Saltar ao contido

Proporción (arquitectura)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ordes clásicas
Ordes clásicas

A proporción considera as relacións equilibradas entre os elementos dunha obra arquitectónica, as relacións xeométricas entre eles, e coa totalidade. É un concepto ligado ao de escala, que considera as relacións de tamaño dun obxecto con respecto á contorna e con outros obxectos.

Os elementos dun edificio son os volumes, os espazos cheos e baleiros, as estruturas e os elementos que a forman, e os detalles arquitectónicos que definen o espazo arquitectónico segundo unha unidade de medida. A relación entre as partes individuais é métrica e réxese en orixe pola xeometría euclidiana, a través dun módulo ou figuras como o círculo, o cadrado ou o triángulo.

Deste estudo das relacións deriva a proporción harmónica e a sección dourada da Grecia clásica onde as arquitecturas dos templos seguen regras precisas. Os romanos, dos que a maior referencia que chegou a nós é a de Vitruvio, estenderon esa concepción que influíu toda a arquitectura posterior, da Idade Media á arquitectura de hoxe en día, con variantes e innovacións renacentistas, barrocas e posteriores. No século XX varios arquitectos consideran fundamental a modulación; Le Corbusier proxectaba en base ao seu Le Modulor, que retoma un tema xa tratado por Leonardo da Vinci e Dürer, considerando o home como unha "medida" da creación ou máis modernamente como un "metro" do ambiente construído. Outras escolas incorporan o tema das proporcións modulares ás súas obras en base á funcionalidade e a estandarización dos perfís metálicos e as novas tipoloxías construtivas que permitiron.

Arquitectura grega

[editar | editar a fonte]
A fachada oeste do Partenón

A proporción na arquitectura alcanza a súa primeira teorización e valor na arquitectura grega, e está intimamente relacionada coa filosofía, as matemáticas e a música da Antigüidade clásica.

O termo grego ἀναλογία (analoxía) pode indicar a simetría entendida no seu sentido xeométrico, pero identificouse sobre todo co seu sentido da proporción e orde (oposta ao caos, ao confuso) na busca da semellanza que está por riba dos conceptos análogos, en particular na construción de templos. Para a harmonización do templo adoptaron o opistodomos, coa función de facer o edificio sagrado perfecto e harmónico (só en poucas ocasións se usaba como lugar cuberto para ofrendas). Ademais, a analoxía está directamente ligada á comensurabilidade (é dicir, co feito de que se poida medir un obxecto) dunha parte do templo con respecto ás súas outras partes e respecto ao templo en si. Por esta razón, nos templos gregos adopta o módulo, que representa o diámetro base das columnas, que se multiplica e dá como medida doutra parte do templo (por exemplo, a altura da columna na orde dórica tiña que estar entre seis e sete módulos ).

Arquitectura romana

[editar | editar a fonte]

Cicerón trasladou o concepto de analoxía grego ao de proporción. Vitruvio, no terceiro libro do seu tratado De Architectura, escribe que ningún templo pode ser proxectado sen estar baseado na simetría e na proporción, tal como analogamente está formado o corpo humano e os seus membros.

Relaciona o templo dórico cun home pola súa grandeza e compara as outras dúas ordes principais, a xónica e a corintia, respectivamente coa muller e a nena, en relación ás súas características.

Os escritos de Vitruvio tiveron unha importancia fundamental abarcando desde a enxeñaría e urbanismo aos postulados modulares sobre o corpo humano recuperados no Renacemento por Leonardo da Vinci. Vitruvio explica que a composición nace da simetría, esta da proporción e a proporción da razón (cociente, porción = división). Distingue entre raciocinatio, a parte intelectual da arquitectura, e fabrica, a parte práctica.

A arquitectura está composta por "ordinatio", "dispositio", "euritmia", "simetría", "decoración" e "distributio". A composición do corpo humano leva á composición de bases, capiteis, columnas en xeral. A compositio inclúe a proporción vinculada ao seu aspecto musical, no sentido pitagórico de harmonía cosmolóxica, tomando como unidade de referencia o módulo establecido ao determinar o ancho do templo (ordinatio). Vincula o concepto grego dos seis tons que naturalmente pode emitir o corpo humano, en grego «symphoniai», coas proporcións aplicadas ás ordes e ás proporcións construtivas.[1]

Interior do Panteón, pintado no s. XVIII por Panini. Mesmo sendo póstumo a Vitruvio, o seu excelente estado de conservación acháganos directamente a importancia dos seus principios construtivos

Resalta o concepto de euritmia (do grego 'eurythmia') como o aspecto rítmico fermoso e agradábel resultante da disposición das partes, da correspondencia entre altura e ancho e coa lonxitude, de xeito que o conxunto ten as proporcións. Isto non só será referido a templos; nas vivendas os espazos de cada habitación están suxeitos a razóns, o ancho dun cuarto está determinado pola razón da contigua e da principal. Así, o ancho do tablinum dependerá da dimensión do ancho da aurícula e pode ser 2/3, 1/2 ou 1/3, dependendo de se é máis pequeno ou maior o atrium. Porén, o concepto de euritmia é superior ao da mera proporcionalidade, e advirte que hai que atender con intelixencia á natureza do lugar, ao uso e ao aspecto externo do edificio, sendo necesario quitar ou engadir algo ás proporcións previamente establecidas, e mesmo facendo correccións ópticas para que a vista nada ache de menos.

Vitruvio influíu en obras de todo tipo, tanto en vida como postumamente, desde edificios como o Panteón de Agripa até a disposición de asentamentos en todo o Imperio Romano, incluídos castros galaicorromanos coma o de Viladonga, cuxas rúas seguen as disposicións vitruvianas.

Arquitectura medieval

[editar | editar a fonte]
Proporcións ad triangulum e ad quadratum da fachada da igrexa de Sant'Alessandro (Lucca)

A arquitectura medieval mantén moitos dos principios de Vitruvio, os arquitectos seguen a manter discusións sobre diversos aspectos da súa obra e a proxectar obras, en especial os templos, cos principios de simetría. A "Ordinatio" vitruviana significa tamaño axeitado, modulación e proporción. É a ordenación das partes con respecto a un módulo, que xorde como unha división da parte principal do templo, a fachada. Unha das inscricións do plano de San Gall, no século IX, alude a este concepto: "Ordine quas isto constituisse decet". Isidoro de Sevilla cita os principios de Vitruvio, dicindo que grazas ao arquitecto un edificio pode ter mérito pola súa elegancia, proporcións e simetría.

Moitas ordenacións urbanas medievais xiran arredor da catedral ou igrexa, que adoitaban ter simetría axial. Algúns edificios recuperan progresivamente os principios vitruvianos, parcialmente abandonados lapós a caída do imperio romano, e no románico e no gótico xorden novas maneiras de reproducir as arquitecturas modulares, en función das tipoloxías construtivas, e mesmo incorporan novos capiteis con distintas proporcionalidades ás columnas.

Estrutura basilical gótica

Paulatinamente vanse recibindo influencias orientais, a través de Bizancio, da cultura xudía e da arquitectura árabe coa súa particular concepción da xeometría e os elementos modulares, en parte derivada do seu aniconismo na arte relixiosa.

Arquitectura renacentista

[editar | editar a fonte]

O Renacemento busca a súa inspiración nunha interpretación propia da arte clásica, en particular na súa vertente arquitectónica, que se consideraba modelo perfecto das Belas Artes. Ao mesmo tempo, a pintura gañou un prestixio inédito e a escultura recuperou os canons da AntigüIdade. Produciu innovacións en diferentes esferas: tanto nos medios de produción (técnicas de construción e materiais construtivos) como na linguaxe arquitectónica, que se plasmaron nunha adecuada e completa teorización. Neste tempo a obra de Vitruvio toma un novo auxe teórico e de aplicación práctica. Un dato importante na definición da espacialidade do Renacemento é a incorporación da perspectiva como instrumento do proxecto arquitectónico e a noción de deseño como forma de coñecemento.

A principal ruptura co espazo medieval prodúcese no momento en que os arquitectos do Renacemento pasan a deseñar nos seus edificios un desenvolvemento no que as regras do deseño son facilmente asimilables polos usuarios do mesmo. A partir dunha análise obxectiva do espazo, presidido por un certo sentido empírico, chegan a conclusións que imporán o propio ritmo do edificio e a súa contorna.

O dominio da linguaxe clásica, para facer chegar estes efectos útiles nos edificios, fai posible o estudo da perspectiva. Como resultado, xorde unha arquitectura inserida nun "espazo perspectivo", integralmente aprehendido polo observador e cuxas relacións proporcionais se mostran de forma analítica e obxectiva.

Arquitectura barroca

[editar | editar a fonte]

O termo Barroco, derivado do portugués barru, (perla de forma diferente ou irregular), utilizouse nun primeiro momento de forma despectiva para indicar a desproporción, a falta de regularidade e de orde do novo estilo. A característica principal da arquitectura barroca foi a utilización de composicións baseadas en puntos, curvas, elipses e espirais, así como figuras policéntricas complexas compostas de motivos que se intercalaban unhas coas outras.

No barroco hai un cambio radical na forma de entender a cidade. O espírito da "cidade-estado" pechada do Renacemento dá paso á concepción de capitais relacionadas cos proto-estados. Os elementos formais gañan forza fronte ao carácter humanístico da polis grega. A cidade barroca vese como a imaxe do seu gobernante, cuxa importancia en ocasións se mide polo seu tamaño e número de habitantes.

A planificación centralizada da cidade ideal do Renacemento oponse á visión da capital barroca, máis dinámica e aberta aos seus propios límites, e ao mesmo tempo un punto de referencia para todo o territorio. Durante o Renacemento, a cidade pechouse en si mesma, física e sensibelmente, xa que habitar limitábase case exclusivamente ao que acontecía dentro das murallas. A menor escala, os espazos públicos eran raros e os privados moi frecuentes. O proceso de urbanización barroca foi o motor da configuración da cidade no seu conxunto. Así, a cidade comeza a formar parte da paisaxe e faise con ela. O exterior está integrado no interior como un membro máis do espazo. O que antes era unha planta pechada agora "ábrese" para producir un vínculo entre o artificial e o natural, provocando puntos de encontro entre o mundo da cidade e o mundo natural do xardín e da paisaxe.

En boa parte de Europa deuse un barroco menos rupturista cos canons e as proporcións clásicas, o que se chamou clasicismo barroco.

Arquitectura moderna

[editar | editar a fonte]
Xanelas da Escola de Chicago, as Chicago Windows

Nas seguintes épocas o concepto de proporción mudou de varios xeitos nos estilos neoclásico e ecléctico, chegando ao movemento moderno. A escola de Chicago xorde logo dun grande incendio que obriga a reconstruír a cidade, e dá a oportunidade de facer diversas innovacións. Emprega estruturas resistentes ao lume, pechamentos non portantes, que permitían abrir grandes ocos nas fachadas, dotando os edificios de moita luminosidade interior coas Chicago Windows que constaban dun módulo central cadrado fixo e dous módulos laterais rectangulares. En tanto arquitectura funcional (Louis Sullivan foi o autor da famosa frase "A forma segue á función" ) primaba os elementos construtivos fronte á decoración, que progresivamente desaparece dos edificios. Malia a desornamentación, os edificios organizábanse en tres niveis ao xeito dos pazos renacentistas do século XV: As plantas baixas (un ou dous andares) recubríanse con muros de perpiaño basto, as plantas intermedias ordenábanse mediante grandes pilastras verticais e as máis elevadas contaban cunha gran cornixa voada sobre a fachada. Esta composición daba ao edificio un aspecto de columna clásica, seguindo paralelamente as súas tres partes: basamento, fuste e capitel.

Porén, a Exposición Colombiana Universal de Chicago, é proxectada de acordo aos canons clásicos, o que paradoxalmente fixo que se volvese a pór de moda o clasicismo. Tanto Sullivan como Frank Lloyd Wright consideran equivocado ese novo camiño.

O racionalismo refírese tamén á proporción, con Mies van der Rohe estudando as relacións entre os elementos e os detalles construtivos dos seus rañaceos. Le Corbusier co Modulor elabora proporcións humanas e usa o número dourado para o deseño dos seus edificios en Europa e Asia.

  1. LORENTE, JUAN FRANCISCO ESTEBAN (2001). "LA TEORÍA DE LA PROPORCIÓN ARQUITECTÓNICA EN VITRUVIO" (PDF). Artigrama (en castelán) (16): 229–256. ISSN 0213-1498. [Ligazón morta]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Rudolf Wittkower, Principios arquitectónicos na era do humanismo, Londres, 1949; tr. el. Renato Pedio, Principios arquitectónicos na era do humanismo, Turín, Giulio Einaudi Editore, 1964.