Morcego común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pipistrellus pipistrellus»)
Morcego común
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Chiroptera
Suborde: Microchiroptera
Familia: Vespertilionidae
Subfamilia: Vespertilioninae
Tribo: Pipistrellini
Xénero: Pipistrellus
Subxénero: Pipistrellus (Pipistrellus)
Especie: P. pipistrellus
Nome binomial
'Pipistrellus (Pipistrellus) pipistrellus'
Schreber, (1774)
Distribución de Pipistrellus pipistrellus.
Distribución de Pipistrellus pipistrellus.

Distribución de Pipistrellus pipistrellus.
Subespecies
  • P. (P.) pipistrellus subsp pipistrellus, Schreber, (1774).
  • P. (P.) pipistrellus subsp aladdin, Thomas, (1905).
Sinonimia
  • Lacteus, Temminck, (1840).

O morcego común ou morcego anano (Pipistrellus pipistrellus) é unha especie de morcego moi espallado por toda Europa (dende a Península Ibérica até Rusia),[1] Norte de África, suroeste de Asia e probablemente Corea, o Xapón e Taiwán. É o máis pequeno dos morcegos europeos e coñécense colonias de máis de 1.000 exemplares. En casos excepcionais do centro e leste de Europa chegáronse a atopar máis de 10.000 animais en igrexas e cavidades subterráneas. Ao longo dos anos 90 separouse á subespecie Pipistrellus pipistrellus mediterraneus nunha especie propia, Pipistrellus mediterraneus.[2]

Pode vivir dende o nivel do mar até os 2.000 m. É moi común atopalo en zonas habitadas polo ser humano, vivindo en recunchos ou casas abandonadas, así como en xardíns e parques de cidade. Como refuxio poden usar buratos de árbores e rochas, así como fendas en edificios. Viven uns 5 anos de media aínda que se deron casos de animais con 15 anos de vida. A mortalidade é moi alta durante o primeiro ano de vida, chegando a acadar o 80%.

Descrición física[editar | editar a fonte]

Pipistrellus p. en voo

Mide de 3,5 a 5 cm, a envergadura das súas ás oscila entre 19 e 25 cm e son estreitas. Pesa de 3,5 a 8 g. As súas orellas son curtas, triangulares e cos vértices redondeados. Do mesmo xeito que outros morcegos da familia Vespertilionidae, Pipistrellus pipistrellus posúe un grolo pregado, de punta redondeada e especialmente longo e desenvolvido.

O óso premaxilar está fusionado ao maxilar e a súa fórmula dentaria é de 2/3, 1/1, 2/2, 3/3 (arriba/abaixo; incisivos, cairos, premolares e molares). O seu fociño é curto e presenta avultamentos glandulares a ambos os dous lados, que se desenvolven especialmente no outono, xunto ás glándulas labiais. Estas últimas constitúen as chamadas boqueiras, de cor abrancazada.

A súa pel é de cor marrón, de tonalidades variables, pero normalmente máis escuras que en Pipistrellus pygmaeus. As membranas das ás e cola son máis escuras e carecen de pelo. A pel da cara é máis escura que a do resto do corpo, chegando en ocasións ao negro.

Comportamento[editar | editar a fonte]

Normalmente son animais sedentarios aínda que se deron casos de exemplares que viaxaron varios centenares de quilómetros. As femias son máis remisas a cambiar de territorio.

É frecuente atopalos preto de farois e luces artificiais, cazando aos insectos que son atraídos até elas. Non son especialmente rápidos ou maniobrables en voo pero se que mostran unhas capacidades medias que lles permiten certa versatilidade tanto en terreos abertos como en pleno bosque.

Aínda que usualmente hibernan, poden verse nos días máis calorosos do inverno bebendo ou cazando ás horas máis calorosas.

Pipistrellus pipistrellus emite dous tipos de chamadas de ecolocalización: unha curta de 4 ms cun rango de 80-56 kHz, e unha longa de 51 kHz que chega a 10 ms. As chamadas son usadas para localizar e cazar ás súas presas, xa que os seus ollos están pouco desenvolvidos.

De caza
2 exemplares de caza
Distribución europea

Son animais moi intranquilos e nerviosos. O seu corazón latexa 700 veces por minuto.

Reprodución[editar | editar a fonte]

A época de reprodución ten lugar entre finais do verán e comezos de outono, de finais de agosto a finais de setembro. Os machos defenden territorios con até 10 femias. Realizan voos de cortexo ao redor das femias e emiten un forte cheiro a almiscre. Se a cópula prodúcese nun mal momento, as femias poden atrasar a fertilización dos óvulos, o cal é unha característica típica dos membros da familia Vespertilionidae.

As femias xestantes dan a luz unha ou dúas crías a finais de primavera ou principios de verán. Ás tres ou catro semanas de idade os recentemente nados xa son capaces de voar, e unha semana despois do seu primeiro voo xa son capaces de afastarse varios quilómetros do refuxio. As femias acadan a madurez sexual ao ano de vida e os machos aos dous anos.

Distribución[editar | editar a fonte]

Distribúese ao longo de Europa, Norte de África, Península Arábiga e subcontinente indio. En Europa atópase dende a España meridional até Dinamarca, acadando residualmente o sur de Suecia. En España atópase en todo o territorio, agás nas Illas Canarias. A súa área de distribución solápase coa do morcego de Cabrera.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Fauna Europaea - Mapa de distribución de Pipistrellus pipistrellus". Arquivado dende o orixinal o 04 de maio de 2015. Consultado o 05 de xaneiro de 2011. 
  2. Garrido García, J. A. (2006). "Morcego anano e morcego de Cabrera". Fichas de Fauna Silvestre Ibérica. Revista Dixital Sierra de Baza (en castelán). Proxecto Sierra de Baza. Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2019. Consultado o 4 de abril de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]