Portal:Pobos indíxenas de América/Artigo destacado/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As linguas maias forman unha familia lingüística falada en Mesoamérica e norte de Centroamérica. As linguas maias son faladas por preto de 6 millóns de indíxenas maias, principalmente en Guatemala, México, Belize e Honduras. En 1996, Guatemala recoñeceu formalmente 21 linguas maias polo seu nome, e México recoñeceu oito máis dentro do seu territorio.

A familia maia é unha das mellor documentadas e máis estudadas das linguas americanas. As linguas maias modernas descenden do protomaia, unha lingua que se pensa que foi falada hai 5 000 anos e que foi parcialmente reconstruída usando o método comparativo. A lingua protomaia diversificou en seis pólas lingüísticas diferentes: a huasteca, quicheana, a iucateca, a q’anjob’al, a mameana e a ch'ol-tzeltal.

As linguas maias forman parte da área lingüística mesoamericana, unha zona de converxencia creada a través de séculos de interacción entre os pobos de Centroamérica. Tódalas linguas maias presentan os trazos diagnósticos básicos da súa área lingüística. Por exemplo, todas empregan substantivos relacionais no canto de preposicións para indicar relacións espaciais. Tamén posúen trazos gramaticais e tipolóxicos que os diferencian doutras linguas de Centroamérica, como o uso da ergatividade no tratamento gramático dos verbos, os seus suxeitos e obxectos, categorías flexivas específicas nos verbos e unha clase gramatical especial de "posicións" que é característica das linguas maias.