Lagarta dos penedos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Podarcis hispanica")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Podarcis hispanica
(Podarcis hispanicus)
Eidechse.1024.jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Sauropsida
Orde: Squamata
Suborde: Lacertilia
Familia: Lacertidae
Xénero: Podarcis
Especie: P. hispanica
Nome binomial
'Podarcis hispanica'
(Steindachner, 1870)
Podarcis hispanicus range Map.png

Sinonimia
  • Podarcis atrata, (Boscá, 1916)
  • Podarcis hispanicus, (Steindachner, 1870)

A lagarta dos penedos (Podarcis hispanica[1]) é unha especie de réptil escamoso da familia Lacertidae que vive na maior parte da península Ibérica, incluída a metade sur de Galicia, norte de África e sueste de Francia, onde segue o curso do Ródano ata Lión. Algunhas poboacións habitan en illotes achegados ás costas ibéricas, como por exemplo as Illas Columbretes (onde existe a subespecie endémica P. h. atrata) ou algunhas illas galegas.

Nome científico[editar | editar a fonte]

O seu nome científico tradicionalmente é Podarcis hispanica, pero non está claro se a palabra "Podarcis" é masculina ou feminina. Algúns considérana masculina e, nese caso, o nome científico sería Podarcis hispanicus[2]. A Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica dictaminará cal é o nome aceptado.

Descrición[editar | editar a fonte]

É a menor das tres especies de Podarcis que se encontran en territorio galego.[1] O rango de tamaños máis común entre os machos varía entre 4,2 e 5,9 cm da punta do fociño á cloaca, aínda que algúns individuos poden acadar os 6,5 cm. As femias, máis pequenas e gráciles, miden de 4,1 a 5,7 cm. O rabo pode chegar aos 10 cm, practicamente o dobre que o resto do corpo. Igual que noutros réptiles emparentados, parte do rabo despréndese e móvese freneticamente cando é atacada por un depredador, permitindo que a lagarta lisque. Ademais de no tamaño e a corpulencia, os machos diferéncianse das femias pola súa cabeza masiva, triangular e de escamas máis marcadas, e pola maior lonxitude das patas, sobre todo as traseiras.

Na época de celo, os machos presentan estes ocelos azuis nos costados

A cor e debuxo da pel varía enormemente dunha zona a outra e mesmo entre individuos dunha mesma poboación. En xeral é pardo-verdoso, ás veces avermellado na zona do dorso, pescozo e cabeza. Nesas partes poden aparecer manchas ou retículas, algo característico dos machos. Predomina a presenza de bandas laterais, especialmente nas femias, entre as que salientan dúas grosas e escuras que poden ir perfiladas por outras de tons amarelos máis delgadas. O peito, aplanado, é de cor amarelado e presenta menos escamas ventrais en machos (de 25 a 30) que en femias (de 28 a 36). O rabo tamén posúe unha gama de cores enormemente variable (pardo, verdoso, avermellado, amarelado ou mesmo azulado como é característico dos exemplares xuvenís), pero pode ser uniforme, con dúas cores distintas ou con manchas escuras aliñadas lonxitudinalmente.

Hábitat[editar | editar a fonte]

P. hispanica.

A lagarta dos penedos abunda con maior frecuencia en terreos rochosos ou pedregosos, onde conta de forma simultánea con plataformas onde tomar o sol e refuxios onde agocharse en caso de perigo. En zonas rurais habita tamén en casas e muros de pedra que lle proporcionan as mesmas características; encóntrase tamén en áreas de bosque, pradería e matos e toxeiras, aínda que as actividades humanas asociadas á agricultura extensiva puideron facela desaparecer dalgunhas zonas. As lagartas dos penedos non mostran un auténtico comportamento territorial.

Os exemplares desta especie non hibernan realmente, senón que se manteñen activos a maior parte do ano. Só a existencia de episodios realmente fríos en inverno pode forzalos a non abandonar os seus refuxios durante un tempo. Por esta razón, a especie está ausente nas áreas máis frías da península Ibérica como o noroeste de Asturias e norte de Galicia, e nas áreas de montaña por riba dos 1.650 msnm.

Cobregón xuvenil engulindo unha lagarta dos penedos.

Depreda sobre todo insectos e arácnidos de menos de 25 mm de lonxitude, tanto en terra coma sobre as árbores. Á súa vez, é presa de múltiples depredadores entre os que están o lagarto arnal, varias cobras, aves e mamíferos carnívoros como a denosiña, o gato bravo e o doméstico (asilvestrado ou non).

Reprodución[editar | editar a fonte]

A época de celo é entre marzo e xuño, época en que son máis visibles. Os machos vólvense máis activos e pelexan entre eles, tratando de manter afastados aos seus competidores. Tras asegurarse do seu triunfo, o vencedor realiza unhas cópulas que poden chegar a durar unha hora, aínda que xeralmente son máis breves.

Durante eses meses, as femias realizan varias postas que oscilan entre 1 e 5 ovos, que se incuban coa calor ambiental entre 40 e 80 días. As crías nacen co corpo pardo e o rabo verde-azulado, polo que poden confundirse coas da súa parente a lagarta galega (Podarcis bocagei), de aspecto moi similar. A madurez sexual non chega ata o segundo ano de vida, cando rondan os 4,5 cm.

Taxonomía en revisión[editar | editar a fonte]

Dada a gran variabilidade morfolóxica e de cor da especie, non é de estrañar que nos últimos anos se cuestionase a súa natureza monotípica. Por esta razón, na actualidade estanse a levar a cabo diversos proxectos que pretenden facer unha mostraxe e estudo a gran escala da morfoloxía e xenética de cada poboación de lagarta dos penedos.

Os primeiros resultados indican que o grupo non é monofilético e tamén demasiado amplo como para tratarse dunha soa especie. O máis probable é que se realice unha revisión taxonómica da especie nun futuro próximo.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Pedro Galán Regalado, Gustavo Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Colección Montes e Fontes. Edicións Xerais de Galicia S.A. 1993. Páxina 325. ISBN 84-7507-722-6.
  2. "Podarcis hispanicus". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2009.  Cita= "O xénero de Podarcis foi considerado feminino por algúns autores (Arnold, 2000; Lanza e Boscherini, 2000; Montori e Llorente, 2005) e masculino por outros (Böhme 1997; Böhme 1998). Nós seguimos aquí a recente publicación de Böhme e Köhler (2005) considerando que o xénero Podarcis é masculino."
  3. Catarina Pinho; D. James Harris; Nuno Ferrand (2008). "Non-equilibrium estimates of gene flow inferred from nuclear genealogies suggest that Iberian and North African wall lizards (Podarcis spp.) are an assemblage of incipient species". BMC Evolutionary Biology 8 (63). doi 10.1186/1471-2148-8-63.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]