Pilularia americana
Pilularia americana | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Datos insuficientes[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Pilularia americana A.Braun, 1864 | |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
|
Pilularia americana é unha especie de pteridófita (fentos ou fieitos) da clase das polipodiópsidas, orde das salviniales e familia das marsileáceas, unha das cinco incluídas no xénero Pilularia.[2]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Descrición
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita en 1864 polo botánico alemán Alexander Karl Heinrich Braun, nun traballo publicado en Monatsber. Ak. Berl. 420. NPfl. 418.[2]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Para a do xénero, véxase Pilularia.
O epíteto específico, americana, refírese á súa área de distribución.
Sinónimos
[editar | editar a fonte]Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[2]
- Calamistrum americanum (A.Braun) Kuntze (protónimo)
- Calamistrum mandonii (A.Braun) Kuntze
- Pilularia caroliniana A.Braun
- Pilularia valdiviana Phil.
Características
[editar | editar a fonte]Pilularia americana é unha especie pouco usual de fieito. As sús frondes consisten esencialmente só en talos, perdéndose calquera forma de láminas aplanadas. Está relacionada cos chamados trevos acuáticos da familia das marsileáceas, e tamén cos xéneros Azolla e Salvinia, da familia das salviniáceas.
Esta especie, xunto con todos os outros fieitos acuáticos da orde das Salviniales, exhibe heterosporía e forma esporocarpos duros semellantes ás sementes, como fan os demais membros da orde. Os esporocarpos son claramente diferentes do xénero estreitamente relacionado Marsilea porque son globosos en Pilularia, mentres que están aplanados en Marsilea. Os fieitos do xénero Pilularia tamén perderon as láminas das follas, e só queda un estipe similar a unha herba. Porén, esta planta conserva a vernación circinada característica da maioría dos fieitos.[Cómpre referencia]
Distribución
[editar | editar a fonte]Pilularia americana está ben establecida en gran parte de California e o centro-sur de Oregón. Porén, só se atoparon presenzas locais noutros lugares do leste de América do Norte. Non se sabe se isto reflicte unha presenza xenuinamente esporádica ou se é o reflexo do feito de que se trata dunha planta pequena, semellante á herba, e que moi facilmente pasa despercibida. A miúdo é necesario un exame detido para comprobar que se trata dunha Pilularia. A especie tamén se ten citado en América Central e do Sur, aínda que investigacións científicas parecen confirmar que esas plantas son dunha especie separada, P. mandoni A.Braun.
Investigacións recentes determinaron que as plantas norteamericanas normalmente asignadas a P. americana son en realidade dúas especies diferentes (crípticas). As plantas da maior parte dos Estados Unidos son verdadeiros espécimes de P. americana, mentres que as plantas do sur de California e de México son diferentes e, de feito, están moi preto xeneticamente da especie australiana e neozelandesa, Pilularia novae-hollandiae,[3] e posibelmente sexan finalmente consideradas como parte desa especie.
Cultivo
[editar | editar a fonte]Esta planta cultívase facilmente nun hábitat axeitado e mantense doadamente. Pero tamén pode morrer nas estacións máis secas ou máis frías, rexenerándose o ano seguinte a partir dos esporocarpos. Dado que pertence ao grupo dos fieitos acuáticos, prefire ser emerxente en augas pouco profundas, con frondes emerxentes ao aire, ou medrar completamente fóra da auga, aínda que prefire estar enraizada no barro húmido.[Cómpre referencia]
Estado de conservación
[editar | editar a fonte]A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), considerando que é necesaria máis información sobre a distribución da especie, o estado da súa poboación e a súa tendencia na súa área de distribución, cualifica o status desta especie como DD (datos insuficientes).[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Ghogue, J.-P. (2010): Pilularia americana na Lista vermella da UICN. Versión 2020-3. Consultada o 17 de marzo de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Pilularia americana A.Braun no GBIF. Consultado o 16 de marzo de 2021.
- ↑ Nagalingum, Nathalie S.; et al. (2008). "Assessing phylogenetic relationships in extant heterosporous ferns (Salviniales), with a focus on Pilularia and Salvinia" (PDF). Botanical Journal of the Linnean Society 157 (4): 673–685. Consultado o 16 de marzo de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pilularia americana |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Pilularia americana |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Lellinger, David B. (1985): A Field Manual of the Ferns & Fern-Allies of the United States & Canada. Washington, D.C.: Smithsonian Institution. ISBN 0-8747-4602-7.
- Nagalingum, Nathalie S., Michael D. Nowak and Kathleen M. Pryer (2008): "Assessing phylogenetic relationships in extant heterosporous ferns (Salviniales), with a focus on Pilularia and Salvinia". Botanical Journal of the Linnean Society, 157 (4): 673–685.