Polieno (autor)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Polieno
Nacementoséculo I
 Macedonia (provincia romana)
Falecementoséculo IIxuliano
NacionalidadeRoma Antiga
Ocupaciónescritor, historiador e poeta
Coñecido porStrategemata
editar datos en Wikidata ]

Polieno (Πouλύαινoς), século II, foi un avogado macedonio que escribiu sobre materia militar.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

As noticias sobre Polieno son escasísimas: uns comentarios na Suda e o que del se deduce nos prólogos a cada un dos oito libros que compoñen a súa obra Estrataxemas (Στρατηγήματα).

Polo prólogo do libro I recoñécese o autor como un macedonio ao que lle vén de herdanza o poder vencer na guerra aos persas. Indica ademais que xa non está en idade de combater e reitera que é ancián; no libro II, asegura que compuxo a obra non mentres estaba ocioso, senón ocupado en defender preitos. Era, pois, un vello avogado macedonio que compón unha obra de carácter militar a base dun cúmulo de anécdotas (unhas 900 ao longo dos oito libros) que dedica a Marco Aurelio e a Lucio Aurelio Vero, naquel momento emperador e irmán adoptivo do mesmo, ante a inminente campaña contra persas e partos do Asia. A campaña, como non ignoramos, prodúcese no 166: é por forza palmario pensar que lle ocupou a Polieno os anos inmediatos a esta data.

Obra[editar | editar a fonte]

A Suda atribúelle a autoría de varios libros de táctica, cousa improbábel tendo en conta das deficiencias do autor nesta materia; non é un profesional da guerra como puidesen selo Tácito, Polibio ou Tucídides; mesmo carece do rigor e lucidez de Eneas o Táctico. Ás veces confunde autores que levan o mesmo nome ou atribúe a un xeneral as estrataxemas doutro, como as de Xulio César e Pompeio o Grande. Con todo foi considerado en Bizancio un experto en táctica militar e aínda León VI, emperador de Oriente, o utilizou como fonte para os seus Consellos estratéxicos no século IX.

Certas noticias do libro VI ofrecen a intención da obra, pois Polieno aparece como un historiador didáctico, exemplarizador e utilitarista e recolle os seus feitos non para mostrar o pasado, senón como unha colección de ensinos encamiñados a abastecer aos xenerais dun número suficiente de artimañas para cada ocasión exposta. Esta propedéutica aproxímao a Plutarco, (que morre corenta anos antes da data na que escribe Polieno; tamén grego, esta vez beocio), aínda sen o seu sentido moral nin as súas capacidades estilísticas. Aquilo que para un debe ser unha guía de comportamento, para este experto avogado transfórmase nun ensino material, no que se aprende a salvar as situacións adversas con todas as mañas posíbeis. Fachendea que vai tratar de narrar feitos verdadeiros. Non elucubra novas solucións para casos novos porque, sen experimentar con eles no campo de batalla, ben puidesen non funcionar. O oito libros dos Strategemata de Polieno terminan por transformarse nunha lectura de salón antes que nun manual de campaña, pero teñen importancia porque conserva non poucos textos de autores clásicos xa desaparecidos e da doxografía.

Polieno integra, xunto a Eneas o Táctico, Onasandro e Vexecio o cadro de escritores clásicos grecolatinos sobre estratexia militar e poliorcética.

Un manuscrito de Polieno foi propiedade do humanista Diego de Covarrubias (1512-1577). Polo menos desde 1781 era propiedade de Pedro Rodríguez de Campomanes (1723-1802), primeiro Conde de Campomanes e Ministro do Rei Carlos III e seguiu na propiedade dos seus descendentes até 1879. Pouco despois de 1879 pasou a propiedade de Francisco Fernández y González (1833-1917), profesor e Reitor da Universidade de Madrid.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Polieno: Estatagemas (Στρατηγήματα).