Pierita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Pierita
Información persoal
Nome Andrés Domínguez Candal
Nacemento 16 de decembro de 1918
Lugar de nacemento Santiago de Compostela
Falecemento 24 de outubro de 1978
Lugar de falecemento Elx
Posición Dianteiro
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1935 Racing San Lorenzo
1935–1936 Vilagarcía FC
1936–1937 Lugo Sporting
1937–1939 Racing San Lorenzo
1939–1942 Elche
1942–1944 Málaga
1944–1950 Elche
1950–1952 Alcoyano
1952–1953 Orihuela Deportiva
1953–1954 Elche
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Andrés Domínguez Candal, coñecido como Pierita, nado en Santiago de Compostela o 16 de decembro de 1918 e finado en Elx o 24 de outubro de 1978, foi un mestre e futbolista galego que xogaba como dianteiro. Histórico futbolista do Elche CF, co que disputou 277 partidos en dez tempadas nos anos 40 e 50, foi durante sete décadas o máximo goleador da historia do club con 130 goles, ata que foi superado por Nino en 2020.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou no Racing San Lorenzo de Santiago de Compostela, onde recibiu o alcume de Pierita polo parecido entre o seu xogo e o do internacional do FC Barcelona Vicenç Piera.[2] Na tempada 1935/36 disputou co Vilagarcía FC o Campionato de Galicia, rematando o equipo en penúltima posición.

Na tempada 1936/37 fichou polo Lugo Sporting, co que debutou na oitava xornada do campionato galego fronte ao Club Coruña no Campo de Riazor.[3] O equipo lucense rematou na terceira posición só por detrás do Deportivo da Coruña e o Celta de Vigo.[4] Volveu ao Racing santiagués na tempada seguinte.[5]

En 1938 incorporouse á fronte de batalla da Guerra Civil co grado de alférez, e ao remate da contenda foi destinado a Murcia. Pouco despois fichou polo Elche CF, de Segunda División.[2] Xogou só os últimos catro partidos da tempada e marcou tres goles, aínda que o equipo acabou descendendo. Logrou ascender na tempada seguinte e tras un ano na categoría de prata fichou polo Málaga, tamén de Segunda, no verán de 1942.[6]

En 1944 regresou ao Elche, co que logrou un novo ascenso a Segunda na tempada 1948/49. Despois de descender ao ano seguinte, fichou polo Alcoyano, que militaba na Primeira División.

Debutou en Primeira División na primeira xornada da liga 1950/51 fronte ao Racing de Santander no Estadio El Collao e marcou un dos tres goles do seu equipo (3-3). Anotou un total de oito goles naquela campaña, incluído un gol na vitoria por 2-1 contra o Real Madrid. Con todo, o equipo descendeu a Segunda. Na seguinte tempada marcou 21 goles, sete deles na fase de ascenso a Primeira, pero sen conseguir o obxectivo de volver á máxima categoría.

En 1953 fichou polo. Orihuela Deportiva, que estaba na Segunda División. Fixo doce goles, descendendo ao remate da tempada. Ao ano seguinte volveu de novo ao Elche para formar parte da cooperativa que salvou ao club da desaparición.[7] Foi a súa terceira etapa como xogador do club ilicitano e nela acadou os 130 goles oficiais, anotados contra 43 equipos diferentes.[8] Foi durante sete décadas o máximo goleador da historia do club ata que en 2020 foi superado por Nino.[1][9]

Tras deixar o fútbol dedicouse á súa outra profesión, a de mestre, dando clases ata a súa xubilación.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Díaz, Adrián (11 de febreiro de 2020). "Nino, leyenda del gol". Marca (en castelán). Consultado o 7 de abril de 2021. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Biografía de Pierita". elche.me (en castelán). Consultado o 7 de abril de 2021. 
  3. "El campeonato". El Pueblo Gallego (en castelán). 29 de novembro de 1936. p. 7. Consultado o 7 de abril de 2021. 
  4. "El Lugo Sporting permanece imbatido". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de decembro de 1936. p. 7. 
  5. "El Racing de Santiago vence al Ferrol". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de febreiro de 1937. p. 5. 
  6. "Ficherias". El Pueblo Gallego (en castelán). 6 de xuño de 1942. p. 4. Consultado o 7 de abril de 2021. 
  7. Gambín, Santiago (12 de novembro de 2012). "La Cooperativa del Elche C.F. (1953-1955)" (en castelán). Consultado o 7 de abril de 2021. 
  8. "Los 400 de Nino" (en castelán). 26 de marzo de 2019. Consultado o 7 de abril de 2021. 
  9. "Historia de 132 goles" (en castelán). 10 de febreiro de 2020. Consultado o 7 de abril de 2021. 

 Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]