Saltar ao contido

Rana draytonii

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Rana draytonii
 Nome taxon
 Nome curto
    R. draytonii (mul) Editar o valor en Wikidata
Imaxe
 Instancia de
 Categoría taxonómica
 Conservación
Especie case ameazada
Clasificación taxonómica
SuperreinoHolozoa
ReinoAnimalia
FiloChordata
ClaseAmphibia
OrdeAnura
FamiliaRanidae
XéneroRana
EspecieRana draytonii Editar o valor en Wikidata
Baird e Girard Rana draytonii Editar o valor en Wikidata
Wikidata G:Commons C:Commons

Rana draytonii é unha especie de ra que se encontra en California (EUA) e norte de Baixa California (México). Anteriormente era considerada unha subespecie da Rana aurora e recibía o nome de Rana aurora draytonii, pero posterioremnte foi separada na súa especie propia.[1] A IUCN considéraa unha especie vulnerable e está na lista federal de especies ameazadas dos Estados Unidos, onde está protexida pola lei.[2][3]

Distribución

[editar | editar a fonte]

Vive en Califorma e no extremo norte de Baixa California ao noroeste de México.[2] Onde máis abunda é o longo das cadeas montañosas costerias de California do norte e sur, e en áreas illadas das ladeiras de Sierra Nevada.[2] As poboacións californianas máis ao sur actuais son as da Chaira de Santa Rosa no condado de Riverside, e as da Reserva de Espazo Aberto de Upper Las Virgenes Canyon nas Simi Hills ao leste do condado de Ventura, preto da comunidade de West Hills.[2][4] En 2015, masas de ovos recollidos nas Simi Hills foron introducidos en dous ríos das Montañas de Santa Mónica. Atopáronse ras novas vivindo nesas localidades un ano máis tarde.[5]

Descrición

[editar | editar a fonte]

R. draytonii é unha ra de tamaño mediano a grande de 4,4 a 14 cm. O dorso é marrón, gris, oliva ou avermellado, con pintas negras e manchas escuras irregulares de centro claro, e teñen grosos granulacións. Ten unha máscara escura con beiras abrancazadas sobre a mandíbula superior e pintas negras e vermellas ou amarelas nas inguas. A parte inferior do abdome e as partes inferiores das patas dianteiras son normalmente vermellas. O macho pode recoñecerse polas súas grandes patas traseiras, polgares e dedos palmados. As ras xuvenís teñen manchas dorsais máis pronunciadas e poden ter marcas amarelas en vez de vermellas na parte inferior das patas traseiras. Unha característica distintiva é o pregamento dorsolateral, visible a ambos os lados do animal, que se estende aproximadamente desde o ollo á cadeira. R. draytonii parécese moito a R. aurora.

Ecoloxía e comportamento

[editar | editar a fonte]

Estímase que esta especie desapareceu do 70% da súa anterior área de distribución e agora só quedan poboacións en 256 ríos ou cuncas de drenaxe de 28 condados de California.[6] Porén, a especie é aínda común ao longo da costa e a maioría do declive observado das poboacións ten lugar en Sierra Nevada e sur de California. Esta ra é unha importante fonte de alimento para a subespecie de serpe en perigo Thamnophis sirtalis tetrataenia no condado de San Mateo.

A reprodución ten lugar de novembro a marzo ou ás veces máis cedo cara ao límite sur da súa área. A chamada de anuncio do macho é unha serie de pequenos gruñidos, emitidos xeralmente mentres nada baixo a auga. Os coros son febles e facilmente pasan desapercibidos. Esta especie adoita ser activa polo día e habita en zonas de vexetación de ribeira densa, arbustiva ou emerxente e en corpos de auga tranquilos ou de augas lentas perennes ou efémeros que tamén lle serven como sitios de reprodución.

Os cágados (larvas) desta especie poden metamorfizarse en ras nuns 7 meses despois da eclosión do ovo ou poden pasar todo o inverno sen empezar a metamorfose ata 13 meses despois da eclosión.[7] Este é un descubrimento recente, que pode ter implicacións para a xestión conservacionista da especie, especialmente cando os hábitats acuáticos sofren modificacións.

Conservación

[editar | editar a fonte]
R. draytonii no seu hábitat
Masa de ovos

Esta ra está listada como ameazada e protexida polas leis californianas e as federais. A causa principal do declive da poboación é a perda de hábitat e a súa destrución, pero especies predadoras introducidas como Lithobates catesbeianus, poderían ser tamén un factor que inflúe negativamente.

2006

Despois de varios anos de litixio iniciado polas organizacións para o desenvolvemento do territorio como a Home Builders Association of Northern California e a opinion dos científicos, o Servizo de Vida Silvestre e Pesca dos Estados Unidos anunciou en abril de 2006 a designación duns 1800 km2 de hábitat crítico en California para a ra ameazada. Este hábitat protexido non indluía terras no condado de Calaveras, onde se situaba o relato curto de Mark Twain "The Celebrated Jumping Frog of Calaveras County" (A célebre ra saltarica do condado de Calaveras), que protagoniza esta especie.

2008

En setembro de 2008, o Servizo de Vida Silvestre dos Estados Unidos propuxo máis que triplicar o hábitat desta ra, citando manipulación política do anterior subsecretario adxunto Julie MacDonald no Departamento do Interior dos Estados Unidos. Segundo Los Angeles Times, "o desenvolvemento e destrución de zonas húmidas eliminara as ras de máis do 70% da súa área histórica. MacDonald reducira o que quedaba da área de distribución da ra nun 82%."[8] O condado de San Mateo e o de Monterey parecían albergar algunhas das maiores e máis saudables poboacións desta especie, especialmente en zonas húmidas costeiras.[9][10]

2010

En marzo de 2010, o Servizo de Vida Salvaxe e Pesca dos Estados Unidos anunciou a protección de 6500 km2 para esta especie en California, o cal tivo consecuencias no desenvolvemento e uso de ditas terras.[2][11][12] As maiores poboacións da ra recibirán protección nunha zona de 48 acres no condado de Placer.[13]

2015

Unha nova lei designou a ra R. draytonii como "anfibio do estado" de California. Actualmente está suxeita a protección por leis federais e estatais aprobadas en 1996. Aínda que a designación oficial como anfibio do estado non proporciona de seu protección legal como especie ameazada, serviu para salientar a importancia dos lugares de California onde vive para a súa protección.[14]

  1. Frost, Darrel R. (2018). "Rana draytonii Baird and Girard, 1852". Amphibian Species of the World: an Online Reference. Version 6.0. American Museum of Natural History. Consultado o 31 December 2018.
  2. 1 2 3 4 5 Hammerson, Geoffrey (2008). "Rana draytonii". IUCN Red List of Threatened Species 2008: e.T136113A4240307. doi:10.2305/IUCN.UK.2008.RLTS.T136113A4240307.en. Consultado o 31 December 2018.
  3. "California red-legged frog (Rana draytonii)". ECOS Environmental Conservation Online System. U.S. Fish and Wildlife Service. Arquivado dende o orixinal o 02 de xullo de 2017. Consultado o 28 de abril de 2019.
  4. Federal Register: "Endangered and Threatened Wildlife and Plants: Revised Designation of Critical Habitat for California Red-Legged Frog; Final Rule" Arquivado 07 de novembro de 2018 en Wayback Machine. . pg. 3 of pdf . accessed 6.16.2013
  5. Carlson, Cheri (June 15, 2015). "Gone for decades, red-legged frogs surviving in Santa Monica Mountains". Ventura County Star. Consultado o 5 March 2016.
  6. "Recovery Plan for the California Red-legged Frog (Rana aurora draytonii)" (PDF). Portland, Oregon: U.S. Fish and Wildlife Service. 2002. Consultado o 2013-04-03.
  7. Fellers, G. M., et al. 2001. Overwintering tadpoles in the California red-legged frog (Rana aurora draytonii). Herpetological Review 32:156–157.
  8. Cart, J. Room to stretch a frog's red legs. Los Angeles Times September 17, 2008.
  9. "California Red-Legged Frog". Wild Equity Institute. Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o August 29, 2011.
  10. "California Red-Legged Frog" (PDF). California Department of Pesticide Regulation. 2002. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de maio de 2017. Consultado o August 29, 2011.
  11. 6:19 pm (2010-03-16). "Endangered California Red-Legged Frog to Receive Large New Protected Habitat Area - Finally". Latimesblogs.latimes.com. Consultado o 2014-01-26.
  12. .PDF Maps of Northern and Southern Protected Ranges via FWS Arquivado May 13, 2008, en Wayback Machine.
  13. Perlman, D. Red-legged frogs get 48-acre preserve in Sierra. Arquivado 24 de maio de 2012 en Wayback Machine.San Francisco Chronicle November 24, 2010.
  14. Assembly Bill 2364 codified as Government Code §422.7. Effective January 1, 2015.
    "California red-legged frog named state amphibian". KPCC. Associated Press. 7 July 2014. Arquivado dende o orixinal o 28/04/2019. Consultado o 1 January 2015.
    "New California laws for 2015: Frogs, drones, Confederate flags". Los Angeles Times. 1 January 2015. Consultado o 1 January 2015.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]