Área lingüística mesoamericana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Localización de Mesoamérica no continente.

A área lingüística mesoamericana é unha área lingüística que abrangue varias das linguas indíxenas que foron e son faladas na área cultural denominada Mesoamérica. O dominio lingüístico mesoamericano é definido por unha certa orde sintáctica, trazos fonolóxicos e léxicos, así como varios trazos etnolingüísticos detectados nas linguas dos pobos mesoamericanos. Isto ocorre mesmo tendo en conta que na rexión existe un gran número de familias (uto-azteca, maias, totonacanas, otomangueana, hokana e mixe-zoqueana) así como varias linguas amerindias cuxa filiación non foi demostrada, e polo tanto son consideradas como linguas illadas.

Historia da lingüística na área mesoamericana[editar | editar a fonte]

As semellanzas detectadas entre moitas das linguas mesoamericanas achegaron aos investigadores a evidencia para propor a constitución dun sprachbund dende 1959.[1] A proposta non se consolidou até 1986, cando Lyle Campbell, Terrence Kaufman e Thomas Smith-Stark empregaron unha rigorosa análise que demostraba que as similitudes entre varios idiomas mesoamericanos non podían pasarse por alto, para concluír que as orixes deste fenómeno foron causados pola difusión máis que por casualidade —e este é un dos criterios para a definición dunha área lingüística—.

No seu artigo "Meso-America as a Linguistic Area" (1986),[2] os devanditos autores exploraron varios trazos propostos para a área mesoamericana, dos cales desbotaron bastantes por achalos pouco sustentados ou non ser únicos da rexión. Porén, demostraron que cinco trazos característicos estaban bastante difundidos entre varios idiomas, nunha zona cuxos límites coincidían cos de Mesoamérica e probablemente tiñan orixe en fenómenos de difusión cultural. Compararon estas características cos trazos definitorios doutras áreas lingüísticas xa ben estabelecidas daquela —como Asia Oriental e a área lingüística dos Balcáns— e concluíron que a mesoamericana podería ser considerada entre as áreas lingüísticas que mellor coñecemos.[3]

Tamén sinalaron que algúns dos trazos que eles rexeitaron podían ser tomados en consideración para reforzar a proposta, pero que non os consideraron suficientes como evidencia, en comparanza cos elixidos por eles.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Juan Hasler, Una lingüistica Mesoamericana, publicado en la revista La Palabra y el Hombre da Universidade Veracruzana.
  2. Lyle Campbell, Terrence Kaufman e Thomas Smith-Stark: "Meso-America as a Linguistic Area", en Language, no. 62, vol. 3. 530-558
  3. Campbell, Kaufman e Smith-Stark, op. cit., p. 556.