxitude da bráctea, mentres que na R. bulbocodium non supera o dobre da lonxitude da bráctea.
- No hábitat, R. clusiana aparece sobre todo nos areais e nas praias, ou en zonas costeiras, mentres que R. bulbocodium adoita ser máis interior. Iso non impide que aparezan exemplares de R. clusiana algo apartados do mar, ou de R. bulbocodium próximos das zonas de costa.
Hábitat
[editar | editar a fonte]A planta medra en zonas herbosas próximas á costa, en xeral areais costeiros e dunas.[2]
Distribución
[editar | editar a fonte]Distribúese polas zonas costeiras do norte e do sur da Península Ibérica e no noroeste de África. Ocasionalmente pode aparecer nalgúns puntos no interior da Península Ibérica[2].
En Galicia atópase nas tres provincias que teñen litoral[2]. O proxecto Biodiversidade.eu recóllea nas Rías Baixas, no curso baixo do Tambre, nas illas Cíes e mesmo no interior do concello de Gondomar[4].
- Trichonema clusianum Lange, Vidensk. Meddel. Naturhist. Foren. Kjøbenhavn 1860: 75 (1860 publ. 1861).
- Bulbocodium clusianum (Lange) Kuntze, Revis. Gen. Pl. 2: 700 (1891).
- Romulea bulbocodium var. clusiana (Lange) Batt. in J.A.Battandier & L.C.Trabut, Fl. Algérie, Monocot.: 37 (1895).
- Romulea bulbocodium subsp. clusiana (Lange) Cout., Fl. Portugal: 145 (1913).
- Ixia bulbocodium var. major Schousb., Iagttag. Vextrig. Marokko: 25 (1800).
- Trichonema clusianum var. minus Merino, Contr. Fl. Galicia: 261 (1897).
- Romulea clusiana var. serotina Samp., Bol. Soc. Brot. 21: 10 (1904).
- Romulea clusiana var. herculea Pau ex Bég., Bol. Soc. Brot. 22: 9 (1906).
- Romulea clusiana var. minor (Merino) Bég., Bol. Soc. Brot. 22: 9 (1906).
- Romulea clusiana var. stenophylla Merino, Actas Mem. Prim. Congr. Nat. Esp. Zaragoza: 312 (1909).
- Romulea bulbocodium var. major (Schousb.) Maire & Weiller, Fl. Afrique N. 6: 178 (1959 publ. 1960).
- Romulea major (Schousb.) A.Marin, Trav. Inst. Sci. Chérifien, Sér. Bot. 27: 24 (1962).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "aberiota". DIGALEGO. Consultado o 2021-03-07.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Romulea clusiana". Naturaleza y turismo (en castelán). Consultado o 2021-03-07.
- ↑ 3,0 3,1 SM, Suso (2018-03-08). "Romulea clusiana (Lange) Nyman". Flora de Galicia (en castelán). Consultado o 2021-03-07.
- ↑ Biodiversidade.eu, Biodiversidade.eu. "Mapa de especies". Biodiversidade.eu. Consultado o 2021-03-07.
- ↑ "World Checklist of Selected Plant Families: Royal Botanic Gardens, Kew". wcsp.science.kew.org. Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2021. Consultado o 2021-03-07.