Ramón Esturao Calvo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaRamón Esturao Calvo
Biografía
Nacemento31 de decembro de 1909 Editar o valor em Wikidata
Vidaloíso, España Editar o valor em Wikidata
Morte2002 Editar o valor em Wikidata (92/93 anos)
Guadalaxara, México Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmilitar , político Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Ramón Esturao Calvo, nado en Vidaloíso (Brión) o 31 de decembro de 1909 e finado en Guadalaxara (México) en 2002, foi un militar e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fixo o Bacharelato en Santiago de Compostela e iniciou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Na Segunda República ingresou en Izquierda Republicana, pero marchou a Vanguardia de Izquierda Republicana co seu amigo Xoán Xesús González en 1933.[1]

Cando estalou o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 incorporouse a un rexemento de artillaría, e logrou fuxir embarcando na Coruña no barco inglés Orbita o 21 de setembro rumbo á Habana. En Cuba ocupouse de actividades de propaganda na embaixada española da Habana. Ao ano seguinte regresou ao campo republicano vía Francia. Alistouse nunha brigada da 11ª División e participou na ofensiva de Aragón co grao de tenente. Estivo na defensa de Teruel e foille encomendada a organización do V Corpo do Exército en Cataluña. Ascendeu por méritos de guerra chegando a ser capitán no exército da República e comandante do V Rexemento. Foi capitán do Batallón Galego do V Rexemento de Enrique Líster. Coa caída da fronte de Cataluña pasou a Francia en febreiro de 1939 e foi internado na prisión de Montpellier e máis tarde no campo de refuxio nº 3 de Agde. Exiliouse en México embarcando no buque Ipanema que chegou a Veracruz o 7 de xullo de 1939.[2] Levouse ao exilio a bandeira galega coa que combateran as milicias, e despois entregouna ao Museo Carlos Maside.

En México creou, xunto con outros xefes e oficiais exiliados, a Asociación de Militares Leales a la República, que presidiu durante tres anos. Estivo vencellado ao Padroado da Cultura Galega de México e á revista Vieiros, e foi amigo persoal de Luís Soto, Carlos Velo, Florencio Delgado Gurriarán e Arturo Souto. Traballou como vendedor de libros, dirixiu a produción dunha industria de mosaicos, foi xerente da fábrica Celmex de fabricación de cubertos, pero dedicouse, sobre todo, á venda de equipos de oficina chegando a representar en nove estados á empresa de computadoras electrónicas UNIVAC de Sperry Rand Cop.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con Adelina Santaló Cortina, filla de Miquel Santaló Parvorell, refuxiado político catalán, coa que tivo dous fillos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tojo Ramallo, José Antonio (1990). Do Castro, ed. Testimonios de una represión. Santiago de Compostela Julio 1936 - Marzo 1937. Sada. p. 95. ISBN 84-7492-498-7. 
  2. Ficha no Departamento de Migración de México

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]