Panteón de Roma
Coordenadas: 41°53′55″N 12°28′37″L / 41.89861, -12.47694
Panteón de Roma | |
---|---|
![]() | |
Presentación | |
Nome local | Il Pantheon |
Localización | Roma, ![]() |
Coordenadas | 41°53′55″N 12°28′37″L / 41.89861, -12.47694 |
Estrutura | Pedra |
Estilo | Arquitectura romana |
Tipo | Templo romano |
Propietario | Goberno de Italia |
Uso(s) | Templo |
Construción | |
Inicio | 421 a. C. |
Data da construción | Entre 113 e 124 |
Dimensións | |
Altura | 43'44 m. |
Lonxitude | 54'5 m. |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Apolodoro de Damasco (cúpula) |
O Panteón de Roma ou Panteón de Agripa (en italiano: Il Pantheon) é un edificio relixioso da Roma antiga que, en orixe, foi un templo consagrado a todas as divindades da relixión antiga, e que foi transformado nunha igrexa cristiá no século VII. É o único monumento do mundo antigo greco-romano que chegou até os nosos días practicamente intacto, de feito que non cesou aínda o seu uso desde que foi erguido.
O seu nome vén do grego πάνθειον (pántheion), adxectivo que significa «de todos os deuses», transformado en Pantheon polos autores latinos.
O Panteón está cuberto pola maior cúpula construída na Antigüidade que subsistise. Foi a meirande de Europa occidental até que, en 1436, Filippo Brunelleschi rematou a da catedral de Florencia.
É a arquitectura da Roma antiga que mellor conservada está[1] poque sempre estivo en uso. Foi reconvertido en igrexa cristiá no 608 e adicado á Virxe polo que hoxe é denominado, propiamente, como Basílica de Santa María ad Mártires, aínda que, o seu nome coloquial é Santa María Rotonda. Así, a praza fronte á edificación denomínase Piazza della Rotonda e dá nome a un distrito da cidade.
Hoxe é propiedade pública e está xestionado polo Ministerio de Bens e Actividades Culturais a través do Museo Central do Lacio.
Etimoloxía[editar | editar a fonte]
A palabra Panteón é, en realidade, un préstamo grego que a lingua italiana mantivo a través do latín: en grego τό πάνθειον é un adxectivo substantivo que indica "a totalidade dos deuses" e, na maioría dos casos, implica o substantivo ἱερόν (" templo "). Polo tanto, do grego τό Πάνθειον (ἱερόν) ("O templo de tódolos deuses") derívase o termo latino, usado por Plinio o Vello,[2] que deu orixe á palabra.
Dión Casio, un senador romano e historiador que escribiu en grego, formulou a hipótese de que o nome derivaba das numerosas estatuas de deuses colocadas ao longo das paredes do edificio ou da semellanza da cúpula coa bóveda celeste[3] A súa incerteza suxire que o nome Panteón (ou Panteón) era só un alcume, non o nome oficial do edificio.[4] De feito, o concepto de que podería haber un templo dedicado a todos os deuses é discutible. O único "panteón" realmente rexistrado polas fontes antes do de Agripa atopouse en Antioquía en Siria, aínda que só foi mencionado por unha fonte do século VI[5]. Ziegler intentou recoller probas sobre a existencia de pantheion, pero a súa lista só consiste en dedicatorias simples como "a tódolos deuses" ou "os doce deuses", que non son necesariamente citas de templos reais nos que se practicase un culto a tódolos deuses.[6]
Historia[editar | editar a fonte]
A construción realizouse en dúas etapas ou dous momentos: o Panteón de Agripa e o Panteón de Hadriano.
Panteón de Agripa[editar | editar a fonte]
O templo foi mandado construír por Marco Vipsanio Agripa, xenro de Octavio Augusto, a comezos do reinado deste no ano 27 a.C.[7] participando, deste xeito na política de embelecemento da cidade impulsada por Augusto[8] e quixo localizalo nas proximidades do Campo de Marte (Campus Martius) baixo a dirección de Marco Coceio Aucto.[9] De feito, situábase entre a Saepta Iulia e a basílica de Neptuno, construída a costa do propio Agripa nunha zona da súa propiedade, na que os baños de Agripa, a basílica de Neptuno e o propio Panteón estaban aliñados de sur a norte.[10]
Semella probable que tanto o Panteón como a basílica de Neptuno fosen a sacra privada de Agripa (edificios privados de uso sagrado) e non aedes publicae (templos de uso público).[11] Esta función menos solemne podería axudar a explicar por que a memoria do nome orixinal e a súa función se perderon con tanta rapidez e facilidade (Ziolkowski especula que foi orixinalmente o templo de Marte no Campus Martius).[12] Dedicoullo a todos os deuses e, especialmente a Marte e Venus, divindades protectoras da familia Xulia. A inscrición orixinal de dedicación do edificio, conservada no friso do pronao, logo da reconstrución hadrianea, reza: M.AGRIPPA.L.F.COS.TERTIUM.FECIT ("Marco Agrippa, fillo de Lucio, cónsul por terceira vez, fíxoo"). Para datalo, cómpre ter n econta que o terceiro consulado de Agripa correspondeu precisamente ao ano 27 a.C., aínda que Dión Casio o cita xunto coa basílica de Neptuno e o Gymnasium Laconiano entre as obras que Agripa completou durante o 25 a.C[13]
Polos restos atopados, afinais do século XIX, a uns 2,50 metros por debaixo do edificio sábese que este primeiro templo era rectangular (43,76x19,82 metros)[14] cunha cela disposta transversalmente, máis ancha que longa (como a Templo da Concordia no Foro Romano e o pequeno Templo de Veiovis no Capitolio), construído en bloques de travertino cubertos con lousas de mármore. O edificio estaba orientado cara ao sur, en sentido contrario á reconstrución de Hadriano, precedido dun pronaos no lado longo que tiña 21,26 metros de ancho. Fronte a ela había unha zona circular descuberta, unha especie de praza que separaba o templo da basílica de Neptuno, cercada por un muro reticulado e cun chan en lousas de travertino. Sobre estas lousas colocáronse outras lousas de mármore, quizais durante a Restauración de Domiciano. O edificio de Agripa, porén, tiña un eixe central que coincidía co do edificio máis recente, e o ancho da cela era igual ao diámetro interno da rotonda. Toda a profundidade do edificio augusto tamén coincidía coa profundidade do pronao de Hadriano.
A única fonte que describe cales foron as decoracións do Panteón de Agripa é Plinio o Vello, quen o viu en persoa. Na súa Naturalis Historia relata, de feito, que os capiteis estaban realizados en bronce de Siracusa[15] e que a decoración incluía caríátides e estatuas frontais. As cariátides, colocadas nas columnas do templo, foran talladas por Dióxenes de Atenas.[16] O templo daba a unha praza (hoxe ocupada pola rotonda de Adriano) limitada no lado oposto pola basílica de Neptuno.
Dión Casio afirma que o "Panteón" tiña este nome quizais porque albergaba as estatuas de moitas divindades ou máis probablemente porque a cúpula do edificio recordaba a bóveda celeste (e polo tanto as sete divinidades planetarias), e que a intención de Agripa era a de crear un lugar de culto dinástico, dedicado aos deuses protectores da Gens Iulia (Marte e Venus), e onde se colocou unha estatua de Octavio Augusto, e dese conxunto de divindades derivaría o nome o edificio. Dado que o emperador se opoñía a ambos, Agripa mandou colocar unha estatua do divino Xulio (é dicir, do César divinizado) dentro e, fóra, no pronao, unha de Octavio e outra de si mesmo, en celebración da súa amizade e do seu celo polo ben público.[17]
No ano 80, produciuse un grande incendio en Roma que asolou varios templos e, entre eles, o templo de Agripa quedou completamente destruído.[18] Foron restaurados por Domiciano e, segundo Suetonio, este tiña o seu nome gravado neles.[19]
Panteón de Hadriano[editar | editar a fonte]
O Panteón, volveu arder no 110 baixo Traxano e foi completamente reconstruído durante o reinado de Hadriano.[20] As marcas de fábrica achadas nos ladrillos de construción correspóndense cos anos 123–125, polo cal se supón que o novo templo foi inaugurado por Hadriano nunha data posterior, supóndose que o fixo entre 125 e 128. Aínda que ignoramos quen foi de certo o arquitecto que trazou a nova edificación, hai un consenso xeral entre os especialistas en atribuílo a Apolodoro de Damasco, se cadra o único capaz de acometer unha obra de tal envergadura, e que sabemos que vivía en Roma naquela altura.
No ano 609, o emperador bizantino Focas doouno ao papa, entón Bonifacio IV, quen o consagrou como igrexa cristiá, dedicándoo á María e aos mártires, de aí o seu nome de Sancta Maria ad Martyres; o mesmo papa fixo construír os altares e outras obras interiores. Esta nova dedicación posibelmente salvou o templo dunha máis que probábel destrución, como acontecería con moitos outros monumentos romanos ao longo, sobre todo, da Idade Media.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "Panteón de Agripa". disfrutaroma.com (en castelán). Consultado o 15 de setembro de 2020.
- ↑ Gaio Plinio Segundo, Naturalis historia, XXXIV,13 (en latín)
- ↑ Dión Casio, Storia romana, LIII, 27.
- ↑ Ziolkowski (1994), p. 271
- ↑ Thomas (2004), p. 17
- ↑ Ziegler, Konrat (1949). "Pantheion". Pauly's Real-Encyclopädie der Classischen Altertumswissenschaft: neue Bearbeitun (en alemán) (Stuttgart). XVIII: 697–747.
- ↑ Agripa non se converteu en xenro de Augusto ata máis tarde, no 21 a.C.
- ↑ Suetonio, Vida dos Doce Césares; Augusto, XXIX
- ↑ Adam (1984), pp. 306-307
- ↑ Dión Dione, Historia romana, Libro 53. 23.3 (en inglés).
- ↑ Ziolkowski (1999), pp. 55-56
- ↑ Ziolkowski (1994), p. 27
- ↑ Dión Casio, Historia Romana, LIII 27
- ↑ Bandinelli e Torelli, 1976, p. 124
- ↑ Plinio, Naturalis Historia, XXXIV, 7: Syracusana sunt in Pantheo capita columnarum a M. Agrippa posita.
- ↑ Plinio, Naturalis Historia, XXXVI, 38: Agrippae Pantheon decoravit Diogenes Atheniensis, et Caryatides in columnis Templi ejus probantur inter pauca operum, sicuti in fastigio posita signa, sed propter altitudinem loci minus celebrata.
- ↑ Dión Casio, Storia romana, LIII 27
- ↑ Dión Casio, Historia romana, LXVI 24, 2
- ↑ Suetonio, Vidas dos doce césares, Domiciano, V
- ↑ Elio Esparciano, Historia Augusta, Vida de Hadriano, 18
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Panteón de Roma ![]() |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Adam, Jean-Pierre (1984). La construction romaine (en francés) (3ª ed.). París: Picard. ISBN 2-7084-0104-1.
- Andreae, Bernard (1988). L’art de l’ancienne Rome. Col. L'art et les grandes civilisations (en francés). (edición orixinal de 1973 en Citadelles et Mazenod Édition). París: Editions d' Art Lucien Mazenod. ISBN 978-2850880049.
- Bandinelli, Ranuccio Bianchi; Torelli, Mario (1976). L'arte dell'antichità classica. Etruria-Roma (en italiano). Turín: UTET.
- Bandinelli e Torelli, 1976, Arte romana, scheda 124
- Cinti, Siro; De Martino, Federico; Carandini, Andrea; De Carolis, Marco; Belardi, Giovanni (2007). Pantheon. Storia e Futuro / History and Future (en italiano). Roma: Gangemi Publisher. ISBN 978-88-492-1301-0.
- Coarelli, Filippo (2002). Guide Archeologiche (en italiano). Roma/Milán: Mondadori. ISBN 88-04-48002-5.
- García Moreno, Antonio (1990). Arte romano. Col. Textos universitarios nº 1 (en castelán). Madrid: CSIC. ISBN 84-00-07077-1.
- Squadrilli, Tina (1997). Roma (en italiano). Milán: Rusconi editore. ISBN 88-18-12170-7.
- Thomas, Edmund (2004). "From the Pantheon of the Gods to the Pantheon of Rome". En Wrigley, Richard; Craske, Matthew. Pantheons; Transformations of a Monumental Idea (en inglés). Aldershot (Reino Unido): Ashgate. pp. 11–34. ISBN 978-0-7546-0808-0.
- Ziolkowski, Adam (1999). "Pantheon". En Steinby, Eva Margareta. Lexicon Topographicum Urbis Romae. Col. Soprintendenza Archeologica Di Roma (en inglés) (4ª ed.). Roma: Quasar. ISBN 978-8870970197.
- Ziolkowski, Adam (novembro de 1994). "Was Agrippa's Pantheon the Temple of Mars ‘In Campo'?". Papers of the British School at Rome (en inglés) 62: 261–277. ISSN 0068-2462. doi:10.1017/S0068246200010084.