Lagarta dos penedos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Podarcis hispanicus»)
Lagarta dos penedos
Podarcis hispanica
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Sauropsida
Orde: Squamata
Suborde: Lacertilia
Familia: Lacertidae
Xénero: Podarcis
Especie: P. hispanica
Nome binomial
Podarcis hispanica
(Steindachner, 1870)
Área de distribución de Podarcis hispanica
Área de distribución de Podarcis hispanica

Área de distribución de Podarcis hispanica
Sinonimia
  • Podarcis atrata, (Boscá, 1916)
  • Podarcis hispanicus, (Steindachner, 1870)

A lagarta dos penedos (Podarcis hispanica)[1] é unha especie de réptil escamoso da familia dos lacértidos, unha das numeroas integradas no xénero Podarcis, que vive na maior parte da Península Ibérica, incluída Galicia (agás no norte), norte de África e sueste de Francia, onde segue o curso do Ródano ata Lión. Algunhas poboacións habitan en illotes achegados ás costas ibéricas como, por exemplo, as Illas Columbretes (onde existe a subespecie endémica P. h. atrata) ou algunhas illas galegas.

Nome científico[editar | editar a fonte]

O seu nome científico tradicionalmente é Podarcis hispanica, pero non está claro se a palabra Podarcis é masculina ou feminina. Algúns considérana masculina e, nese caso, o nome científico sería Podarcis hispanicus.[2]. A Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica dictaminará cal é o nome aceptado.

Descrición[editar | editar a fonte]

É a menor das tres especies de Podarcis que se encontran en territorio galego.[1] O rango de tamaños máis común entre os machos varía entre 4,2 e 5,9 cm da punta do fociño á cloaca, aínda que algúns individuos poden acadar os 6,5 cm. As femias, máis pequenas e gráciles, miden de 4,1 a 5,7 cm. O rabo pode chegar aos 10 cm, practicamente o dobre que o resto do corpo. Igual que noutros réptiles emparentados, parte do rabo despréndese e móvese freneticamente cando é atacada por un depredador, permitindo que a lagarta lisque. Ademais de no tamaño e a corpulencia, os machos diferéncianse das femias pola súa cabeza masiva, triangular e de escamas máis marcadas, e pola maior lonxitude das patas, sobre todo as traseiras.

Na época de celo, os machos presentan estes ocelos azuis nos costados

A cor e debuxo da pel varía enormemente dunha zona a outra e mesmo entre individuos dunha mesma poboación. En xeral é pardo-verdoso, ás veces avermellado na zona do dorso, pescozo e cabeza. Nesas partes poden aparecer manchas ou retículas, algo característico dos machos. Predomina a presenza de bandas laterais, especialmente nas femias, entre as que salientan dúas grosas e escuras que poden ir perfiladas por outras de tons amarelos máis delgadas. O peito, aplanado, é de cor amarelado e presenta menos escamas ventrais en machos (de 25 a 30) que en femias (de 28 a 36). O rabo tamén posúe unha gama de cores enormemente variable (pardo, verdoso, avermellado, amarelado ou mesmo azulado como é característico dos exemplares xuvenís), pero pode ser uniforme, con dúas cores distintas ou con manchas escuras aliñadas lonxitudinalmente.

Hábitat[editar | editar a fonte]

P. hispanica.

A lagarta dos penedos abunda con maior frecuencia en terreos rochosos ou pedregosos, onde conta de forma simultánea con plataformas onde tomar o sol e refuxios onde agocharse en caso de perigo. En zonas rurais habita tamén en casas e muros de pedra que lle proporcionan as mesmas características; encóntrase tamén en áreas de bosque, pradería e matos e toxeiras, aínda que as actividades humanas asociadas á agricultura extensiva puideron facela desaparecer dalgunhas zonas. As lagartas dos penedos non mostran un auténtico comportamento territorial.

Os exemplares desta especie non hibernan realmente, senón que se manteñen activos a maior parte do ano. Só a existencia de episodios realmente fríos en inverno pode forzalos a non abandonar os seus refuxios durante un tempo. Por esta razón, a especie está ausente nas áreas máis frías da Península Ibérica como o noroeste de Asturias e norte de Galicia, e nas áreas de montaña por riba dos 1.650 msnm.

Cobregón xuvenil engulindo unha lagarta dos penedos.

Depreda sobre todo insectos e arácnidos de menos de 25 mm de lonxitude, tanto en terra coma sobre as árbores. Á súa vez, é presa de múltiples depredadores entre os que están o lagarto arnal, varias cobras, aves e mamíferos carnívoros como a denosiña, o gato bravo e o doméstico (asilvestrado ou non).

Reprodución[editar | editar a fonte]

A época de celo é entre marzo e xuño, época en que son máis visibles. Os machos vólvense máis activos e pelexan entre eles, tratando de manter afastados aos seus competidores. Tras asegurarse do seu triunfo, o vencedor realiza unhas cópulas que poden chegar a durar unha hora, aínda que xeralmente son máis breves.

Durante eses meses, as femias realizan varias postas que oscilan entre 1 e 5 ovos, que se incuban coa calor ambiental entre 40 e 80 días. As crías nacen co corpo pardo e o rabo verde-azulado, polo que poden confundirse coas da súa parente a lagarta galega (Podarcis bocagei), de aspecto moi similar. A madurez sexual non chega ata o segundo ano de vida, cando roldan os 4,5 cm.

Taxonomía en revisión[editar | editar a fonte]

Dada a gran variabilidade morfolóxica e de cor da especie, non é de estrañar que nos últimos anos se cuestionase a súa natureza monotípica. Por esta razón, na actualidade estanse a levar a cabo diversos proxectos que pretenden facer unha mostraxe e estudo a grande escala da morfoloxía e xenética de cada poboación de lagarta dos penedos.

Os primeiros resultados indican que o grupo non é monofilético e tamén demasiado amplo como para tratarse dunha soa especie. O máis probable é que se realice unha revisión taxonómica da especie nun futuro próximo.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Pedro Galán Regalado, Gustavo Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Colección Montes e Fontes. Edicións Xerais de Galicia S.A. 1993. Páxina 325. ISBN 84-7507-722-6.
  2. "Podarcis hispanicus". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2009.  Cita= "O xénero de Podarcis foi considerado feminino por algúns autores (Arnold, 2000; Lanza e Boscherini, 2000; Montori e Llorente, 2005) e masculino por outros (Böhme 1997; Böhme 1998). Nós seguimos aquí a recente publicación de Böhme e Köhler (2005) considerando que o xénero Podarcis é masculino."
  3. Catarina Pinho; D. James Harris; Nuno Ferrand (2008). "Non-equilibrium estimates of gene flow inferred from nuclear genealogies suggest that Iberian and North African wall lizards (Podarcis spp.) are an assemblage of incipient species". BMC Evolutionary Biology 8 (63). doi 10.1186/1471-2148-8-63.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]