República Partenopea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaRepública Partenopea

Localización
lang=gl Editar o valor em Wikidata
CapitalNápoles Editar o valor em Wikidata
Datos históricos
Creación21 de xaneiro de 1799 Editar o valor em Wikidata
Disolución24 de xuño de 1799 Editar o valor em Wikidata
Organización política
Forma de gobernosistema diretorial (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

A República Partenopea, ou República Napolitana (en italiano, Repubblica Napoletana; en francés, République parthénopéenne) ocupou un pequeno período na historia do Reino de Nápoles. Foi o resultado das actividades de Francia como secuela do xacobinismo da Revolución francesa para exportar a revolución, constituíndose así en República irmá, un estado satélite da Primeira República Francesa.

Orixes da república[editar | editar a fonte]

Retrato de Fernando IV.

Cando estalou a Revolución francesa o rei Fernando IV de Nápoles e a raíña María Carolina, filla da emperatriz María Tareixa I de Austria e irmá de María Antonieta, raíña de Francia, que era quen realmente gobernaba, porque o seu marido só se preocupaba das relacións coa Igrexa e da construción de obras públicas, como a Academia de Arquitectura de Nápoles ou a Casa Vanvitelliana, a raíña controlou ao seu esposo e participaba activamente no goberno do reino, chegando a ter unha posición de gran poder. Nos primeiros anos de goberno, María Carolina mostrouse tolerante cos movementos republicanos. Porén, tras a morte na guillotina de Lois XVI, o Reino uniuse en 1793 á Primeira Coalición que formaran varios Estados europeos en contra de Francia, levando a cabo severas persecucións contra todos os sospeitosos de simpatizaren coa causa revolucionaria francesa. O republicanismo, así e todo, foi gañando terreo, especialmente entre a aristocracia.[1]

En 1796 o xeneral Napoleón Bonaparte invadiu Italia e venceu con facilidade ás tropas austríacas e aos débiles gobernos locais, aínda que de contado se asinou a paz.

Pero en 1798, mentres o xeneral Bonaparte se encontraba en Exipto, María Carolina induciu a Fernando a entrar de novo en guerra con Francia. Nese ano os franceses ocuparon Roma e os xacobinos da cidade crearon a República Romana. Fernando IV de Nápoles enviou un exército para frear aos franceses e restaurar a autoridade papal. O exército napolitano tiña 70.000 homes baixo o mando do general austríaco Karl von Mack. Nun primeiro momento, o 29 de outubro entraron en Roma, obrigando ao xeneral napoleónico Jean Étienne Championnet a retirarse. Pero logo, inesperadamente, Championnet contraatacou e o exército napolitano non foi capaz de resistir, retirándose cara a Nápoles e entregando aos franceses todas as fortalezas dos territorios setentrionais do Reino, incluíndo Gaeta.[2]

Michele Pezza.

O 8 de decembro de 1798, Fernando IV realizou desde L'Aquila unha proclama pola que chamaba aos cidadáns a defender o Reino. Na súa marcha cara a Nápoles, o xeneral Championnet encontrou unha forte resistencia de labregos nos Abruzos e o Lacio, destacando a que organizou Michele Pezza, alcumado Fra Diavolo.

Finalmente, os franceses chegaron até as portas de Nápoles. O 22 de decembro de 1798, o rei Fernando abandonou a capital para trasladarse a Sicilia. Así e todo a resistencia foi eficaz, segundo recoñeceu o propio xeneral Championnet, pero inútil. Os defensores foron bombardeados polos mesmos napolitanos xacobinos que apoiaban a invasión fransesa e finalmente lograron tomar o Castel Sant'Elmo. Esta contenda, próxima a unha guerra civil, custou a vida de oito mil napolitanos e un milleiro de franceses.[3]

O 22 de xaneiro de 1799 un grupo de napolitanos xacobinos, entre os cales estaban Mario Pagano, Domenico Cirillo, Nicola Fasulo, Carlo Lauberg e Giuseppe Logoteta, proclamaron no Castel Sant'Elmo a República Partenopea (ou República Napolitana). Este novo Estado estaba controlado por Francia (era unha das chamadas Repúblicas irmás da Primeira República francesa) e por non ter apoio popular, sobre todo nas provincias, porque a poboación era leal ao seu antigo rei e desexaba o retorno da monarquía.[4]

A República[editar | editar a fonte]

A República existiu unicamente debido ao poder do exército francés, que se comportou brutalmente cos napolitanos, saqueando e violando. Os republicanos napolitanos eran homes de cultura e elevada categoría, pero teorizantes e inexpertos, e sabían moi pouco das clases baixas de seu propio país. O goberno pronto se encontrou en dificultades financeiras; fallaron ao organizar o exército, e tveron pouco éxito no seu intento de "democratizar" as provincias.

Fabrizio Ruffo.

A finais de xaneiro o cardeal Fabrizio Ruffo viaxou a Palermo para presentar ao rei Fernando un proxecto de reconquista do Reino de Nápoles. Aceptado o plan, o cardeal volveu a Nápoles onde contou co apoio dos napolitanos. Miles de homes preparáronse para loitar contra os xacobinos en defensa dos borbóns.

Ruffo creou o Exército Católico Real e, o 13 de xuño de 1799, Fernando IV restaurou a monarquía borbónica. O éxito foi máis alá das expectativas e, con "Exército cristiano da Santa Fe" (Esercito Cristiano della Santa Fede), composto por ladróns, presos, campesiños e algúns soldados, marcharon a través do Reino saqueando, queimando e masacrando. Unha escuadra inglesa acercouse a Nápoles e ocupou a illa de Procida, pero despois dunas poucas batallas coa frota republicana ao mando de Francesco Caracciolo, un exoficial da Armada borbónica, fíxoos regresar a Palermo, xa que a frota franco-española os esperaba.

Ruffo, xunto con buques rusos e turcos, ao mando do almirante Ushakov, marchou cara a capital, da que se retiraron os franceses, a excepción dunha pequena forza ao mando de Méjean. Os destacamentos republicanos dispersos foron derrotados, só Nápoles e Pescara resistiron.

O 13 de xuño de 1799, Ruffo e as súas tropas chegaron a Nápoles e, despois duna cruenta batalla na Ponte da Magdalena, entraron na cidade. Durante semanas, os calabreses e os lazzaroni continuaron o saqueo e o masacre, e Ruffo foi incapaz de contelos, incluso si houbese querido facelo. Pero os realistas non eran aínda donos da cidade, xa que os franceses no castelo de Sant'Elmo e os republicanos nos castelos Nuovo e dell’Ovo, seguían resistindo e bombardeando as rúas, mentres que a frota franco-española podía chegar en calquera intre. Por conseguinte, Ruffo estaba desesperadamente ansioso por chegar a un acordo cos republicanos para a evacuación dos castelos, malia as ordes da raíña de non chegar a un acordo cos rebeldes.

Despois dalgunhas negociacións as partes concluíron un armisticio, e acordoise e asinouse a capitulación (onorevole capitolazione), mediante a cal os castelos serían evacuados, os reféns liberados e as gornicións libres para permaneceren en Nápoles sen seren molestadas, ou para viaxaren a Toulon.

Mentres os buques estaban preparándose para a viaxe a Toulon, foron liberados todos os reféns dos castelos salvo catro. Pero o 24 de xuño de 1799 o almirante Nelson chegou coa súa frota e, ao ter coñecemento da capitulación negouse a recoñecela, exceptuando a medida que afectaba aos franceses. Ruffo, indignado, declarou unha vez que foi asinado o tratado, pero non só por el, senón tamén polos comandantes rusos e turcos, e polo capitán británico Foote, e que debían ser respectados. Ante a negativa de Nelson dixo que non lle axudaría na captura dos castelos. O 26 de xuño Nelson cambiou de actitude e autorizou a Sir William Hamilton, o ministro británico, a informar ao cardeal que el (Nelson) non faría nada para romper o armisticio; mentres tanto os capitáns Bell e Troubridge escribiron que tiñan autorización de Nelson para dicir que este último non se oporía ao embarque dos republicanos. A pesar destas expresións equívocas, os republicanos mostráronse satisfeitos e embarcaron nos buques preparados para eles. Pero o 28 de xuño Nelson recibiu a resposta da corte, en consecuencia, moitos dos republicanos foron detidos. Caracciolo, que fora capturado mentres intentaba escapar de Nápoles, foi xulgado por un tribunal militar dos oficiais realistas baixo os auspicios de Nelson a bordo do buque insignia do almirante; foi condenado a morte e aforcado na verga dun mastro.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

O 8 de xullo de 1799 o rei Fernando chegou a Nápoles desde Palermo, e os xuízos subsecuentes foron levados dunha maneira máis arbitraria; foron executadas 99 persoas, como o filósofo Mario Pagano; o científico Domenico Cirillo; Manthonè, o ministro da Guerra da República Massa; o defensor do catelo dell’Ovo; Ettore Caraffa, o defensor de Pescara e Eleonora Fonseca Pimentel, poetisa da corte transformada en revolucionara e editora de Il Monitore Napoletano, o periódico do goberno republicano. Máis de 500 persoas foron encarceradas e ao redor de 350 deportadas. A censura e a opresión posterior de todo movemento político foi moi debilitante para Nápoles.

Cando estes xuízos foron coñecidos en Gran Bretaña, Charles James Fox denunciou a Nelson na Cámara dos Comúns, por estar involucrado nas "atrocidades cometidas na baía de Nápoles".

Na literatura[editar | editar a fonte]

Alexandre Dumas describiu este episodio histórico, pouco coñecido, na súa novela La San-Felice (1863).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gies McGuigan, Dorothy (1984): Los Habsburgo. Barcelona: Grijalbo. ISBN 84-2531-586-7.
  2. De Saint Albin, Alexandre Rousselin de Corbeau (1860): Championnet, général des armées de la République française: ou les Campagnes de Hollande, de Rome et de Naples.
  3. Albanese, Camillo (1998): Cronache di una rivoluzione: Napoli 1799. Milán: FrancoAngelo. ISBN 88-464-1070-X.
  4. Real Casa de Borbón de las Dos Sicilias. "El Cardenal Ruffo y las manifestaciones filoborbónicas" Arquivado 17 de marzo de 2010 en Wayback Machine..

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • John Davis (2006): Naples and Napoleon: Southern Italy and the European Revolutions, 1780-1860. Oxford University Press. ISBN 978-0-1982-0755-9.
  • Harold Acton (1957): The Bourbons of Naples (1731-1825) Londres: Faber and Faber. ISBN 978-0-5712-4901-5.
  • Christopher Duggan (1996): Historia de Italia. Capítulo 3: "Inmovilismo y reforma (1494-1789)". Madrid: Cambridge University Press ISBN 0-521-55568-X.
  • Louis Bergeon, François Furet e Reinhart Koselleck (1976): Historia Universal 26. La época de las Revoluciones Europeas. 1780-1848. Ed. Siglo XXI de España. ISBN 978-84-323-0219-0
  • T .C. W. Blanning (1996): The French Revolutionary Wars, 1787-1801. Hodder Education Publishers; ISBN 0-340-64533-4.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]