Portal:Xabarín Club/Serie destacada/4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Neon Genesis Evangelion (en xaponés: 新世紀エヴァンゲリオン; Shin Seiki Evangerion; que quere dicir literalmente "O Evanxeo do Novo Século") tamén coñecida sinxelamente como Evangelion ou Eva, é unha serie de animación xaponesa, ou anime, producida por Gainax e Tatsunoko Production, dirixida por Hideaki Anno e emitida orixinalmente pola canle TV Tokyo dende outubro de 1995 até marzo de 1996. O anime conta con 26 episodios e o elenco de voces xaponesas orixinais inclúe a Megumi Ogata como Shinji Ikari, Megumi Hayashibara como Rei Ayanami e Yūko Miyamura como Asuka Langley Soryu. A música da serie foi composta por Shirō Sagisu.

Evangelion está ambientado quince anos despois dun cataclismo mundial, e a acción ten lugar especialmente na cidade futurística e fortificada de Toquio-3. O protagonista é Shinji, un mozo adolescente que é recrutado polo seu pai na sombría organización Nerv para pilotar unha máquina xigante (mecha) e biomecánica chamada "Evangelion" co obxectivo de combater os aliens chamados "Anxos". A serie explora as experiencias e emocións dos pilotos dos Evangelion, así como as dos membros de Nerv no seu intento de previr que ningún dos Anxos cause outro cataclismo, ó tempo que lidan cos movementos estratéxicos da organización e coa busca da verdade que se agocha detrás destes eventos. A serie contén conceptos e imaxes derivados da cábala, do cristianismo e do xudaísmo.

En Galiza, estreouse en galego no ano 2005 a través da TVG, dentro do espazo infantil e xuvenil Xabarín Club. Neon Genesis Evangelion recibiu a aclamación da crítica mais tamén xerou certa controversia. Particularmente controvertidos foron os dous últimos episodios, o cal levou ó equipo da serie a producir un final alternativo no filme de 1997 Evangelion: O final de Evangelion. Considerada como unha deconstrución do xénero mecha, a serie de televisión orixinal provocou o renacemento da industria do anime e converteuse nunha icona cultural. Filmes, manga, vídeos e outros produtos da franquía Evangelion conseguiron récords de vendas nos mercados xaponeses e un grande éxito internacionalmente, con 150 billóns de iens de ganancias nos produtos relacionados no ano 2007 e as máquinas pachinko de Evangelion xerando máis de 700 billóns de iens no ano 2015.