Portal:Hóckey sobre xeo/Artigo destacado/6

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Ilves Naiset é un equipo feminino de hóckey sobre xeo fundado en 1971 na cidade de Tampere, Finlandia. Inicialmente tivo que xogar contra equipos masculinos de categoría júnior ao ser o único equipo feminino da cidade, e debutou contra un equipo feminino o 5 de marzo de 1978 en Espoo. Xoga na máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino de Finlandia, a Naisten Liiga, dende a súa tempada inaugural en 1982, e conquistaron o seu primeiro campionato finlandés en 1985. En total o equipo proclamouse campión de Finlandia 10 veces, sendo o segundo equipo máis laureado do hóckey sobre xeo finlandés por detrás de Kiekko-Espoo, que conta con cinco campionatos máis. En 2011 converteuse no primeiro e único equipo feminino finlandés de hóckey sobre xeo en conquistar un título continental logo de gañar a sétima edición da IIHF European Women's Champions Cup.

Logo de empregar distintas pistas da cidade, na década de 1980 o equipo xogou na pista de xeo de Koulukatu, e en 1989 trasladouse ao recentemente finalizado Tesoman jäähalli como pista para os seus partidos como local, onde xoga dende aquela.

O Museo finlandés do hóckey sobre xeo introduciu sete antigas xogadoras do equipo no seu Salón da Fama (coñecido como Suomen Jääkiekkoleijonat, en galego Leóns/leoas do hóckey sobre xeo finlandés), sendo Marianne Ihalainen unha das dúas primeiras mulleres homenaxeadas. O equipo retirou os números 10, 15 e 16 en honor a Anne Haanpää, Johanna Koivula, e a propia Ihalainen. Ademais, tres mulleres do equipo foron homenaxeadas no chamado "Ilves Hockey Legends", no que están incluídas algunhas das personalidades máis destacadas do equipos de hóckey sobre xeo de Ilves, tanto en categoría feminina como na masculina.