Portal:Dinamarca/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Dinamarca (Gl-Dinamarca.ogg pronunciación ) (en dinamarqués: Danmark), cuxo significado literal é "a terra ou marca dos dinamarqueses", oficialmente Reino de Dinamarca (Gl-Reino de Dinamarca.ogg pronunciación ) (en dinamarqués: Kongeriget Danmark), é o menor en extensión entre os países nórdicos, ademais de o máis meridional, formando parte de Escandinavia. Ten os seus límites terrestres ao sur con Alemaña e dende 1999 atópase unida por estrada e ferrocarril con Suecia pola Ponte de Oresund, ao sueste do país. Rodeada polos mares Báltico e do Norte, limita ao norte con Noruega a través do estreito de Skagerrak. Conta ademais con dous territorios dependentes, Groenlandia e as Illas Feroe, os cales gozan dun elevado nivel de autonomía. O territorio dinamarqués comprende 443 illas, entre as que destacan Selandia, Fionia, Vendsyssel-Thy, Lolland e Bornholm, a máis afastada do arquipélago. Esta posición deu a Dinamarca, historicamente, o control sobre o acceso ao mar Báltico.

Dinamarca é unha monarquía constitucional dende 1849, data na que quedou abolida a monarquía absoluta que rexera o país dende 1660, e converteuse en monarquía parlamentaria en 1901. En termos de permanencia, a monarquía dinamarquesa pode considerarse a segunda máis antiga do mundo, despois da casa imperial de Xapón, ao existir durante polo menos un milenio. Dinamarca forma parte da Unión Europea (aínda que non emprega o euro). Cando o país se adheriu á CEE en 1973, fíxoo sen as Illas Feroe, mentres que Groenlandia optou por separarse da CEE en 1985. Tamén se converteu nun membro fundador da OTAN en 1949, rematando coa tradicional política de neutralidade que o país sostivera ata ese momento.

Pola súa natureza pobre en recursos xeolóxicos, Dinamarca sostivo a súa economía na actividade agrícola grazas ás súas granxas, a explotación pesqueira e a industria naval. No último século, os dinamarqueses déronlle un pulo á industrialización do seu país e favoreceron o establecemento dun estado de benestar garantindo o acceso a servizos públicos dende que en 1933 se asinase o acordo de Kanslergade. Dinamarca foi ocupada polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial.