Portal:Suecia/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Suecia(en suecoSverige[ˈsværjɛ] (AFI)Sv-Sverige.ogg escoitar) é un país nórdico situado na península escandinava. Limitado ao norte e oeste con Noruega, ao norte e leste con Finlandia e ao suroeste con Dinamarca, polos estreitos de Skagerrak, Kattegat e Öresund, onde se atopa a ponte homónima que o conecta ambos países. Ademais está bañada polas costas do Mar Báltico, formando o Golfo de Botnia xunto con Finlandia.

É membro da Organización das Nacións Unidas e pertence a outras organizacións internacionais como o Consello de Europa, a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico e do Consello Nórdico. Ademais dende o 1 de xaneiro de 1995 pertencente á Unión Europea, sendo o terceiro estado membro máis grande dela e o quinto de Europa, o que xunto cunha poboación de pouco máis de nove millóns de habitantes, supón unha das menores densidades de poboación do mundo. Con todo a meirande parte dos suecos vive na parte sur do país, vivindo ademais o 85% deles en zonas urbanas. A capital é Estocolmo, sendo ademais a cidade máis poboada, chegando aos dous millóns de habitantes na súa área metropolitana. As dúas seguintes cidades máis poboadas son Gotemburgo e Malmö.

Os habitantes de Suecia gozan dun alto nivel de vida, e é un país xeralmente percibido como moderno e liberal. A conservación da natureza, protección do medio ambiente e a eficacia enerxética son polo xeral prioridade na formulación de políticas e contan con acollida por parte da poboación sueca en xeral. Suecia ten sido durante moito tempo un importante exportador de ferro, cobre e madeira, ademais na década de 1890, a escolarización universal e a industrialización permitiron ao país desenvolver unha gran industria manufactureira. No século XX foi clasificada constantemente entre os países con mellor Índice de Desenvolvemento Humano, ocupando en 2007 o sétimo posto a nivel mundial.

A lingua sueca é a lingua oficial do país, se ben dende 2009 outras cinco linguas son recoñecidas como linguas minoritarias no país. A moeda de Suecia é a coroa sueca (SEK).