Saltar ao contido

Período Nara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaPeríodo Nara
Imaxe

Nomeado en referencia aNara Editar o valor em Wikidata
Localización
Xeografía
Parte de
Datos históricos
Precedido por
Creación710 Editar o valor em Wikidata
Sucedido porDinastía Heian Editar o valor em Wikidata

O período Nara (xaponés: 奈良時代, Nara jidai) da historia xaponesa vai do ano 710 ao 794.[1] A emperatriz Genmei estableceu a capital de Heijō-kyō (actual Nara), que da nome a esta era. Agás unha breve etapa de 5 anos (do 740 ao 745), sería a capital da civilización nipoa até que o emperador Kanmu fundou a cidade de Nagaoka-kyō en 784.

A sociedade xaponesa deste período foi fundamentalmente agrícola e rural. A meirande parte da poboación era xintoísta, unha relixión baseada no culto aos antepasados e aos espíritos da natureza, chamados kami.

A alta sociedade imitaba os patróns da civilización chinesa, incluíndo a escrita, a moda e mais relixión budista. A propia capital de Nara foi creada a imitación de Chang'an, a capital da dinastía Tang.[2]

Economía e administración[editar | editar a fonte]

Edificio principal do palacio Heijō (reconstrución actual)

Antes da redacción do código Taihō, a capital adoitaba trasladarse tras o pasamento do emperador, xa que se consideraba que a morte corrompía o lugar. As reformas e a burocratización do goberno levaron á fundación da primeira capital imperial permanente en Heijō-kyō, no ano 710. Porén, a capital tivo que situarse en Kuni-kyō (actual Kizugawa) entre 740 e 744, en Naniwa-kyō (actual Osaka) entre 744 e 745, e en Shigarakinomiya (actual Shigaraki) en 745, para volver a establecerse en Nara ese mesmo ano. Nara foi o primeiro núcleo urbano do Xapón, alcanzando unha poboación duns 200 mil habitantes (arredor do 7% do país), 10 mil dos cales traballaban para o goberno.

A actividade económica e administrativa incrementáronse durante este período. Creáronse estradas que unían Nara coas capitais de provincia, o que facilitou a recadación dos impostos. Cuñouse moeda, mais non eran aínda de uso común. Fóra da área da capital, apenas había comercio, e os sistemas de reforma da terra minguaron. Contra mediados do século VIII, os shōen, unha das principais institucións económicas do Xapón prehistórico, triunfaron como resposta ao problema da xestión da terra. A administración local fíxose progresivamente autosuficiente, namentres o declive do antigo sistema de distribución das terras e o aumento dos impostos conduciron á perda ou abandono dos terreos pola poboación, que pasou a ser furōsha ou vagabundos. Algunhas destas persoas comezaron a traballar para os grandes terratenentes, ao tempo que os terreos públicos foron transformándose en shōen.

As intrigas entre as distintas faccións da corte continuaron durante todo o período Nara. Os membros da familia imperial, as máis importantes familias da corte (como os Fujiwara), e os monxes budistas loitaron por gañar influencia. A comezos desta era, o príncipe Nagaya tomou o poder na corte tras o falecemento de Fujiwara no Fuhito, quen foi sucedido polos seus catro fillos, Muchimaro, Umakai, Fusasaki e Maro. Estes puxeron ao emperador Shōmu, neto de Fuhito por parte da súa filla, no trono. Coa morte dos catro irmáns a causa dunha epidemia de varíola que afectou á illa de Kyūshū en 735, houbo un declive do dominio dos Fujiwara na corte. En 740, Fujiwara no Hirotsugu organizou unha rebelión na rexión de Fukuoka. Esta sublevación, aínda que coutada, deixou unha fonda impresión e terror no emperador, que chegou a desprazar a súa capital tres veces en tan só cinco anos, até regresar finalmente a Nara en 745.

No plano fiscal, as cargas financeiras do estado aumentaron, e a corte desfíxose de moitos oficiais. En 792, descentralizouse o sistema militar, permitindo aos distritos establecer milicias privadas para exercer funcións policiais. Este movemento ía en contra de moitas das políticas do período, destinadas a unificar o poder en mans da casa imperial.

A capital mudou novamente de lugar en 784, situándose en Nagaoka-kyō. En 794, trasladouse a Heian-kyō (lit. "Capital da Paz e a Tranquilidade"), uns vinte e seis quilómetros ao norte de Nara. Cara ao século XI, a cidade chamábase popularmente Kyoto (lit. "Cidade capital"), nome que conserva na actualidade.

Cultura[editar | editar a fonte]

Shōsōin
A Pagode Occidental do templo Yakushi-ji, construída en 730
Bhaisajyaguru sentado

Establecemento do budismo[editar | editar a fonte]

Un dos grandes acontecementos culturais desta era foi a implantación do budismo no Xapón. Este chegou dende Baekje xa no século VI, pero non se establecería definitivamente até o período Nara, cando foi adoptado polo emperador Shōmu. Shōmu, xunto coa súa consorte do clan Fujiwara, foron afervoados budistas e promoveron activamente o seu espallamento como "gardián do estado" e como vía para reforzar as institucións xaponesas.

Durante o reinado de Shōmu, construíuse o Tōdai-ji (lit. "Gran Templo do Leste"). No seu interior mandou poñer a estatua do Gran Buda Daibutsu, de dezaseis metros de alto, feita en bronce dourado. Este Buda identificouse coa deusa do sol, favorecendo o sincretismo do budismo co xintoísmo. Shōmu declarouse "Servo dos Tres Tesouros" do budismo: o Buda, o dharma ou ensinanzas do budismo, e mais a sangha ou comunidade de crentes.

O goberno central fundou os templos coñecidos como kokubun-ji nas provincias. O propio Tōdai-ji era o kokubun-ji da provincia de Yamato (actual prefectura de Nara).

Case convertido en relixión de estado, o budismo de Nara elevou o status da familia imperial. A súa influencia na corte aumentou durante o reinado da filla de Shōmu, a emperatriz Kōken (r. 749-758), quen atraeu moitos monxes á capital. Kōken abdicou en 758 por recomendación do seu primo, Fujiwara no Nakamaro. Como emperatriz retirada, favoreceu ao relixioso budista Dōkyō, causando a fugaz rebelión de Nakamaro en 764. Kōken acusou ao emperador gobernante de conivencia cos sublevados, polo que retomou o trono co título de emperatriz Shōtoku (r. 764-770).

A emperatriz ordenou a impresión dun millón de talismáns de oración, os hyakumantō darani, moitos dos cales aínda se conservan. Estes pequenos rolos, datados de 770, cóntanse entre as primeiras obras impresas do mundo. A intención de Shōtoku era apouvigar ao clero budista. Especúlase que a emperatriz quería nomear ao propio Dōkyō emperador, mais faleceu antes de poder facelo. As súas accións conmocionaron á sociedade de Nara, o que motivou a exclusión das mulleres da liña de sucesión imperial e a remoción dos monxes budistas dos postos de autoridade.

Páxina do Kojiki
Páxina do Kojiki

Literatura[editar | editar a fonte]

Inspirada polas historias oficiais chinesas, a corte imperial nipoa comezou a rexistrar a súa propia historia, producindo as primeiras obras da literatura xaponesa. Destacan, sobre todo, o Kojiki e mais o Nihon shoki, que tiñan a función política de xustificar e fundamentar a supremacía do goberno da casa imperial.[3]

Co espallamento da lingua escrita, publicáronse tamén as primeiras poesías, do xénero waka. A máis longa escolma conservada é o Man'yōshū, compilada entre o 600 e o 759.[4] Este libro, do mesmo xeito que outros textos do período, empregaba os caracteres chineses para representar os sons do xaponés, un estilo de escritura coñecido como man'yōgana.[5] Destaca tamén o Kaifūsō, unha colección de poemas de estilo chinés.

Outros desenvolvementos culturais[editar | editar a fonte]

Moitas das obras de arte xaponesas e dos tesouros importados do estranxeiro durante o reinado de Shōmu e Shōtoku están arquivadas no Shōsō-in ou tesouraría do Tōdai-ji. Coñécense como "os tesouros do Shōsō-in" e ilustran a cultura cosmopolita chamada cultura Tempyō. As importacións amosan a influencia cultural das diferentes rexións da Ruta da Seda, como a China, Corea, a India ou o imperio islámico. O Shōsō-in contén máis de dez mil documentos en papel, atopados no reverso dos sutras ou no envoltorio dos obxectos, que proceden de escritos oficiais reutilizados. Estes textos contribuíron á investigación histórica sobre a sociedade e a política de Nara, así como ao estudo do desenvolvemento dos sistemas de escritura xaponeses (como o katakana).

Durante este período, creáronse os primeiros xardíns nipóns, que datan de finais do século VIII. As contornas de pedra dos estanques imitaban a natureza, a diferenza do estilo continental, máis monumental. Dous destes xardíns foron descubertos en diferentes escavacións de Nara. Entre as súas funcións, estaba acoller eventos de escrita poética.[6]

Relacións internacionais[editar | editar a fonte]

Con China[editar | editar a fonte]

A corte de Nara importou moitos coñecementos da civilización chinesa do seu tempo (a dinastía Tang)[7] grazas ás embaixadas diplomáticas (kentōshi) enviadas cada vinte anos á corte dos Tang. Moitos estudantes nipóns, tanto monxes budistas como laicos, estudaron en Chang'an e Luoyang. Un deles, Abe no Nakamaro, aprobou os exames imperiais chineses para o acceso a postos oficiais, chegando a exercer como gobernador xeral de Annam (na actual Vietnam) entre 761 e 767. Moitos destes estudantes regresaron ao Xapón para ocupar altos postos na administración do país, como Kibi no Makibi.[8]

Pola súa banda, a dinastía Tang nunca enviou unha misión oficial ao arquipélago, xa que os reis do Xapón, que se consideraban a si mesmos emperadores, non aceptaron ser vasalos da China. Secasí, o goberno local do val do baixo Yangtzé si mandou un grupo para devolver aos xaponeses que entraran en territorio chinés a través de Balhae. Estes enviados non puideron regresar ao seu país a causa da rebelión de An Lushan, polo que tiveron que permanecer no Xapón.

Cos hayato[editar | editar a fonte]

O pobo hayato do sur de Kyūshū estivo en constante conflito coa dinastía Yamato que gobernaba dende Nara.[9] Pénsase que tiñan unha orixe austronesia, cunha cultura única e moi diferente á dos nipóns.[10] Finalmente, serían subxugados baixo o ritsuryō.

Con Corea[editar | editar a fonte]

As relacións co reino coreano de Silla foron, nun comezo, pacíficas, con contactos diplomáticos estables. O ascenso de Balhae ao norte de Silla desestabilizou as relacións co Xapón. Balhae enviou a súa primeira misión a Nara en 728, onde foron recibidos como os sucesores do antigo reino de Goguryeo, co que Xapón estivo aliado até a unificación dos Tres Reinos de Corea debido a Silla.

Acontecementos relevantes[editar | editar a fonte]

  • 710: a capital do Xapón trasládase dende Fujiwara-kyō a Heijō-kyō, construída ao modelo da capital chinesa de Chang'an.
  • 712: publícase o Kojiki.
  • 717: fúndase o Hōshi ryokan, actualmente o segundo hotel máis antigo do Xapón e do mundo.
  • 720: publícase o Nihon shoki.
  • 735–737: unha devastadora epidemia de varíola espállase pola illa de Kyūshū, chegando a afectar á capital de Nara, matando arredor dun terzo da poboación das áreas afectadas.[11][12] A epidemia contribuíu á fundación de numerosas estruturas budistas, como medio para acalmar a enfermidade.[13]
  • 743: o emperador Shōmu emite un edicto ordenando a construción do daibutsu (Gran Buda), posteriormente situado no Tōdai-ji.
  • 752: complétase o daibutsu de Tōdai-ji.
  • 759: publícase o Man'yōshū.
  • 784: o emperador traslada a capital á actual Nagaoka.
  • 788: o monxe budista Saichō funda o mosteiro do monte Hiei, preto de Kyoto, que se converterá nun enorme complexo de templos.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]