Pediculose

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Pediculose
Clasificación e recursos externos
ICD-10 B85.0
ICD-9 132.0
DiseasesDB 9725
MedlinePlus 000840
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A pediculose é a infestación por piollos, que son insectos parasitos que se alimentan de sangue da orde dos Phthiraptera (ou Psocodea).[1] A pediculose pode darse en case todas as especies de animais de sangue quente, é dicir mamíferos, incluídos os humanos, e aves.[1] Aínda que a pediculose en humanos pode referirse propiamente á infestación de piollos en diversas partes do corpo realizada, segundo os casos, por algún dos tres tipos de piollos humanos (piollo da cabeza, do corpo e púbico), este termo utilízase frecuentemente de forma menos ampla para referirse máis especificamente, aínda que con menor precisión, á infestación polo piollo da cabeza ou pediculosis capitis, que afecta á zona da cabeza. No directorio oficial de nomes de enfermidades ICE10 no apartado "B.85. Pediculose e Phthiríase" inclúense varios tipos de pediculose.[2]

A pediculose humana pode dividirse nos seguintes tres tipos:[3]:446–8

Infestación polo piollo da cabeza[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Pediculose da cabeza.

Presentación[editar | editar a fonte]

A infestación polo piollo da cabeza ou Pediculus humanus capitis é máis frecuente en rapaces de entre 3 e 10 anos e as súas familias. O número de casos de infestacións por piollos da cabeza humanos incrementouse en todo o mundo desde mediados da década de 1960, chegado a centos de millóns de afectados cada ano.[4] Dáse tanto en países desenvolvidos coma non. Por exemplo, informouse de altos niveis de infestación en todo o mundo incluíndo países como Dinamarca, Suecia, Reino Unido, Francia, Australia e Estados Unidos.[5][6][7] É máis frecuente en mulleres e menos en persoas de ascendencia africana (crese que debido a diferenzas na textura dos seus cabelos).[8]

Os piollos da cabeza transmítense normalmente por contacto directo cabeza con cabeza dunha persoa infestada. É máis raro que se produza a transmisión por compartir peites, cepillos, toallas, roupa, camas ou armarios. Dos ovos ou lendias dos piollos nace unha ninfa que se converte en adulto. A ninfa e o adulto aliméntanse de sangue humano, para o que perforan a pel coas súas pezas bucais, excretan saliva anticoagulante e zugan o sangue. Isto irrita a pel e causa proído.[9] As lendias non poden transmitir a infestación. Os piollos non poden enterrarse na pel, e permanecen agarrados aos pelos. Gabean ben polos pelos, pero andan moi mal, non brincan e non voan (non teñen ás).

Curiosamente, ter o cabelo moi limpo non é un impedimento para a infestación por piollos.[10]

Diagnose[editar | editar a fonte]

Para diagnosticar a infestación debe peitearse todo o coiro cabeludo coidadosamente cun peite para piollos e despois examínanse os dentes do peite para ver se hai neles piollos vivos cada vez que se pase o peite. O uso do peite para piollos é o modo máis efectivo para detectar piollos vivos.[11]

Os síntomas máis característicos da infestación son o prurito (proído) na cabeza, que normalmente se intensifica 3 ou 4 semanas despois da infestación inicial. A reacción á picadura é moi suave e raramente se pode ver a área da picadura entre os pelos. Rañarse excesivamente as áreas infestadas pode causar chagas, que as veces se infectan. O piollo da cabeza non transmite doenzas infecciosas, a diferenza do piollo do corpo.

Tratamento[editar | editar a fonte]

Non hai un produto ou método que asegure a destrución ao 100% nun só tratamento dos ovos e dos piollos que eclosionan. Porén, hai varios tratamentos que poden empregarse, como tratamentos químicos, produtos naturais, peites especiais, afeitado da cabeza, aire quente, e locións baseadas na silicona. O tratamento farmacolóxico da pediculose inclúe o uso do crotamitón aplicado dúas veces nun intervalo de 24 horas e o lavado da cabeza a continuación; tamén se usa o bencil benzoato combinado con lindano e despois de 24 horas faise un lavado da cabeza.

Piollo do corpo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Pediculose do corpo.

Esta infestación está causada polo piollo do corpo (Pediculus humanus humanus, tamén chamado Pediculus humanus corporis[12]) que é un piollo moi relacionado co da cabeza (son dúas subespecies), pero que non vive na cabeza e ten algúns costumes e características distintas. Está adaptado a poñer ovos na roupa ou ás veces nos pelos do corpo, e a súa orixe evolutiva é máis recente. A diferenza do piollo da cabeza, o do corpo é o vector que pode transmitir enfermidades bacterianas como o tifo exantemático (producido pola bacteria Rickettsia prowazekii), febre das trincheiras (producido por Bartonella quintana) e febre recorrente (producida por Borrelia recurrentis).

Piollo pato ou púbico[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Pediculose púbica.

O piollo pato ou piollo púbico (Pthirus pubis) é un piollo que pasa toda a súa vida no corpo humano alimentándose de sangue. Está máis relacionado evolutivamente cos piollos doutros primates que cos outros dous piollos humanos da especie Pediculus humanus. Causa a pediculosis pubis ou ftiríase, xeralmente transmitida durante as relacións sexuais.

Outros animais[editar | editar a fonte]

Entre os animais domésticos, a pediculose é máis común no gando vacún.[13][14] Orixina problemas significativos, xa que pode causar unha perda de peso no animal de 28 a 36 kg.[13][15][16] Algunhas especies de piollo que infectan ao gando vacún son Damalinia (Bovicola) bovis, Haematopinus eurysternus, Linognathus vituli e Solenopotes capillatus.[1]

O gando infestado con pediculose bovina é xeralmente tratado con fármacos como ivermectina e cipermetrina.

Historia[editar | editar a fonte]

A pediculose afectou desde hai séculos tanto ás clases pudientes coma ás desfavorecidas. Un estudo dos restos do rei de Nápoles Fernando II de Aragón (século XV) revelou que estaba infestado co piollo da cabeza e o púbico, e que na momia había restos de mercurio, que se usaban por vía tópica para tratar a pediculose.[17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Lice (Pediculosis)". The Merck Veterinary Manual. Whitehouse Station, NJ USA: Merck & Co. 2008. Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2009. Consultado o 2008-10-08. 
  2. CIE10. Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. B85.0 Arquivado 18 de decembro de 2015 en Wayback Machine.
  3. James, William D.; Berger, Timothy G.; et al. (2006). Andrews' Diseases of the Skin: clinical Dermatology. Saunders Elsevier. ISBN 0-7216-2921-0. 
  4. Gratz, N. (1998). "Human lice, their prevalence and resistance to insecticides". Geneva: World Health Organization (WHO). 
  5. Burgess, Ian (January 2004). "Human Lice and their Control". Annual Review of Entomology (Annual Reviews) 49: 457–481. PMID 14651472. doi:10.1146/annurev.ento.49.061802.123253. 
  6. Mumcuoglu, Kosta Y.; Barker CS; Burgess IF; Combescot-Lang C; Dagleish RC; Larsen KS; Miller J; Roberts RJ; Taylan-Ozkan A. (2007). "International Guidelines for Effective Control of Head Louse Infestations". Journal of Drugs in Dermatology 6 (4): 409–14. PMID 17668538. 
  7. Pollack, Richard (2000). "Overdiagnosis and consequent mismanagement of head louse infestations in North America". Pediatr Infect Dis J 19: 689–693. PMID 10959734. doi:10.1097/00006454-200008000-00003. 
  8. "Lice (Pediculosis)". The Merck Manual. November 2005. Consultado o 2008-02-19. 
  9. Leung AKC and Robson LM (May 1, 2008). "Pruritis in Children: What's Itching?". Consultant for Pediatricians.
  10. http://www.nhs.uk/conditions/head-lice/Pages/Introduction.aspx
  11. Mumcuoglu KY, Friger M, Ioffe-Uspensky I, Ben-Ishai F, Miller J (2001). "Louse comb versus direct visual examination for the diagnosis of head louse infestations". Pediatr Dermatol 18 (1): 9–12. PMID 11207962. doi:10.1046/j.1525-1470.2001.018001009.x. [Ligazón morta]
  12. Buxton, Patrick A. (1947). "The Anatomy of Pediculus humanus". The Louse; an account of the lice which infest man, their medical importance and control (2nd ed.). London: Edward Arnold. pp. 5–23. 
  13. 13,0 13,1 Hussain M A, Khan M N, Iqbal Z, Sajid M S and Arshad M (2006). "Bovine pediculosis: prevalence and chemotherapeutic control in Pakistan". Livestock Research for Rural Development 18 (145). Arquivado dende o orixinal (– Scholar search) o 03 de decembro de 2008. Consultado o 2008-10-08. 
  14. Urquhart G M 1987 Veterinary Parasitology. 1st Edition ELBS., Logman House, Burnt Mill, Harlow. England, pp. 256-57
  15. Fadok V A 1984 Parasitic skin diseases of large animals. Veterinary Clinics of North America, 6, 3-22
  16. Loomis E C 1986 Ectoparasites of cattle. Veterinary Clinics of North America, 2, 299-321
  17. Fornaciari, G; Giuffra V, Marinozzi S; et al. (July 2009). "'Royal' pediculosis in Renaissance Italy: lice in the mummy of the King of Naples Ferdinand II of Aragon (1467-1496)". Memórias do Instituto Oswaldo Cruz 104 (4): 671–672. PMID 19722098. doi:10.1590/s0074-02762009000400026. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]