Bornholm (bɒːnˈhʌlˀm; nórdico antigo:Burgundaholmr) é unha illa dinamarquesa situada no Mar Báltico, ao leste de Dinamarca entre a costa sur de Suecia e Polonia. A illa de Bornholm, xunto a pequena illa de Ertholmene situada 18 quilómetros ao noroeste, conforman un concello rexional pertencente á Rexión Hovedstaden, unha das cinco rexións nas que se atopa dividido o país.
No ano 2017 a illa tiña unha poboación de 39.664 habitantes e unha superficie de 588,53 quilómetros cadrados.
Estratexicamente localizada no Báltico, Bornholm foi controlada por Dinamarca durante a maior parte da súa historia, aínda que tamén formou parte de Suecia e de Lübeck. As ruínas do castelo de Hammershus no extremo noroeste da illa dan testemuño da súa importancia en épocas pasadas.
As principais industrias da illa están formadas pola da pesca, a cerámica, a fabricación de reloxos e máis os produtos lácteos. Así mesmo, existen unha importante produción de bicicletas, caramelos e cristais, estes dous últimos na parte leste da illa. Por outra banda, cómpre salientar que o turismo é un foco económico básico durante os meses do verán. Un dos maiores atractivos turísticos da illa son as súas catro igrexas redondas.