Ponte de Gundián
Ponte de Gundián | |
---|---|
Localización | |
Coordenadas | 42°47′06″N 8°23′35″O / 42.784944444444, -8.3931666666667 |
Río | Ulla |
Concello | Vedra - A Estrada |
Provincia | A Coruña - Pontevedra |
Características | |
Construción | 1945 a 1956 |
Lonxitude | 219 m |
Gálibo | 78 m |
Tipo | Arco |
Material | Pedra |
A ponte de Gundián, tamén coñecida como viaduto de Gundián, é unha ponte que salva o paso do río Ulla, na antiga liña ferroviaria entre Ourense e Santiago de Compostela.
Situado á altura do lugar de Gundián, na parroquia da Ponte Ulla (Vedra), na parte coruñesa, e a parroquia de San Miguel de Castro (A Estrada), na banda pontevedresa.
Álzase sobre dous afloramentos de rochas cuarcíticas, nunha paraxe de gran beleza.
Características
[editar | editar a fonte]Construído en pedra (sobre unha armazón de ferro), alcanza unha lonxitude de 219 m, elevándose 86 m sobre o río Ulla. O arco central da ponte está a unha cota de 133 m, que supón unha altura de 78 m sobre o leito do río.[1][2]
Historia
[editar | editar a fonte]O trazado ferroviario Zamora-A Coruña foi unha das obras civís máis salientábeis do século XX en Galicia. Dentro deste trazado o paso do río Ulla destaca pola peculiaridade do terreo e as dificultades que presentaba a construción dun viaduto.[1] Situado no chamado Paso da Cova, que xorde ao cortarse a aba do Pico Sacro para dar paso ao río, formándose así un estreitamento entre dúas paredes duns 50 m de caída vertical,[3] o que converte a ponte de Gundián nun dos emblemas de toda a vía.
Proxecto
[editar | editar a fonte]En tempos da ditadura de Primo de Rivera no ano 1928, redáctase o primeiro proxecto para o trazado, obra de Casimiro Juanes Díaz-Santos. Pero o viaduto non foi unha realidade até 30 anos despois, tras episodios intermedios como a redacción dun proxecto reformado, que realizaron Antonio Gáscue Echevarria e Gabriel de Venido Angulo en 1935, o informe a principios do ano seguinte do enxeñeiro xefe da Xefatura de Ferrocarrís do Noroeste. O proxecto reformado non se aproba ata 1939, pasada a guerra civil. Novas medicións in situ fan variar o perfil do terreo aproximándose ao real. Na memoria descríbese:
"O desfiladeiro está formado por dous inmensos contrafortes de cuarcitas que se van separando entre si a medida que aumenta a altura, dende os 25 m ao nivel do río aos 48 m, a unha altura de 46 m sobre o leito do río."
Destaca o empeño pola integración paisaxística da ponte; diferentes factores do proxecto xustifícanse ou sométense a xuízo en favor da integración co contorno.[1][2]
Construción
[editar | editar a fonte]O seu construtor foi Ricardo Barredo de Valenuela, enxeñeiro de prestixio internacional,[4] home ligado á figura de Eduardo Torroja.[1] Abandonado o proxecto durante a guerra civil, ao seu termo o enxeñeiro xefe dos FF.CC. do NO emite o seu ditame favorábel para a construción da ponte, aprobándose un orzamento de 1.037.035 pesetas para levantar a que sería unha das pontes máis fermosas de Galicia.[2]
A ponte tardou en construírse 12 anos, de 1945 a 1956, aínda que entre 1949 e 1951 as obras estiveron paradas porque os obreiros foron destinados a outros puntos da liña onde obra ía máis atrasada.
Traballouse arreo, sen festivos nin paros, en dúas quendas, de 4 a 14 horas e de 14 a 22 e, en ocasións, coa axuda de farois; nalgúns momentos chegou a intervir unha terceira quenda.[2]
En 1945 iníciase a construción do túnel; primeiro nivelouse o terreo e posteriormente iniciouse a armazón de ferro até completar o arco central. Soldadores especializados ían construíndo pezas de dous ou tres metros, que posteriormente servían para facer o encofrado, desde estadais colgantes, o que era un labor moi difícil e perigoso, xa que, coas escasas medidas de seguridade da época, estaban pendurados a máis de 80 m do chan. Para cruzar o río usaban unhas longas varas, especie de xavelinas. En maio de 1955 colocouse a cimbra metálica do arco central e, un ano despois, quedaron unidos os dous lados do viaduto, que sería inaugurado en setembro de 1958.[2]
A nova ponte
[editar | editar a fonte]O ministerio de Fomento, a través da entidade Adif, comezou a execución dun novo viaduto do Ulla, unha das construcións incluídas no subtramo Silleda (Dornelas)-Vedra-Boqueixón, do eixe Ourense-Santiago de Compostela do Corredor norte-noroeste de alta velocidade, que forma parte da L.A.V. Olmedo - Zamora - Galicia.[5]
A nova ponte, que arranca a tan só 130 m da ponte de Gundián, construíuse no ano 2008. Trátase dunha estrutura singular de máis de 1 km de lonxitude, que está considerada de interese arquitectónico en España. A singularidade desta obra e a complexidade e orixinalidade da súa construción, fixo que o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia lle outorgara en 2001 o Premio San Telmo, co que este colectivo distingue a obra civil máis representativa en Galicia realizada durante o ano anterior ao da súa convocatoria.[6][7]
Valores paisaxísticos e deportivos
[editar | editar a fonte]A súa elegante estética, e a súa situación, converten este viaduto nun referente da comarca, e en centro de atención permanente de fotógrafos e sendeiristas.
Para os sendeiristas, habituais na zona, o viaduto é un atractivo máis nesta paraxe de gran beleza, nunha natureza pouco explotada, cun desfiladeiro de cuarcitas por cuxo fondo discorre un dos ríos máis longos e caudalosos de Galicia.[2] Desde o miradoiro de Gundián, a carón da ponte, comeza unha rota de senderismo que vai paralela ao río Ulla, duns 15 km, no cuso da cal existen varias áreas recreativas e un muíño restaurado.[3]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
A vía do tren, entrando no túnel
-
As dúas pontes actuais de Gundián: a nova (para o ferrocarril de alta velocidade), en primeiro plano, e a vella, ao fondo
-
Miradoiro de Gundián
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Viaducto de Gundián Arquivado 12 de xuño de 2018 en Wayback Machine. en IkiMap.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 El puente de Gundián sobre el Ulla cumple medio siglo Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en Líneas. La revista de Adif, 10 de outubro de 2008.
- ↑ 3,0 3,1 Mirador de Gundián Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en Casa rural Galicia. Blogdiario.com
- ↑ Cemento en Cerdedelo en La Región, Ourense, 18 de novembro de 2008.
- ↑ Fomento comeza a execución do arco central do Viaduto do Ulla no eixo Ourense-Santiago de Alta Velocidad Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en Qué!, 12 de maio de 2009.
- ↑ "Bases Premio San Telmo". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 02 de maio de 2015.
- ↑ Premios San Telmo anos 2009 e 2011 Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine..
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Viaduto de Gundián en IkiMap.
- Línea Zamora-Orense-La Coruña en Asociación Ferroviaria Zamorana (en castelán).
- PR-G36 Sendeiro de San Xoán da Cova en Turgalicia. Xunta de Galicia.
- Senderismo: PR-G 36 Sendeiro de San Xoán da Cova en Turismo por Galicia (en castelán).