Saltar ao contido

Rana aurora

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Rana aurora é unha especie de anfibio que vive no oeste de Norteamérica na rexión costeira que se estende desde o suroeste da Columbia Británica ao sur do condado de Mendocino no norte de California, e está protexida en Oregón e California.[2] Forma parte do xénero Rana, e como tal ten unha característica pel lisa sen verrugas. Esta ra necesita augas tranquilas para reproducirse e raramente se encontra a gran distancia das súas lagoas e pantanos de reprodución. O seu status de conservación é "pouco precocupante".[3]

Os adultos poden acadar unha lonxitude de 8 cm; teñen máscaras faciais escuras e unhas liñas claras características ao longo da mandíbula.[4] Teñen patas potentes e longas ben adaptadas a choutar. É unha das especies de anfibios con patas de tons vermellos da zona; a outra é Rana draytonii; pero esta última encóntrase ao sur do condado de Mendocino e cara ao sur ata Baixa California. Nalgunhas clasificacións taxonómicas, R. draytonii é clasificada como subespecie de R. aurora.[5]

Área de distribución

[editar | editar a fonte]

R. aurora encóntrase no oeste de Oregón, oeste de Washington e suroeste da Columbia Británica, incluíndo a illa de Vancouver.[3] En California, asúa área comprende todos os condados costeiros desde o suur do condado de Mendocino cara ao norte. Aínda que vive principalmente na zona da Cadea Costeira Californinana, non se encontra a alturas superiores a 1200 m. Tamén aparece algo menos comunmente no sur da Cadea das Cascadas.[2]

Os adultos de Rana aurora teñen unha pel lisa marrón ou marrón avermellada con pequenas marcas negras.

As augas tranquilas de lagoas, pantanos ou pozas nos ríos son o hábitat esencial desta especie;[6] ademais, considérase que está moi inclinada a preferir os hábitats acuáticos, cunha clara preferencia polas costas con vizosa vexetación.[7] R. aurora require refuxio, xa que está suxieta á depredación por parte de varios peixes, serpes, aves e mamíferos, e mesmo por outros anfibios. Cando esta ra percibe o perigo, mergúllase rapidamente a profundidades de 1 metro ou máis para buscar a seguridade da zona bentónica da lagoa. A introdución do peixe Lepomis gibbosus en América do Norte contribuíu a reducir as poboacións de Rana aurora e outros anuros.[8]

Os adultos abandonan as lagoas de reprodución en canto remata a actividade reprodutora e poden migrar aproximadamente medio quilómetro ata aos seus lugares de verán, que adoitan ser zonas de ribeira. Na parte norte da súa área de distribución, os adultos poden hibernar. Os xuvenís tardan máis en abandonar as lagoas de reprodución, pero tamén tenden a buscar refuxio en zonas de ribeira e poden migrar facilmente medio quilómetro no verán igual que os adultos. Os espécimes maduros comen insectos terrestres, pero tamén pequenos caracois e crustáceos;[9] ademais comen vermes, cágados, pequenos peixes e mesmo pequenas ras doutras especies. Os cágados son herbívoros.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Os machos e femias empezan a moverse cara aos sitios de reprodución xa en outubro, pero ás veces non o fan ata xuño, dependendo da latitude, acumulación de chuvias na estación e temperatura media.[7] Tipicamente, cómpren unhas temperaturas mínimas estables de 5,5 a 6,5 °C para inducir a reprodución. As observacións das migracións dos adultos fanse mellor nas noites de luar cando houbo chuvia lixeira. Os machos crese que defenden o seu territorio, unha vez que están nunha área da lagoa reprodutora, utilizando exhibicións nocturnas. De feito, a maioría da súa actividade ten lugar de noite, e están especialmente activos en períodos de chuvias lixeiras. O verdadeiro comportamento de cortexo comenza en xaneiro na zona californiana do seu rango, pero non ata marzo nas rexións do norte. En calquera caso, a estación reprodutora remata en xullo como moi tarde, e antes nos sitios máis secos.

Cada femia produce de 200 a 1100 ovos por estación, e adhire o paquete de ovos a vexetación submerxida ou troncos podres, caracteristicamente a uns de 7 a 15 cm baixo a superficie da auga.[4] Os conxuntos de ovos miden normalmente uns 10 cm de diámetro e poden dispersarse nunha forma irregular baixo a auga. Os ovos tardan en eclosionar de 39 a 45 días, e os cágados necesitan uns 80 días para realizar a metamorfose.[10]

O oviposición xeralmente ten lugar en partes das zonas húmidas pouco fondas e con mesta vexetación e escasa corrente. Os sitios de reprodución poden ser permanentes ou temporais, e xeralmente cómpre unha inundación en xuño para que a metamorfose se complete con éxito.[9] O dato de xuño está baseado nas condicións que se dan en Oregón, porque no norte de California a metamorfose ocorre a finais de maio ou principios de xuño. A reprodución iníciase cando a temperatura da auga excede os 6°C (xeralmente en xaneiro), mais pode atrasarse ata marzo na parte do extremo norte da súa área de distribución.

  1. IUCN SSC Amphibian Specialist Group (2015). "Rana aurora". Lista Vermella da IUCN (IUCN) 2015: e.T58553A78906924. doi:10.2305/IUCN.UK.2015-4.RLTS.T58553A78906924.en. Consultado o 9 December 2017. 
  2. 2,0 2,1 California Wildlife, Volume I: Amphibians and Reptiles, ed. by D.C. Zeiner et al., published by the California State Department of Fish and Game, May 2, 1988
  3. 3,0 3,1 {{{assessors}}} (2004). Rana aurora. 2006 Lista Vermella de Especies Ameazadas IUCN. IUCN 2006. Consultado o 5 May 2006. A entrada da base de datos inclúe un mapa de distribución e a xustificación de por que esta especie está considerada como en situación poucopreocupante. A entrada cobre R. aurora.
  4. 4,0 4,1 Stebbins, R.C. Amphibians and Reptiles of North America, McGraw Hill, New York (1954)
  5. Frost, Darrel R. (2018). "Rana draytonii Baird and Girard, 1852". Amphibian Species of the World: an Online Reference. Version 6.0. American Museum of Natural History. Consultado o 31 December 2018. 
  6. U.S. Department of Agriculture Northern Red-legged Frog profile (2003)
  7. 7,0 7,1 Red-legged Frog observations in the coastal ranges and development impact analysis, Lumina Technologies, Tiburon (1997)
  8. Michael J. ADAMS (2000). "pond permanence and the effects of exotic vertebrates on anurans" (pdf). Ecological Society of America (en inglés) 10 (2): 559–568. 
  9. 9,0 9,1 "Amphibian Declines: The Conservation Status of United States Species, edited by Michael Lannoo ©2005 website excepted from University of California Press". Arquivado dende o orixinal o 04 de abril de 2016. Consultado o 21 de abril de 2019. 
  10. G.W. Calef, Natural Mortality of Tadpoles in a Population of "Rana aurora", Ecology 54:741-758 (1973)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Hillis, D. M. & Wilcox, T. P. (2005): Phylogeny of the New World true frogs (Rana). Mol. Phylogenet. Evol. 34(2): 299–314. doi 10.1016/j.ympev.2004.10.007 PDF fulltext Arquivado 28 de maio de 2008 en Wayback Machine..
  • Hillis, D. M. (2007) Constraints in naming parts of the Tree of Life. Mol. Phylogenet. Evol. 42: 331–338.
  • Shaffer, H. Bradley, Gary M. Fellers, S. Randal Voss, Jeff Oliver, Greg Pauly. (2004): Species boundaries, phylogeography, and conservation genetics of the red-legged frog (Rana aurora/draytonii) complex. Molecular Ecology. 13(9): 2667-2677.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]