Reiseñor da auga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Reiseñor da auga
Cettia cetti
37-090505-cettis-warbler-at-Kalloni-east-river.jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Suborde: Passeri
Infraorde: Passerida
Superfamilia: Sylvioidea
Familia: Cettiidae
Xénero: Cettia
Especie: C. cetti
Nome binomial
Cettia cetti
(Temminck, 1820)
Subespecies
  • Véxase o texto
Sinonimia
  • Sylvia cetti Temminck, 1820 (protónimo)

O reiseñor da auga,[1] Cettia cetti, é unha especie de ave paseriforme, da suborde dos Passeri, infraorde dos Passerida, superfamilia dos silvioideos e familia dos cetíidos, pertencente ao xénero Cettia.

É un pequeno paxaro, de cor parda arrubiada polas partes superiores e abrancazada polas inferiores,[1] propio da rexión paleártica, que cría na Europa meridional e central,[1][2] no noroeste de África e na Asia temperada, desde Turquía e a Federación Rusa até a China e o Xapón, pasando por Afganistán, Turkmenistán e o Paquistán.[3][4]

Características[editar | editar a fonte]

As pricipais caractarísticas do reiseñor da auga son:[1][5]

  • Mide de 13 a 14 cm de lonxitude.
  • Ambos os sexos son iguais.
  • A súa coloración é parda clara nas partes superiores, abrancazada nas inferiores, e coas costas e os flancos do ventre de cor lixeiramente apardazada.
  • Presenta unha cella (lista supraocular) clara.
  • As patas son rosadas.
  • Aa ás son curtas, e a cola, long, arredondada no extremo, e que ergue espasmodicamente.

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Cettia cetti en Montoliu de Lleida, Catalunya.
Ovos de Cettia cetti. Museo de Toulouse.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Adoita vivir entre arbustos moi mestos en zonas próximas á auga: ríos, regatos, lagoas e encoros. É moi difícil de observar debido aos seus hábitos retraídos de roldar polas zonas arbustivas onde habita.[1]

Costumes[editar | editar a fonte]

O reiseñor da auga revela a súa presenza cun forte canto, ruidoso e explosivo, moi característico, cun "chií" seguido dun "chiqui" ou "cuchi".[1][5]

Durante o verán, os machos pasan a maior parte do tempo establecendo os seus territorios, e por iso pasan pouco tempo coidando os ovos ou aos pitos. Os machos xeralmente atraen a máis dunha femia ao seu territorio.

Nutrición[editar | editar a fonte]

Cettia cetti aliméntase de artrópodos, como insectos pequenos e de corpo brando, e de larvas. Prefire os insectos pequenos porque os dixie máis rápido.[6]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Aniñan entre a vexetación moi mesta, xeralmente preto do solo.O niño, de pequeno tamaño, ten forma de copa. Nel a femia por de 3 a 5 ovos de cor rubia, que son chocados principalmente pola femia, durante 12 días. Os polos deixan o niño ao cabo de 10 ou 15 días. Teñen dúas roladas ao ano.[1]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1820 polo zoólogo neerlandés Coenraad Jacob Temminck, co nome de Sylvia cetti, na súa obra Nouveau Recueil de Planches coloriées d'Oiseaux, pour servir de suite et de complément aux planches enluminées de Buffon (1820-1839).

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Os nomes da familia, o xénero e a especia foron dedicados ao naturalista italiano Francesco Cetti (1726-1778).

Clasificación[editar | editar a fonte]

Segundo o ITIS, recoñécense as catro subespecies seguintes:[3][7]

  • Especie Cettia cetti (Temminck, 1820)
    • Cettia cetti albiventris Severtzov, 1873
    • Cettia cetti cetti (Temminck, 1820)
    • Cettia cetti orientalis Tristram, 1867
    • Cettia cetti sericea (Temminck, 1820)

Status[editar | editar a fonte]

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualifica, desde o ano 2004 até a actualidade, o estado de conservación desta especie como LC (pouco preocupante), debido a que ten unha área de dispersión moi grande e, polo tanto, non se acerca aos limiares de vulnerábel baixo os criterios de tamaño da área (uns 20 000 km2), e o tamaño da súa poboación (máis de 10 000 individuos maduros), que se estima que está aumentando.[4]

En Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia a especie é pouco común, aínda que está espallada por todo o territorio, especialmente polas zonas máis cálidas (vales da provincia de Ourense e as Rías Baixas).[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Penas Patiño et al. (1991), p. 248.
  2. Robinson, Robert A.; Freemen, Stephen N.; Balmer, Dawn E. & Grantham, Mark J. (2007): "Cetti's Warbler Cettia cetti: analysis of an expanding population". BTO 54: 230–235. (Resume).
  3. 3,0 3,1 Cettia cetti en Avibase.
  4. 4,0 4,1 Cettia cetti na Lista vermella da UICN. Versión 2016-3. Consultada o 12-04-2007.
  5. 5,0 5,1 Cetti's warbler en RSPB.
  6. Molina, Javier; Hodar, José A. e Camacho, Ismael (1998): "Diet of Cetti's warblers Cettia cetti (Temmink, 1820) in a locality of southern Spain" (PDF). Ardeola. 45 (2): 217–220.
  7. Cettia cetti (Temminck, 1820) no ITIS.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • del Hoyo, J.; Collar, N. J.; Christie, D. A.; Elliott, A.; Fishpool, L. D. C.; Boesman, P. & Kirwan, G. M. (2016): HBW and BirdLife International Illustrated Checklist of the Birds of the World. Volume 2: Passerines. Bellaterra (Barcelona): Lynx Edicions ISBN 978-84-96553-98-9.
  • Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos e Silvar, Carlos (1991): Guía de aves de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-87674-06-2.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]